“Altri vai tirar inevitablemente da oferta de eucalipto”

O enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle, un dos autores do informe do Consello da Cultura Galega, tacha de “moi nesgadas” as interpretacións da Xunta na Declaración de Impacto Ambiental

“Non foi ningunha sorpresa”, admite o enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle, profesor na Universidade de Santiago (USC). Refírese á aprobación, por parte da Xunta de Galicia, da declaración de impacto ambiental da planta de fibras téxtiles que Greenfiber —composta pola empresa portuguesa Altri e a galega Greenalia— pretende instalar en Palas de Rei. Un dos aspectos máis polémicos do informe é a forma de obter a súa principal materia prima: a madeira de eucalipto, base para a creación da celulosa. “Afirman que o consumo da planta será só de 1,2 millóns de metros cúbicos. Ese é o escenario máis fácil porque é o inicial, pero hai que avalialo na última fase, cando consumirá o dobre”, asevera Corbelle. “Altri vai tirar inevitablemente da oferta de eucalipto”, apunta.

Outro dos puntos quentes é a procedencia da madeira. O documento recolle o seguinte: “Empregarase existente e/ou excedentario que na actualidade se comercializa fóra de Galicia por falta de mercado interior, polo que non será preciso incrementar as plantacións e que aplicará pautas de compra responsable na adquisición de madeira de explotacións forestais certificadas”. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agralimentarias considera que as explicacións achegadas por Greenfiber a este respecto “son suficientes”, pese ao recoñecemento inicial do impacto que podería ter unha maior demanda de eucalipto sobre as explotacións agrícolas e gandeiras.

Publicidade

Realmente falamos de exportación?

Para Corbelle, o termo exportación que empregan no informe para xustificar a procedencia do eucalipto é, cando menos, obxecto de debate, pois esa madeira non traspasa as fronteiras do Estado ou, como moito, chega a Portugal. O seu principal destino, segundo explica o profesor da USC, é a planta que Ence ten en Navia (Asturias). “É correcto dicir que se se deixa de enviar madeira de eucalipto á outra beira do río Eo se vai poder abastecer Altri? É correcto. Vai deixar Ence de consumir no mercado interno español? Non. E ata onde eu sei, non hai intención de pechar a planta de Navia nin a de Pontevedra”, sostén o enxeñeiro de montes, que tamén participou no informe no que o Consello da Cultura Galega avaliaba o impacto de Altri en distintos eidos.

“O volume total de cortas na península ibérica está entre os 14 e os 15 millóns de metros cúbicos. A aparición dun novo actor que vai consumir, canda menos, 1,2 millóns vai tirar inevitablemente da oferta”, argumenta. Considera, ademais, que a afirmación emitida pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agralimentarias no informe de impacto ambiental “é moi nesgada”. A demanda de eucalipto, coa entrada de Altri, aumentará. Proceda este do mercado interno de Galicia ou non. “Se a planta de Palas de Rei pode capturar as cortas da Mariña lucense, que agora van para Navia, Ence terá que buscar outros mercados. Non importa que actor sexa”, incide o experto.

Publicidade

Datos desactualizados

Non obstante, hai aspectos sobre os que a falta de claridade impide facer unha análise máis exhaustiva. Os últimos datos oficiais son os do Inventario Forestal Nacional, publicados en 2008. Actualmente estase a preparar o Inventario Forestal Continuo de Galicia, mais as cifras de existencias e crecemento anual, independentemente da especie, aínda non están dispoñibles. “Pode haber madeira suficiente para Altri? Pode, pero non o sabemos”, incide Corbelle. Se a comunidade científica non é coñecedora da cantidade de eucalipto que hai en Galicia, dificilmente o poderá saber a empresa.

“O que propón Altri só é sostible se plantas máis ou se o traes de fóra”, resume o enxeñeiro de montes. Para el, no contexto actual, non hai máis opcións. Aclara, ademais, que a moratoria actual impide novas plantacións de eucalipto e que esta norma se revisará a finais de 2025. “Ten un éxito cuestionable. Non temos cifras, pero as persoas que traballamos no sector sabemos que se continúa a plantar pese á prohibición. Unha cousa é que saia algo no Diario Oficial de Galicia (DOG) e outra é que a realidade vaia polo mesmo camiño”, afirma Corbelle. Tampouco ten claro que esa moratoria se renove e, de ser así, abriríase a porta a máis plantacións.

Un informe ambiguo

Máis alá do consumo de madeira e da súa procedencia, o profesor da USC critica a ambigüidade coa que está escrita o documento. Nel incídese que a planta se vai construír en terreos que non teñen protección ambiental e, polo tanto, a futura industria non afectaría a espazos sensibles. “É certo, pero tamén o é que afecta a áreas con valores ambientais candidatas á Rede Natura. Se bloqueas a súa entrada durante 14 anos, é lóxico que agora a empresa argumente que non hai ningunha figura de protección”, lamenta. “É un xogo de trampas para enganar ao que tes enfronte”, incide.

A consideración final de Corbelle sobre o proxecto de Altri é que foi declarado “estratéxico” pola Xunta de Galicia. E iso, segundo explica, significa que “pasa por enriba de boa parte dos controis ambientais aos que deberían someterse este tipo de iniciativas”. Conclúe que o debate debería estar centrado en que tipo de produción queremos como país: “Pasta de celulosa ou queixo de Arzúa? Iso é o que nos deberiamos preguntar. Todo o demais é difícil de cuantificar”, remata.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Según datos de la Axencia Galega da Industria Forestal, la producción media anual de madera de eucalipto en Galicia es de aproximadamente 5,8 millones de metros cúbicos.
    En cuanto al consumo interno, se estima que alrededor de 2,6 millones de metros cúbicos se utilizan dentro de la comunidad autónoma. De esta cantidad, aproximadamente 1,5 millones de metros cúbicos son empleados por la empresa Ence para la fabricación de pasta de papel.
    El excedente de producción, que asciende a unos 3,2 millones de metros cúbicos anuales, se exporta a otras regiones y países. Los principales destinos de estas exportaciones son Portugal, el País Vasco y Asturias.
    Por ejemplo, en 2023, Galicia exportó 783.506 toneladas de eucalipto en tronco a Portugal, 31.172 toneladas a Islandia y 23.719 toneladas a Bélgica. En 2024, hasta agosto, las exportaciones a Portugal fueron de 487.816 toneladas, a Islandia 39.738 toneladas y a Bélgica 4.796 toneladas.
    Estos datos reflejan la importancia del eucalipto en la economía forestal gallega y su relevancia tanto en el mercado interno como en el externo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A rotura de balsa do Monte Neme reabre a ferida ambiental da antiga mina

A Xunta de Galicia solicita dous informes, un sobre a empresa responsable da restauración e outro sobre a dirección da obra

Tres científicas da USC reciben 1,5 millóns da Xunta para investigar en cancro, nanotecnoloxía e baterías

Os proxectos liderados por Clara Álvarez, María José Alonso e María Giménez foron seleccionados na quinta convocatoria do Programa Ignicia

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

A Xunta reclama ao Goberno central que a telefonía móbil sexa un servizo universal no rural

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia solicita que a velocidade mínima da banda larga pase de 10 a 100 Mbps