A UDC propón xerar hidróxeno verde en buques metaneiros coa calor residual dos motores

O equipo galego defende que a súa solución reduce o desperdicio enerxético e ofrece unha alternativa sostible para a industria marítima

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu un sistema que permite obter e almacenar hidróxeno verde en buques metaneiros aproveitando a calor residual xerada polos motores durante a navegación. Unha solución que non só reduce o desperdicio enerxético, senón que tamén ofrece unha alternativa sostible para a industria marítima.

O estudo foi publicado recentemente en Applied Energy, unha das revistas científicas máis prestixiosas no campo da Enxeñaría Enerxética. A investigación realizouna Doha Elrhoul, investigadora en formación do Grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), xunto aos seus directores de tese, Manuel Naveiro Parga e Manuel Romero Gómez, profesores da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da UDC. Ademais, contou coa colaboración internacional de Thomas A. Adams II, profesor da Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU).

Publicidade

Transformación da calor residual en enerxía limpa

Os buques metaneiros transportan gas natural licuado (LNG) a temperaturas extremadamente baixas (-160 graos). Con todo, debido á transferencia de calor coa contorna, parte do gas vaporízase, xerando o que se coñece como boil-off gas (BOG). Este gas, que debe ser extraído dos tanques para evitar que a presión aumente, reutilízase como combustible que alimenta os sistemas de propulsión e xeración de enerxía eléctrica do buque.

O estudo propón que o excedente de enerxía calorífica poida empregarse tamén para producir enerxía limpa a bordo e almacenala en forma de hidróxeno verde. Expón a posibilidade de aproveitar a calor residual que provén da operación do motor mediante un proceso coñecido como ciclo orgánico de rankine (ORC), que converte a calor en electricidade. A electricidade xerada alimenta un proceso de electrólise, mediante o cal electrolizadores de óxido sólido (SOEC) separan as moléculas de auga en hidróxeno e osíxeno, producindo desta maneira hidróxeno verde sen emisións contaminantes.

Publicidade

Ademais, para mellorar a eficiencia, o equipo de investigación da UDC optimizou o proceso aplicando dous niveis de presión ao ORC, en lugar dun só. Esta novidade permite extraer máis enerxía da calor residual e xerar un 15% máis de electricidade. Como resultado, conséguese unha maior produción de hidróxeno verde cos mesmos recursos enerxéticos.

Un avance significativo na descarbonización do transporte marítimo

O estudo ten un gran potencial para transformar a industria marítima, xa que esta solución non só optimiza a eficiencia enerxética dos buques, senón que tamén podería ser clave na transición cara a un transporte marítimo máis sostible. A produción e o emprego de hidróxeno verde a bordo permitiría reducir as emisións de dióxido de carbono en zonas de control de emisións e almacenar enerxía de maneira máis eficiente.

A longo prazo, esta tecnoloxía podería estenderse a outro tipo de embarcacións e sectores industriais, e impulsar así o desenvolvemento dunha economía baseada no hidróxeno para contribuír á descarbonización do transporte.


Referencia: Thermo-economic analysis of green hydrogen production onboard LNG carriers through solid oxide electrolysis powered by organic Rankine cycles (Publicado en Applied Energy)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente