A planta de fibras téxtiles que Greenfiber —composta pola empresa portuguesa Altri e a galega Greenalia— pretende instalar en Palas de Rei xa conta coa aprobación do seu informe de impacto ambiental por parte da Xunta de Galicia. Así o recolle este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica a resolución do expediente. “O proxecto é ambientalmente viable”, recolle o documento, pese ás voces disonantes da comunidade científica e da sociedade civil. Sen ir máis lonxe, o Consello da Cultura Galega (CCG) publicou un informe en setembro de 2024, cunha decena expertos, no que concluía que a instalación da fábrica provocaría unha “grave fractura do territorio”.
Tal e como explica na resolución do informe, o corazón da macrocelulosa instalaríase en Palas de Rei (Lugo), mais estenderíase aos concellos de Melide, Santiso e Agolada para a implantación de infraestruturas auxiliares, como as conducións de captación de auga e a liña de subministración eléctrica. O documento tamén detalla que a materia prima básica será a madeira da eucalipto. Concretamente das especies Eucalyptus globulus e Eucalyptus nitens. As instalacións proxectadas na planta industrial ocuparán unha superficie aproximada de 112 hectáreas, cunha poligonal que chega ás 360. En canto á súa capacidade de produción, será inicialmente de 60.000 toneladas ao ano da fibra téxtil de lyocell que se poderán ampliar ata as 200.000.
Nin impacto visual nin afección ao patrimonio cultural
O documento de impacto ambiental de Altri foi analizado por diferentes organismos da Xunta. No que respecta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúese que “non é previsible que a construción da planta industrial do proxecto na parcela prevista ocasione impactos significativos sobre ningún ben do patrimonio cultural coñecido”. Indica, ademais, que non se espera unha “afección singular” por olores no percorrido histórico do Camiño de Santiago. Tamén se prevén medidas no propio informe elaborado por Greenfiber para mitigar o impacto visual da propia fábrica e das súas chemineas.
Das augas ao sector primario
En relación á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica sinálase que as augas residuais que a macrocelulosa verterá ao río Ulla “non parece” que vaia ter impactos no sector, dado que os establecementos de produción acuícola están situados “a máis de 70 quilómetros en liña recta”. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias indica que o proxecto ocupará un espazo historicamente destinado a actividades do sector primario, mais “non considera previsibles afeccións significativas polas servidumes e ocupacións temporais”. Sinala, iso si, a incidencia que podería ter a demanda de eucalipto nas explotacións agrícolas e gandeiras, así como a paisaxe industrial, a contaminación acústica, os cheiros e as emisións atmosféricas. Con todo, a documentación posterior entregada pola empresa promotora para resolver estas dúbidas considérase suficiente e, polo tanto, dáse luz verde.
Augas de Galicia tamén aproba o correspondente informe en relación ao uso das augas que prevé realizar Altri, así como as futuras verteduras da macrocelulosa. “As medidas preventivas e correctoras descritas polo promotor son axeitadas e garanten, a priori e sempre que se cumpran todos os condicionantes incluídos nos seus informes, a compatibilidade coa Planificación Hidrolóxica e o cumprimento dos obxectos medioambientais”, segundo a resolución emitida este venres no DOG.
Contaminación atmosférica? Dentro dos límites
A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático considera que o proxecto “non supón un risco potencial de causar impactos ambientais significativos”. Tampouco cre que haxa unha importante afección na calidade do aire, dado que “non se esperan superacións do valor límite de ningún dos contaminantes lexislados”. Con todo, hai moitos outros organismos que analizan detalladamente as posibles consecuencias da instalación da celulosa en Palas de Rei, como é o caso da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Entre outros aspectos, fálase da situación crítica do mexillón de río (Margaritífera margaritífera) pero indícase que a vertedura de augas residuais na fase de obras “non se considera que supoña un factor de perturbación”. Así mesmo, solicítase que o promotor tome as medidas axeitadas para garantir a protección da especie.
Malia os matices de cada un dos organismos, que os hai, a conclusión xeral da Xunta é favorable. Dá luz verde a ese informe de impacto ambiental. Faino pese á oposición, xa non só da cidadanía e da veciñanza dos concellos afectados, senón á dunha boa parte da comunidade científica galega. Un documento que ignora a análise dos expertos consultados polo Consello da Cultura Galega. Por exemplo, o enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle indicaba no informe alternativo que o eucalipto que precisará Altri non será dabondo: “Ou plantas ou traes de fóra”. A neurocientífica lucense Sonia Villapol, afincada nos Estados Unidos, analizaba tamén o impacto na saúde pública: “Os contaminantes chegarán a máis de 100 quilómetros”.














Fan de da sociedades galega estés sin vergoña da Xunta de Galicia fai o que lle sae das entrañas porque , porque les importa un pemento a sociedade galega teñen mayoría absoluta, porque a sociedade galega e libre de elexir ,non faltaría mais , pero o futuro das xeracions vindeiras , por ejemplo ,os nosos netos son os que ban asoufrir estes herros os de SEUS aboos , e dos inteligentes dos SEUS pais e nanais , teño mais que comentar pero de momento o deixo aquí ,espabila galicia