Un proxecto galego explora unha nova vía terapéutica contra o cancro de ovario

A iniciativa da UDC, que prevé menos efectos secundarios, recibe 150.000 euros do Consello Europeo de Investigación

A investigadora galega Elena Pazos Chantrero explora unha nova vía terapéutica e con menos efectos secundarios para tratar o cancro de ovario. O seu proxecto acaba de recibir 150.000 euros do programa ERC Proof of Concept, unha iniciativa do Centro Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés). O obxectivo da convocatoria é explorar o potencial comercial e innovador dun resultado xerado durante o desenvolvemento do proxecto principal. E iso é no que traballará nos próximos 18 meses Pazos Chantrero xunto ao seu colaborador Juan Fafián Labora, ambos os dous do Centro Interdisplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC).

A investigación parte de resultados preliminares obtidos en estudos con liñas celulares, nos que se identificou unha familia de péptidos con alta selectividade, capaces de eliminar células tumorais resistentes á quimioterapia sen afectar as células sas. O obxectivo agora é validar estes achados nunha contorna biolóxica máis complexa e estudar a súa viabilidade para un desenvolvemento clínico a longo prazo.

Publicidade

Ciencia responsable para terapias máis seguras

O equipo investigador subliña que o proxecto se atopa nunha fase temperá de desenvolvemento. Aínda que os resultados iniciais son prometedores, é cedo para falar de aplicacións clínicas. Por iso, insisten na importancia de comunicar estes avances con rigor, evitando xerar expectativas pouco realistas.

Ademais da validación experimental, o proxecto contempla a protección intelectual dos resultados e a análise do seu potencial de transferencia a futuras aplicacións terapéuticas.

Publicidade

Talento galego con proxección internacional

Natural de Marín (Pontevedra), Elena Pazos é doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria investigadora inclúe estadías en centros de excelencia como o Trinity College de Dublín (Irlanda), a University of Illinois at Urbana-Champaign e a Northwestern University, tamén en Illinois, (Estados Unidos) onde traballou no desenvolvemento de nanoestruturas peptídicas para aplicacións médicas.

En 2017 incorporouse á UDC como investigadora InTalent, onde fundou o grupo QuimBio, centrado no deseño de ferramentas químicas para aplicacións biomédicas. En 2019 recibiu unha ERC Starting Grant do ERC e foi investigadora Ramón y Cajal ata este ano. Este novo proxecto consolida a súa traxectoria como referente en investigación biomédica en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar