Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia

Un estudo demostra os efectos negativos das plantacións de eucalipto sobre a biodiversidade dos ecosistemas fluviais galegos. A investigación, realizada polo grupo en Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo, centrouse en coñecer a incidencia dunha maior ou menor presenza de follaxe de eucalipto nos regatos nas comunidades de macroinvertebrados.

Os investigadores identificaron e clasificaron máis de 30.000 espécimes localizados nas mostraxes. Realizáronse en vinte regatos da provincia de Pontevedra en dúas épocas do ano. O equipo constatou que, malia que unha maior presenza de follaxe de eucalipto non afecta á “abundancia xeral” de invertebrados, si ten un impacto negativo na “riqueza e diversidade” das comunidades.

Publicidade

O catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero ten claro cal é a súa afectación nos regatos: “perdemos boa parte da diversidade”. Era un tema moi pouco estudado en Galicia, segundo o líder do estudo, que explicou que fixeron análises en vinte arroios moi representativos da rede fluvial. “Sempre que a maior parte das achegas de materia orgánica ao curso fluvial proveñan de eucaliptos, imos ter efectos similares”, destacou.

Un dos motivos é que os ecosistemas fluviais dependen en gran medida da materia orgánica da vexetación que os rodea. Esta é procesada por microorganismos e invertebrados, xa que é a súa principal fonte de enerxía.

Publicidade

Mesma cantidade, menos diversidade

O seu impacto foi distinto segundo a especie analizada. En xeral, pérdese diversidade, pero non necesariamente descende en moito nivel o número total. “Unhas poucas especies son capaces de manter grandes densidades”, sinala Cordeiro. É o caso do xénero Gammarus, como as pulgas mariñas, ou outros crustáceos de auga doce. “Probablemente é pola ausencia de competidores”, aclara Cordeiro. Pola contra, xéneros como o Limnephilus, Crunoecia ou Ecdyonurus, diminúen.

Nas áreas con plantacións rexístrase un aumento no número de individuos do xénero ‘Gammarus’. Foto: Adolfo Cordero Rivera

“A abundancia, riqueza e diversidade de macroinvertebrados alcanzou o seu máximo en outono”, explican desde o equipo investigador. Esta é a época na que a afluencia da follaxe de caducifolios é menor que a de eucalipto, que perden principalmente as súas follas no verán. Concretamente, nas mostraxes realizadas en outono, seis dos vinte regatos estudados presentaban unha follaxe composta en máis do 50% por follas de eucalipto, cifra que ascendía a doce nas análises de primavera.

Neste punto, o equipo investigador sinala o baixo contido de nutrientes das follas de eucalipto. Xeralmente teñen menores contidos de fósforo e nitróxeno que as das “arbores caducifolias nativas”.

Protexer os ecosistemas

Estes resultados lévanos á súa vez a pór o foco en que “manter un bosque de ribeira amplo e diverso é unha garantía” para a conservación da biodiversidade. Tamén para outros beneficios, como a mitigación de caudais extremos. Do mesmo xeito, o grupo EcoEvo incide no papel que xogan os insectos en ámbitos como a polinización, o control de pragas e a fertilización de solos. De aí a importancia de preservar os bosques de ribeira e evitar as plantacións nas proximidades dos regatos.

Actualmente non está permitido plantar eucaliptos a menos de 15 metros de ríos de máis de dous metros de ancho, como lembra Cordero. “O que propoñemos é precisamente que se respecten as distancias que están na lexislación”, sinala. Tamén a necesidade de que estas medidas se apliquen tamén en “regatos de menor entidade”, a raíz das conclusións deste estudo.

Os resultados deste traballo recóllense nun artigo publicado na revista Hydrobiology. Xunto a Cordero, asinan as investigadoras do grupo EcoEvo Anais Rivas, Andrea Landeira e Maruxa Álvarez, xunto con Manuel Graça, da Universidade de Coimbra, e Leandro Juen, da Universidade Federal do Pará. Trátase, como lembra o catedrático, dun estudo nacido no marco da pandemia da covid-19. O grupo tiña proxectados traballos de campo en diferentes países, dirixidos a examinar o efecto das plantacións industriais sobre as comunidades de insectos.


Podes ler o artigo completo do DUVI aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento