Un estudo pioneiro revela que o 15% do xenoma galego ten raíces no Norte de África e Oriente Medio

O grande atlas xenético de Galicia achega unha base fundamental para entender o diagnóstico de enfermidades e deseñar estratexias de medicina personalizada

Galicia xa conta co seu “retrato xenético” máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.

Coordinado polos equipos de investigación multidisciplinar GenPoB e GenViP liderados polos catedráticos da USC Antonio Salas Elllacuriaga e Federico Martinón Torres, este retrato xenético baséase na secuenciación completa do xenoma, o que permite unha análise exhaustiva do ADN en Galicia utilizando a máxima resolución dispoñible actualmente. Como explican Salas e Martinón, o resultado “permite reconstruír cun detalle sen precedentes a histórica demográfica e o perfil xenético da comunidade ao tempo que abre unha fiestra ao futuro da medicina personalizada en Galicia”.

Publicidade

Para o desenvolvemento da investigación analizáronse 1.100 xenomas completos, incluíndo individuos galegos e referencias tanto internacionais como de centos de mostras procedentes doutras rexións da península ibérica. Esta comparación permitiu “contextualizar os datos galegos dentro do panorama xenético máis amplo da península, revelando as súas particularidades, sen perder de vista as conexións compartidas”, aclara Antonio Salas.

Idiosincrasia xenética galega

O equipo de investigación sinala que aínda que a maioría do ADN é compartido con outras poboacións ibéricas e europeas, a poboación galega “esconde no seu xenoma unha sorpresa histórica: arredor do 15% do seu perfil xenético actual ten raíces no norte de África e Oriente Medio”, aclaran os investigadores. Á vista dos datos, o equipo sitúa esta influencia en momentos anteriores á expansión islámica que comezou en 711. “Este legado mesmo parece ter chegado moito antes, entre os séculos VI e VII” concretan. Os datos apuntan “a un posible goteo xenético de orixe norteafricana e oriental que tería comezado en época romana, cando a antiga Gallaecia mantiña contactos marítimos e comerciais con zonas do Mediterráneo e do norte africano”.

Publicidade

En opinión de Antonio Salas, “este achado non só cambia a narrativa simplista tradicional sobre a orixe desta pegada xenética, senón que reabre o debate sobre a intensidade e o alcance das conexións transmediterráneas que xa existían moito antes da invasión musulmá. Galicia, historicamente considerada unha esquina remota de Europa, revélase agora como unha terra aberta ao intercambio e á mobilidade dende hai séculos”. Os autores observan que a variabilidade africana é “lixeiramente superior no sur e sueste de Galicia, o que suxire que esta puido ser a súa principal porta de entrada”.

O estudo do ADN permite igualmente unha imaxe cun elevado grao de detalle xa que tamén achega información sobre como se transmite esta herdanza: principalmente por vía paterna, xa que ata un 21% das estirpes masculinas presentan orixes norteafricanas, especialmente relacionadas con poboacións bereberes como os mozabíes. En opinión de Antonio Salas, “este patrón apunta a migracións predominantemente masculinas, asociadas probablemente a intercambios comerciais, actividades militares, tráfico de escravos ou redes de mobilidade a través do Mediterráneo moito antes da ocupación islámica. Galicia, no extremo noroeste de Europa, confírmase así como un cruce de camiños máis diverso e antigo do que cabería imaxinar a primeira vista”.

Homoxeneidade xenética

Este último estudo mostra un patrón de homoxeneidade xenética da poboación de Galicia, cunha realidade máis cohesionada do que se podía pensar cos datos existentes ata o momento. Esta homoxeneidade xenética contrasta con outras rexións da península ibérica, onde as montañas e outras barreiras naturais puideron ter favorecido unha maior fragmentación poboación, aclara o equipo investigador. “En Galicia, a xeografía xogou a favor da mestura: sen grandes obstáculos internos, cunha rede peque nos núcleos rurais repartidos por todo o territorio e unha longa tradición de mobilidade por mar, polas rutas comerciais romanas ou a través do Atlántico, a poboación galega estivo historicamente conectada”, aclara Salas Ellacuriaga.

Conclúe o catedrático da USC que “o resultado é unha estrutura xenética uniforme, onde a endogamia ou o illamento ten un impacto moito menor do que se pensaba. Na práctica, Galicia, un territorio aparentemente periférico, revélase como un punto de encontro xenético máis integrado e dinámico do que se asumía”.

Medicina personalizada

Un dos aspectos máis innovadores do estudo é a súa capacidade para trazar, por primeira vez, un “mapa do risco xenético” de enfermidades comúns dentro de Galicia. Así, o equipo científico identificou como se distribúe a susceptibilidade xenética a doenzas como a diabetes tipo 2, o alzhéimer e o cancro en distintas comarcas galegas.

As medicións revelan que aínda que Galicia é unha rexión xeneticamente homoxénea en termos xerais, existen matices locais relevantes: “Aínda que os resultados son preliminares, apuntan a que zonas do interior presentan un risco xenético lixeiramente máis alto para enfermidades metabólicas como a diabetes tipo 2 e as costeiras mostran una propensión superior a enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer, a cardiopatía isquémica e o cancro de ovario, pero máis baixas para enfermidades de saúde mental como a esquizofrenia”. Ademais, engade Salas, algúns gradientes de risco están moi ben perfilados, “por exemplo, a fibrilación auricular ten un risco crecente desde o sur de Galicia cara ao norte”.

Estas diferenzas parecen ter raíces profundas, posiblemente asociadas a patróns históricos de migración, mestura xenética e pequenas variacións na consanguinidade ao longo de xeracións. Estas diferenzas que se observan nos mapas deste estudo abren a porta a futuras estratexias de prevención máis precisas, axustadas á realidade xenética de cada territorio. Con todo, Federico Martinón explica que “aínda que hoxe non sexa viable implementar esas campañas sanitarias a escala comarcal ou municipal, este tipo de información si permite explorar novas liñas de investigación e planificación preventiva máis axustada”.

Galicia, referencia esencial para a medicina de precisión

Máis aló do seu interese histórico, este estudo ten importantes implicacións para a biomedicina en Galicia: axudará a entender as actuacións que se están levando a cabo nos programas de screening poboacional e ofrece unha plataforma para poñer límites a, por exemplo, o alcance da farmacoxenómica e as terapias individualizadas a nivel rexional, ou sexa, o nicho da xenómica encargado de entender como a identificación de variantes locais pode afectar a metabolización de fármacos e optimizar tratamentos, axustar doses e minimizar efectos adversos.

“Grazas a este mapa xenético de alta resolución poderá pensar en redeseñar estratexias de cribado máis precisas e adaptadas ás necesidades reais da poboación galega, algo particularmente relevante en etapas clave como a infancia ou a adolescencia, onde esas intervencións preventivas poden ter un maior impacto a longo prazo”, explica Martinón.

Ademais, identificáronse variantes xenéticas que estaban infrarrepresentadas ou ausentes nas bases de datos internacionais como 1000 Genomes ou gnomAD. Este achado pon de relevo unha carencia importante na investigación xenética global como é a escasa representación de moitas poboacións rexionais, explican.

Salas conclúe que “ademais do interese académico, o atlas xenético galego non só reescribe aspectos clave do pasado de Galicia, senón que constitúe unha valiosa ferramenta para construír o seu futuro sanitario”.


Referencia: Whole-genome sequencing in Galicia reveals male-biased preIslamic North African ancestry, subtle population structure, and micro-geographic patterns of disease risk (Prepint no repositorio Biorxiv)

1 comentario

  1. As conclusiós deste estudo concordan co coñecemento e evidencias que xa sabíamos: a exixtencia de léxico, toponimia, hidronimia… preindoeuropeo na língua galega e en consonancia ca mitoloxía que fai refencia ós antergos do noso país coma o Lebor Gabála Érenn ou libro das invasiós de Irlanda, onde relata a historia de Breogán i-a súa ascendencia familiar cos seus respectivos nomes e que viñan.. de terras mediterráneas!. Case me atrevería a dicir que este xen ‘mediterraneo’ é o mesmo que podemos atopar noutros pobos da Europa atlántica; en Breizh (sobretodo no sur), en Eire (eis o caso dos ‘black irish’) ou en Alba, sobretodo nas illas. Polo que máis ben, dende o meu punto de vista, esta aportación xenética (boa parte dela) é muito anterior á romanización (en parte) da nosa terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento