Estado de alarma. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciábao nunha rolda de prensa celebrada hai exactamente cinco anos. O 14 de marzo de 2020, o Consello de Ministros aprobaba unha medida excepcional: decretábase o confinamento da poboación española para deter a expansión do coronavirus. Serían 15 días prorrogables nos que a cidadanía tan só podía saír das súas casas por causas de forza maior: ir a centros de saúde e hospitais, á farmacia, ao traballo, ao supermercado e desprazarse para coidar de persoas dependentes. Tan só 15 días que, en realidade, se prolongaron durante meses.
O 14 de marzo de 2020 Galicia notificaba a súa primeira morte por SARS-CoV-2. Outras 128 persoas estaban contaxiadas. Comezaba un illamento marcado polo peche de recintos culturais, de bares e restaurantes, e todo aquilo que implicase lecer e encontros sociais. As medidas daquel sábado de hai cinco anos chegaron a ser aínda máis estritas tras a suspensión dos traballos non esenciais dende o 30 de marzo ata o 9 de abril. Poucas profesións, como a sanidade, se podían manter en pé. O obxectivo era illarse o máximo posible para conseguir dobregar a curva. Para lograr que o ascenso descontrolado de casos, que chegou a rexistrar 1.000 falecidos en España nun so día, se detivese o antes posible.
A factura da saúde mental
O 15 de marzo de 2020 foi o primeiro día de confinamento estrito. As rúas baleiras. O SARS-CoV-2 xa deixaba 200 mortos en España. A incerteza, a proliferación de noticias falsas, a soidade, o illamento e a preocupación confluíron durante semanas. Mais cinco anos despois, os expertos en saúde mental consideran que aquel período de restrición non parece ter influído na poboación. Foi máis ben anecdótico. “Non tivo unha gran repercusión. En consulta non vin ningún caso de estrés postraumático derivado do confinamento”, indica a psiquiatra do Sergas Iria Veiga.
A doutora cre que non se pode valorar dende o punto de vista colectivo, dado que a experiencia persoal tras o illamento foi moi diferente. “Non todo o mundo o viviu igual. Non é o mesmo estar nunha casa con xardín que nun piso de 30 m2. Non é o mesmo estar nunha casa con dous baños que nunha na que tes que compartilo con seis persoas. Non é o mesmo saír a traballar, como me aconteceu a min, que estar confinado todo o día”, enumera Veiga. O psicólogo Fernando Vázquez, investigador na Universidade de Santiago (USC), concorda coa tese da psiquiatra. “Para estas situacións nunca estás totalmente preparado porque sempre van ser difíciles de manexar. Pero cando as superamos, o noso nivel de resiliencia e fortaleza ante as adversidades, aumenta”, sinala.
O primeiro mes de confinamento transcorreu entre a histeria colectiva polo papel hixiénico e a visita de animais salvaxes ás contornas urbanas. Pero tamén estivo marcado polo uso de Internet, das redes sociais e das longas videochamadas. “A gran baza do confinamento foi que, en realidade, non estabamos illados. Non quero imaxinar como sería estar separada fisicamente da familia e sen saber o que está pasando. Iso pode ser devastador”, incide Veiga, traendo á lembranza a pandemia de gripe de 1918, cando o desenvolvemento tecnolóxico non era comparable co actual.
O plan de desescalada
O primeiro respiro de alivio chegou o 28 de abril. Aquel martes de 2020, o Goberno central anunciaba o seu Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade, ao que popularmente se comenzou a denominar desescalada, que constaba de catro etapas. A Fase 0 permitía saídas e exercicios individuais dos adultos, coa apertura de pequenos pasos cara á actividade económica. Foi aquí cando se permitiu o servizo de comida para levar en bares e restaurantes. A Fase I ou inicial foi o seguinte paso, coa apertura parcial do pequeno comercio e da restauración, sempre con limitación de capacidade e en terraza.
A Fase II daba un paso máis alá e abría o interior de restaurantes e cafeterías, sempre con restricións para a súa ocupación. Tamén se retomaba a actividade en cines, teatros, auditorios e outros espazos culturais, pero con butaca asignada e, de novo, con limitacións na súa capacidade. Todo isto era aplicable a calquera outro tipo de evento ou lugares de culto. E xa o seguinte paso foi a Fase III ou avanzada, cunha flexibilidade da mobilidade xeral pero co uso recomendado da máscara. Finalmente chegábase á nova normalidade, co remate das limitacións sociais e económicas pero cunha vixilancia epidemiolóxica activa.
Galicia foi accedendo progresivamente a cada unha das fases. A I acadouna o 11 de maio, a II o 25 e a III o 8 de xuño. Conseguir a ansiada normalidade foi un proceso máis lento e, talvez, sen data fixada no calendario. Os avances coas vacinas, a imparable inmunización natural da poboación, conseguiron que se establecese unha situación cambiante. A partir daquel verán de 2020 houbo novos estados de alarma, novos confinamentos —nunca tan estritos como o primeiro— e incluso toques de queda. Moitas destas medidas dependían de cada comunidade autónoma, que establecía os seus propios horarios en función da situación epidemiolóxica. Foi un baile de restricións, na meirande parte dos casos moi confusas.
A complicada situación dos sanitarios
Nos momentos máis duros da pandemia tamén se deu boa mostra da solidariedade. Os aplausos das 20 horas, en homenaxe aos sanitarios, eran unha cita de obrigado cumprimento. “Eu non estiven en primeira fila, como os meus compañeiros de urxencias, pero a factura foi moi importante. Xa non só polo estrés, senón porque vimos morrer compañeiros moi novos. Nos primeiros meses non sabiamos a que nos estabamos a expoñer”, lembra Iria Veiga. Non obstante, recoñece que os servizos de saúde mental que se puxeron en marcha nos hospitais, destinados exclusivamente a sanitarios, non tiveron unha gran demanda. “Moitas veces os nosos mecanismos de defensa teñen moito que ver coa disociación e a sublimación. Poñémonos en modo facer, centrámonos nos demais e esquecemos o propio malestar“, subliña a psiquiatra.
“Unha vez máis, a Atención Primaria quedou relegada”, lamenta a doutora lucense Pilar Ledo, presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG). “Sempre hai que priorizar os máis graves pero sen esquecernos de todos os demais. Tampouco dos profesionais que están recibindo toda a avalancha de casos. Non chegaron os recursos“, insiste. Ledo continúa recordando que máis alá da incerteza coa que se viviron as primeiras semanas de pandemia, sen saber a que enfermidade se estaban a enfrontar, tiveron que lidar co medo de contaxiar os seus cando volvían á casa. “Foron momentos de confusión e gran padecemento emocional”, sostén.
“Creo que quixemos esquecelo e sobrepoñernos. É unha reacción moi humana pero tamén moi pouco intelixente”, subliña a presidenta da SEMG. Reclama, por tanto, que aquela experiencia colectiva e traumática, aquela pandemia que detivo o mundo, non se esqueza, pero tampouco temos que obsesionarnos con ela. Hai que lembrar o que foi e recoñecer os erros na súa xestión.
Hai que analizar canto se mellorou, canto se empeorou e ata que punto o sistema sanitario está colapsado, se é lóxico esperar 15 días por unha cita, ou ter que recorrer á privada para que te atendan. Pasaron cinco anos e a vida volveu ao seu descorrer habitual. O uso das máscaras é limitado, a covid é un arrefriado como outro calquera e do confinamento xa non se lembra un. Pero hai cinco anos, exactamente cinco, estabas mirando a televisión. Tiñas medo, sentías incerteza. Non sabías que era o coronavirus. E prometícheste que cambiarías, que farías as cousas doutra maneira, que oxalá todo rematase pronto. E rematou. Pero se nos esquecemos del, estaremos condenados a repetilo.













