Unha vila que, probablemente, gran parte da poboación non sabía poñer no mapa ata hai uns días. Agora está na boca de todos. Os sucesos de Torre Pacheco, onde un grupo de ultras racistas, axitados polos movementos de extrema dereita e fomentados por grupos que promoven o odio, intentan acosar, perseguir e meter medo os inmigrantes que traballan, estudan e viven na localidade murciana. Ningún punto do planeta está libre de persoas con pensamentos racistas. Pero, que elementos psicolóxicos hai detrás destes comportamentos?
“O racismo é un fenómeno multinivel, con procesos individuais, interpersoais, grupais e estruturais”, concreta Fernando L. Vázquez, catedrático en Psicoloxía Clínica e director do grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía na Universidade de Santiago (USC). Segundo o experto, hai dúas teorías psicolóxicas que serven como enfoque. Por un lado está a Teoría da identidade social, na que as persoas tenden a favorecer o seu grupo fronte aos demais para manter a autoestima positiva. Por outra banda está a Teoría do conflito realista, na que estes comportamentos xorden cando os individuos perciben que hai competencia entre recursos limitados e que os seus intereses poden estar enfrontados. “Por exemplo, a vivenda, axudas sociais ou o emprego”, aclara Vázquez. Pero isto só é a nivel estrutural.
A situación de Torre Pacheco, cun 30% de inmigrantes na súa cidade, dista moito das de outras cidades galegas. O caso coa maior taxa de Galicia é Oímbra, unha vila moito máis pequena e na que representan menos do 20% da poboación. Tamén hai pequenas comunidades concentradas en vilas, pero sempre supoñendo unha porcentaxe reducida. É o caso dos caboverdianos, que supoñen o 6% dos habitantes de Burela. Ademais, non sempre hai un vínculo entre ese aumento de delitos de odio e poboación, como amosa un estudo. De feito, Galicia tiña unha maior taxa de delitos de odio por habitante que Murcia hai apenas dous anos, segundo un informe do Ministerio de Interior.
As consecuencias do racismo
“O racismo non só é a suma de actitudes individuais, senón unha estrutura de poder”, explica o psicólogo. Os nesgos e prexuízos aséntanse nunha persoa, segundo a Teoría da aprendizaxe social, pola observación e a imitación. Con todo, tamén polo reforzo por parte da sociedade. A partir de aí, eses comportamentos poden proxectarse.
Isto provoca moitas consecuencias negativas nos migrantes, segundo o informe O impacto do racismo en España. Pero hai grupos especialmente vulnerables, entre os que destacan aqueles presentes no ámbito educativo. “Na cativada e na adolescencia ten un tremendo impacto, porque afecta o rendemento escolar, o desenvolvemento emocional, a adaptación social e xera comportamento de retraemento, de agresividade”, explica. Pero no caso dos adultos tamén sofren unhas consecuencias psicolóxicas moi importantes: problemas de ansiedade, tristeza, desesperanza, estrés crónico e racial… E nos casos de agresións racistas, o estrés postraumático. Ademais, estas persoas discriminadas teñen tendencia á baixa autoestima, consumo de substancias, á interiorización dos estigmas e ao sentimento de inferioridade.
Nesgos cognitivos
En ocasións, as persoas racistas teñen dificultade para aceptar certos datos que van en contra dos seus prexuízos. Forma parte do que é un nesgo cognitivo: a persoa que interiorizou un prexuízo non o ve de forma obxectiva. “Fíxase naquilo que confirma as súas crenzas e desestima aquelo que as desmontan”, destaca Vázquez. O pasado 3 de xullo, unha compañeira de GCiencia sufriu comentarios racistas tras divulgar os resultados dun estudo xenético realizado por algúns dos maiores profesionais deste campo en Galicia. O traballo realizado polos expertos desvelaba que o 15% do xenoma galego ten raíces norteafricanas e de Oriente Medio. Un traballo que, ademais, é moi positivo porque pode axudar a diagnosticar e previr mellor as enfermidades dos galegos.
O experto destaca que existen tres tipos de racismo: o explícito (con actitudes abertamente negativas), implícito (realizadas en ocasións de forma inconsciente e que ás veces son sutís) e o simbólico. Este último, nega a realidade social que sofren esas persoas discriminadas.
A percepción do racismo
A maioría dos cidadáns españois utiliza adxectivos negativos para referirse aos migrantes. Esta situación, que desde comezos de século se estaba a reducir, volveu a coller unha tendencia ascendente na última década, segundo o mencionado informe do Ministerio de Igualdade. Nos últimos catro anos, observouse un incremento de catro puntos proporcionais e xa alcanza o 63% da poboación. Os grupos que máis perciben ter unha imaxe desfavorable seguen sendo a poboación xitana, árabe, e norte africana non árabe. Algo menos da metade da poboación (o 48%) non está de acordo coa imaxe que se ten sobre o seu grupo étnico.
A percepción do racismo por parte da propia cidadanía aumentou moi lixeiramente nos últimos anos. Con todo, cun detalle moi destacable: mentres que os colectivos discriminados consideran que se dá con moita máis frecuencia, a poboación branca e mediterránea pensa que ocorre menos, segundo o documento.
A percepción do racismo, porén, non é necesariamente algo negativo. En 2013, o ano no que o informe amosa algúns dos seus mellores resultados, a percepción desta era moito maior. De feito, mentres que en 2024 un 32,8% da poboación viviu ou foi testemuña dalgunha situación de discriminación racial, en 2013 esa taxa apenas chega ao 20,9%. A principal razón da discriminación, segundo aqueles que afirmaron ver estes sucesos, é a cor da pel.














