Do teletraballo ao empeoramento da saúde mental: así nos cambiou a pandemia

A psiquiatra Iria Veiga e o psicólogo Fernando Vázquez analizan as luces e sombras das mudanzas nos hábitos de vida que propiciou a crise sanitaria

Fernando Simón aclara a súa voz antes de comparecer ante os medios. Anuncia o número de vítimas mortais causadas polo SARS-CoV-2 que acadan, naquela incipiente primavera de 2020, os 1.000 falecidos ao día. Millóns de españois seguían as roldas de prensa do epidemiólogo e director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade. Dende aquelas retransmisións televisivas que poñían a pel de galiña, que xeraban un estrés sen precedentes a unha poboación confinada, transcurriron cinco anos. Recuperouse a tan ansiada normalidade, pero houbo cambios, non sempre positivos. A psiquiatra Iria Veiga e o psicólogo Fernando Vázquez apuntan, máis alá do popular teletraballo, a un evidente empeoramento da saúde mental dos galegos dende a pandemia de covid.

“Hai un aumento da demanda moi importante. Non está tan relacionado coa covid como coa deterioración das condicións de vida que causou a pandemia”, di Veiga. O incremento de casos experimentouse, sobre todo, nos trastornos de ansiedade e depresión. Pola contra, a repercusión non foi tan acusada nos trastornos mentais graves, como a esquizofrenia e a bipolaridade. “Puideron verse máis afectados durante a crise sanitaria, que dificultou o seu seguimento, pero a súa incidencia é máis estable”, refire a psiquiatra do Sergas.

Publicidade

A clave, as condicións de vida tras a pandemia

“A pandemia provocou que moita xente perdera o traballo e, polo tanto, que empeoraran as súas condicións de vida”, matiza Veiga, sinalando os aspectos sociais que contribuíron a aumentar os casos de ansiedade e depresión. Non obstante, este incremento non pode atribuírse directamente á covid, dado que, segundo a psiquiatra, confluíu con outros procesos que están a afectar a vida das persoas como “o aumento disparatado dos alugueres”. “O que vemos en saúde mental non é, moitas veces, unha enfermidade dende o punto de vista bióloxico. O estrés mantido e causado por unhas peores condicións materiais é o que, moitas veces, sobrecarga o sistema de saúde”, sinala.

Veiga sinala a saturación dos servizos sanitarios como unha das claves. As listas de agarda en psicoloxía clínica que manexa son, mínimo, dun ano: “Non é razoable”. “Estamos vendo o resultado dun sistema sanitario saturado que xa non estaba sendo quen de dar resposta ás necesidades de saúde mental antes da pandemia. Despois, directamente colapsou”, subliña con contundencia. Ela fai estrita referencia ao relacionado cos trastornos mentais, dado que considera que noutros aspectos, como o tratamento estrito da covid, a resposta “foi incrible” e o esforzo colectivo “impresionante”. A crise sanitaria foi, para Veiga, o detonante dun sistema de saúde mental que xa estaba en crise dende 2008: “Aí comezou o déficit de profesionais que non se solucionou e foi cada vez a máis”.

Publicidade

Da ansiedade, ao dó e á covid persistente

O psicólogo Fernando Vázquez, tamén investigador na Universidade de Santiago (USC), coincide con Veiga en que os datos e a súa práctica diaria demostran unha repunta da ansiedade e da depresión en relación aos niveis anteriores á pandemia. “Viviuse cunha incerteza constante sobre o futuro, unha sobreexposición continuada a noticias alarmantes que xeraba altos niveis de estrés, houbo quen perdeu o emprego e reduciu os seus ingresos… O sistema estaba sobrecargado e moita xente viviu unha interrupción das súas terapias e tratamentos, o que empeorou o seu estado”, sinala.

Amais destes puntos de coincidencia coa psiquiatra do Sergas, Vázquez fai fincapé no dó vivido por moitas persoas que perderon aos seus familiares durante a pandemia, así como as secuelas que arrastran os pacientes de covid persistente. Conviven a diario con néboa mental, fatiga extrema e estados de ánimo baixos —entre unha longa lista de máis de 200 síntomas. Non obstante, o psicólogo da USC considera que a crise sanitaria por SARS-CoV-2 tan só foi o detonante dunha situación que se viña xestando dende había tempo, igual que reflicten as palabras de Iria Veiga. El sitúa o punto de inflexión a finais da década dos 90: “Hai épocas na historia nas que se producen cambios profundos. A pandemia foi un acelerador bestial”.

Cambio de prioridades durante a crise sanitaria?

Pero máis alá do empeoramento das condicións materiais de vida e da saúde mental, Vázquez cre que a covid propiciou mudanzas moi positivas. Considera, á luz dos últimos estudos, que hai unha maior busca do benestar. Isto materialízase dunha maior posta en práctica do ioga, da meditación e do exercicio físico, así como a mellora de hábitos de sono e de alimentación. Tamén percibe unha maior tendencia na buscar a socilización, é dicir, que se lle dá máis valor ao tempo persoal. E sinala, por último, as redes de apoio veciñal e solidario que xurdiron tras a pandemia como unha forma de autocoidado.

A volta ao rural e a conexión coa natureza son outros dos puntos positivos que subliña Vázquez. Igualmente a iniciativa de opositar e buscar un emprego fixo, o que demostra que non importa tanto o soldo senón ter máis tempo de lecer. “A xente sae máis, viaxa máis. Vai máis aos sitios de reunión social. Dunha forma consciente ou inconsciente, experimentouse un cambio de prioridades, de valores e de formas de vivir“, sostén o psicólogo. Vaticina, ademais, que talvez co paso do tempo se vexan máis claramente estas diferenzas con respecto ao mundo antes da pandemia de covid.

Cambios positivos no sistema sanitario

Veiga, a este respecto, non mostra tanto optimismo e cre que os cambios respecto a comezos de 2020 foron escasos. Indica que se fixeron notar, sobre todo, dende o punto de vista sanitario, en pequenos cambios que son, dalgún modo, transformadores. Por exemplo, no uso de máscaras en determinadas plantas hospitalarias ou o feito de que moitas persoas continúen a usalas en espazos pechados, como o transporte público ou a oficina, cando teñen unha infección respiratoria. Tamén percibiu un cambio positivo no tratamento dos bebés que acaban de nacer: “Xa non é tan frecuente que aparezan varias persoas na habitación de quen acaba de dar a luz, nin temos o hábito de darlle bicos ao neno sen preguntar”.

A dixitalización, entre o positivo e o negativo

Houbo outros aspectos que tamén cambiaron, pero que traen consigo unha contrapartida. É o que acontece co teletraballo. “Depende moito da persoa. Se traballas en Santiago e tes a oficina a 10 minutos a pé, talvez non sexa para ti. É moi distinto se te tes que desprazar dende Vigo ou Ourense”, sinala Vázquez. De igual modo, os aspectos negativos da implantación desta medida poden verse na difuminación dos límites entre o traballo e a vida persoa, así como a sensación de illamento e a sobrecarga dixital.

No que respecta ao uso global da tecnoloxía, o psicólogo da USC apunta a un proceso acelerado da dixitalización. “Isto levou a que moita xente teña hoxe un uso excesivo de pantallas e redes sociais”, indica, o que pode derivar en problemas de concentración, de adicción á tecnoloxía e de deterioración das relacións cara a cara. Non obstante, o punto a favor desta interconexión dixital pono Veiga, quen menciona a gripe de 1918. Foi unha pandemia causada, igual que a covid, por un virus respiratorio que obrigou a confinar a poboación. Pero en 2020 había unha tecnoloxía suficientemente desenvolvida para estar en continuo contacto cos seres queridos.

Menores e mulleres, os máis afectados

Entre os colectivos máis afectados dende o punto de vista da saúde mental están os menores e as mulleres, segundo un informe elaborado pola Organización Mundial da Saúde a tal efecto. “Elas son máis vulnerables dende o punto de vista social, non biolóxico”, apunta Veiga, remitindo á forte carga social que tiveron que soportar durante a pandemia.

En relación aos nenos, Vázquez sinala os cambios na socialización impostos pola educación telemática, o que impediu que puideran acudir aos colexios e relacionarse cos cativos da mesma idade. “A falta de interacción social e o aumento da presión académica derivou en maior ansiedade e depresión na xente nova”, sostén. Nun espectro máis amplo, Veiga alude á mala saúde mental que se lle adoita atribuír á mocidade: “Se non tes a oportunidade de independizarte a 10 ou 15 anos vista, como queremos que estean?”

A pandemia, un detonante

Cinco anos despois da irrupción do SARS-CoV-2 é díficil determinar canto cambiou a sociedade. Algunhas voces expertas sinalan poucas mudanzas; outras cren que se trata dun ciclo no que a pandemia tan só foi un detonante. Vázquez di que pese ao aumento de casos de ansiedade e depresión, fálase cada vez máis de saúde mental. Certo é. O uso incesante da tecnoloxía, xa patente en 2020, fixo que se acelerasen hábitos: o streaming en detrimento da televisión. Pero talvez o gran cambio, e non precisamente a mellor, o experimentou o sistema sanitario.

Un persoal que, segundo Vázquez, viviu episodios de estrés postraumático. Que, segundo Veiga, veu falecer a compañeiros novos a causa dun virus descoñecido. Pero non só iso. Citas médicas que un paciente non pode obter en Atención Primaria ata pasados 15 días. “Creo que estamos obrigando e empurrando a contratar seguros privados para cubrir necesidades de saúde”, di Veiga, tallante. Pero a contrapartida está, talvez, nas citas médicas telefónicas, apunta Vázquez. O que non se pode negar, á luz da valoración de ambos expertos, é que os cambios producidos dende 2020 teñen luces e sombras. E que o impacto real de cada un deles variou considerablemente segundo as condicións de vida de cada quen.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. La pandemia ha transformado el teletrabajo, ofreciendo flexibilidad pero también desdibujando límites entre lo personal y lo laboral. Esto ha llevado a un aumento del estrés y la ansiedad en muchos, ya que la falta de interacción social y el aislamiento han afectado negativamente la salud mental. Es crucial encontrar un equilibrio saludable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas