Antonio Salas Ellacuriaga colle o teléfono. Está na recta final do curso e as semanas antes de coller vacacións sempre veñen cargadas de présas. Pero nesta axitación de documentación e peche de proxectos, fai un oco para debullar o seu último estudo. Un estudo apaixonante e rompedor que desentraña o ADN dos galegos. Si, un ADN que realmente non existe, porque non existe un ADN propio, senón mesturado e compartido co resto do mundo. E de feito, a investigación que lidera xunto ao seu compañeiro Federico Martinón Torres, rompe cos esquemas previamente establecidos. Galicia nunca foi unha zona illada, senón rica en intercambios comerciais.
Pero máis alá de achegarnos ás claves da nosa historia como pobo, Salas e Martinón, xunto aos seus equipos da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), trazan outras cuestións de interese biomédico. Crean mapas de risco de enfermidades comúns como o cancro de ovario, o alzhéimer e o autismo. E determinan que zonas de Galicia teñen máis risco xenético de desenvolvelas. Unha información clave para o futuro deseño de políticas de saúde pública ou, cando menos, para a toma de decisións ao abeiro da medicina personalizada.
Falamos con Antonio Salas das claves do seu estudo e das posibilidades de futuro dunha investigación pioneira.
—Presentan un artigo con moita información interesante.
—Todas as poboacións humanas se poden interpretar de maneira poliédrica. Neste estudo contamos moitas historias dende distintos ángulos: o antropolóxico molecular, a endogamia, a estratificación da poboación, a biomedicina…
—Traballaron con 1.100 xenomas. De onde extraeron estes datos?
—Recollimos unha mostra poboacional baseada nun criterio de ancestralidade e de pertenza ao territorio a través dos seus avós. É dicir, os galegos que cederon o seu xenoma teñen unha trazabilidade xenealóxica en Galicia que, polo menos, se remonta aos avós. E a mostra tamén é bastante rural porque nas cidades, normalmente, hai maior mestura recente. As vilas conservan máis a tradición xenealóxica. Ademais, as mostras recollidas representan persoas que viviron preto dos seus avós, a unha media duns 10 quilómetros.
Cremos que o compoñente musulmán é anterior á conquista do 711
—Como se adoita dicir, galegos de pura cepa.
—Si, exacto. Pero o estudo, precisamente, atopa o contrario. Non existe a pureza en ningunha poboación humana. Nesta investigación procuramos buscar as raíces galegas porque, senón, o que estariamos mirando sería froito dunha demografía recente e non da historia. Fixemos unha recollida de mostras coa que se puideran facer distintas lecturas, e a histórica é importante. E, para iso, precimos ter uns representantes que fosen galegos. Hai unha frase coñecida do xenetista Mark Jobling. Ante a pregunta de onde somos, a resposta sería de todas partes. É dicir, que aínda que collemos mostras de galegos cos catro avós galegos, non significa que haxa un ADN galego. Iso non existe. En Galicia hai unha arquitectura xenética que está mesturada dende tempos moi antigos. No estudo falamos dos romanos pero poderiamos ir moito máis atrás, incluso ao Paleolítico.
—Unha das conclusións máis rechamantes é que arredor do 15% do xenoma galego ten raíces no norte de África e en Oriente Medio. Por que?
—Si, para min é unha parte especialmente atractiva. Se ti escolles persoas co criterio de ancestralidade e analizas o seu xenoma, ves que aproximadamente o 15% se pode remontar ao norte de África e a Oriente medio. Isto é unha media, unha estimación. A porcentaxe pode variar.
—Por que esta conclusión é tan reveladora?
—Xa falamos en anteriores artigos da composición africana do xenoma galego e doutras partes de España. O realmente atractivo é a datación e, tamén, a necesidade de considerar esa visión de que todo o norteafricano débese a partir da conquista musulmá do 711. Para nós é unha perspectiva moi simplista e facilona. Abrimos unha fiestra totalmente diferente e cremos que ese compoñente musulmán ou, polo menos, boa parte del no norte peninsular e, en particular en Galicia, é anterior á conquista musulmá. É dicir, houbo intercambios xenéticos con África, sobre todo co norte e con Oriente Medio, en períodos anteriores ao 711. Despois disto intentamos darlle un sentido histórico e falamos con sete historiadores.
Eles déronnos as claves para corroborar que si, que hai motivos para pensar que ese compoñente xenético existe dende os tempos dos romanos. Un dos episodios que mencionan ten que ver co campamento romano de Ciadella, en Sobrado dos Monxes. Sábese que viñeron do norte de África, da provincia romana de Mauritania Tingitana. Eses soldados non viñeron sós, senón que trouxeron unha corte e un destacamento civil de familias e comerciantes. Ademais, estes asentamentos tiñan moitos nomes, como Ínsua. Precisamente hai un topónimo moi preto de Sobrado dos Monxes.
—Nestes casos, a toponimia é moi reveladora.
—Si, exactamente. Por iso pensamos que houbo mestizaxe moito antes de que chegaran os musulmáns. Ademais, hai pouco que se analizaron os restos do bispo Teodomiro. Revisei o traballo e o propio Teodomiro tiña mestizaxe do norte de África. É curioso. Era de Iria Flavia e os seus pais tamén.
—Unha pista máis.
—Si. Paréceme moi interesante porque abre a porta a desmontar o mito de que a conquista musulmá o explica todo. Non é así. En Galicia houbo moita historia, e tamén moita historia de mestizaxe. Foi un lugar de encontro e québrase esa idea preconcibida de Galicia como finisterrae do mundo. De aquí só viñeron catro galegos hai 12.000 ou 20.000 anos. Non. Tivemos as portas abertas a moito comercio e intercambio por vía marítima e terrestre.
—É dicir, o estudo rompe coa idea da Galicia periférica e illada. Isto pode axudar a cambiar o relato histórico?
—É un pouco a intención, si. Galicia foi un centro comercial importante. Houbo moitos lugares de interese para o Imperio romano e iso non significa pouco intercambio demográfico, senón todo o contrario. Implica tráfico de escravos, e moitos deles viñeron do norte de África e, despois, de Bizancio e Cartago. Non só chegaron a través do Estreito de Xibraltar, senón tamén do Mediterráneo. Cruzaron a Iberia e asentáronse aquí. Eu non son historiador pero asesoreime con grandes expertos na materia.
O bispo Teodomiro xa tiña mestizaxe do norte de África
—Que similitudes ou diferenzas ten o xenoma galego en relación ao resto da península?
—Todas as poboacións, tanto de España como do mundo, teñen singularidades. Pero hai que interpretalas no seu contexto. Os humanos, independentemente de onde naceramos, compartimos o 99,9% do xenoma. O único que podemos facer é poñer unha lupa nas diferenzas para intentar entender determinados aspectos. Por exemplo, este relacionado coa mestura das poboacións norteafricanas. Pero o noso xenoma non só explica a historia particular de Galicia, senón tamén todo o relacionado coas enfermidades.
—Outra das grandes conclusións do estudo é a homoxeneidade xenética de Galicia. Que significa?
—É outro piar interesante porque temos mitificada a idea do illamento de Galicia e das grandes diferenzas entre a súa poboación. Pero realmente isto é un pouco contraintuitivo. Temos unha dispersión moi grande das poboacións. E esa dispersión é un facilitador da comunicación entre os núcleos rurais. É máis fácil comunicar os núcleos que están a 5 quilómetros de distancia que os que están a 50 ou 60 como nos lugares moi despoboados.
Pero a dispersión non só foi un facilitador da comunicación entre poboacións, senón tamén da comunicación xenética. En Galicia non hai moita endogamia. Os seus patróns endogámicos son comparables ao resto da península ibérica. Non obstante, eu deixo a porta aberta a que alguén cuestione estas conclusións. A ciencia funciona así. Pero cos datos que teño na man, isto é o que puiden observar.
—Que implica, dende o punto de vista biomédico, que sexamos unha poboación homoxénea?
—Creamos mapas de densidade de risco poboacional de enfermidades como o cancro de ovario, de mama e de alzhéimer. Nós traballamos cunha mostra moi especial, daqueles que teñen catro avós galegos, non foi unha selección aleatoria. A análise permítenos corroborar que hai diferenzas de riscos xenéticos de doenzas en distintas partes de Galicia.
Por exemplo, o risco de cancro de ovario é superior na zona costeira das Rías Baixas. O de diabetes ten un pico máis elevado no centro de Galicia. E o alzhéimer, na provincia da Coruña. Con todo, o risco non é perfectamente homoxéneo, aínda que isto tamén é esperable.
O risco de cancro de ovario é superior na zona costeira das Rías Baixas
Isto funciona igual que se tiraramos pintura nun lenzo en branco. Fórmanse uns debuxos e us patróns, aínda que sexan aleatorios. Hai zonas máis azuis, outras nas que predomina o vermello… Imaxina que nós tiramos a pintura e creamos estes mapas de risco. Unha das manchas representa o cancro de ovario. Logo superpoñemos outra capa e está o risco de infeccións respiratorias. E así sucesivamente. Creamos unha imaxe tridimensional que evidencia que os riscos a determinadas enfermidades non son homoxéneos en Galicia.
Non obstante, isto non significa que esteamos obrigados a establecer políticas preventivas diferenciais entre municipios ou vilas. Creo que é moi interesante dende o punto de vista académico pero non debería implicar un cambio nas políticas de saúde pública. Para comezar, porque sería inviable. E segundo, porque adoitan ser de carácter internacional. Ademais, o risco xenético non é o único compoñente importante. Tamén está o sexo, a idade e moitísimos outros parámetros para definir o risco que existe.
—É dicir, o seu estudo funciona como guía, pero en ningún caso como sentenza.
—Exacto. É un compoñente que contribúe ao risco de desenvolver a enfermidade, pero non o di todo. Ti podes ter unha xenética moi protectora co cancro de pulmón pero se es unha fumadora empedernida, con moita seguridade vas desenvolver un tumor. Isto acontece con todas as enfermidades porque falamos de doenzas comúns e multifactoriais. A xenética é unha parte da historia e o ambiente é outra. Se es capaz de modular o ambiente, de facer exercicio, de non fumar, de non beber… O teu prognóstico vai ser mellor independentemente da túa xenética.
En Porto do Son hai un risco diminuído de esquizofrenia e aumentado de cancro de ovario
—Con todo, a que se debe que haxa certas zonas con máis propensión á diabetes, por exemplo, e outras á esquizofrenia?
—Cando ti tiras a pintura non estás buscando un patrón concreto. A gracia, precisamente, é a expresión artística. En xenética tamén hai un pouco de aleatoriedade. No noso soporte xenético, no noso ADN, hai moitas capas. Se eu puidera ler o teu xenoma dende a primeira letra ata a última, podería investigar todas as túas susceptibilidades xenéticas a centos de enfermidades. Poderías facer un ránking de risco. Se cadra está incrementado na diabetes e diminuído no alzhéimer. Depende.
—Pese á homoxeneidade, no mapa están marcadas algunhas zonas como Porto do Son, A Estrada-Cuntis, A Mariña… Teñen as súas propias singularidades?
—Se tiveramos que establecer os límites das homoxeneidades teriamos o que denominamos clusteres. Non son agrupamentos moi determinantes nin definitivos, pero si un pouco máis singulares. Por exemplo, en Porto do Son hai un risco diminuído de esquizofrenia e aumentado de cancro de ovario. Pero insisto, isto só é unha estimación. O día de mañá este mapa pode cambiar. Aquí só falamos da parte xenética pero hai moitísimos factores que poden influír nestas enfermidades.
—O seu estudo mira cara ao pasado pero tamén cara ao futuro. Cales son os pasos a seguir?
—Son xenetista dende hai 30 anos e teño unha visión moi transversal desta disciplina e da ciencia en xeral. Este traballo é, precisamente, unha exposición desa transversalidade. Nós tamén estudamos enfermidades infecciosas, a resposta ás vacinas… Porque unha cousa é a xenética e outra, como responde o ADN a determinados estímulos como a música. Así que, para min, este traballo achega unha nova dimensión ao coñecemento da arquitectura do xenoma e, tamén, algo moi peculiar, como é plasmar nun mapa como se distribúe a variabilidade xenética. Así eu podo visibilizar as diferenzas de risco en distintas zonas de Galicia. Iso si, son diferenzas que non deberían facer saltar ningunha alarma. De feito, o máis importante é o que cada un teña no seu xenoma.














