O que nos ensina a gripe do 18 sobre o fin da pandemia

Sen vacinas nin ucis, a “gripe española” superouse en dous anos, o mesmo tempo que podería durar a crise do coronavirus aínda que cun final moi diferente

Hospital en Houston, nos Estados Unidos, de doentes da gripe española.

Foron moitas as veces, desde principios do 2020, as que xornalistas, autoridades e científicos ollaron con receo e curiosidade ao que acontecía hai pouco máis dun século. Buscábanse paralelismos pero tamén se desenterraron incógnitas e se descubriron grandes diferenzas coa pandemia da covid-19.

Meses antes do final da Primeira Guerra Mundial, en marzo do 1918, rexistráronse no estado norteamericano de Kansas os que se consideran hoxe os primeiros casos da epidemia. A gripe non tardou en chegar á Europa nos barcos nos que viaxaban os soldados desde Estados Unidos ata os portos franceses para loitar. “Na primavera dese ano, a mediados de abril, prodúcese o primeiro brote de gripe cunha mortalidade moi baixa, un brote normal. Desa primeira vaga non hai mostras do virus, todas as que temos son da segunda onda, polo tanto hai dúbidas de se esa primeira vaga a provocou xa o virus pandémico ou un virus estacional. Non o sabemos e non o imos saber nunca porque, como digo, non hai mostras e si, poderíamos ter sorte e atopar algo, pero será difícil porque a mortalidade foi moi baixa”, asegura Juan Gestal, profesor emérito de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Protexerse dun inimigo descoñecido

O armisticio puxo fin á guerra no outono e a volta a casa dos soldados é unha das razóns que os expertos sinalan como unha das causas principais que provocaron a segunda onda da gripe, a máis mortífera. En apenas unhas semanas, uns 40 millóns de persoas morreron en todo o mundo, sobre todo adultos de entre 20 e 45 anos.

“Uns 40 millóns de persoas morreron en todo o mundo, sobre todo adultos de entre 20 e 45 anos”

As medidas postas en marcha polos gobernos e institucións sanitarias foron moi similares ás establecidas no 2020 coa chegada do SARS-CoV-2. Confinamentos, corentenas, colexios pechados, cafés desaconsellados, bicos prohibidos e uso de máscaras. Pero a ciencia descoñecía o virus, non había vacina contra a gripe nin tratamentos antivirais ou coidados intensivos. As autoridades crían que se trataba dunha ou varias bacterias que se propagaban polas expectoracións dos enfermos. Segundo Gestal, a sensación xeneralizada era de impotencia.

“Ao principio da pandemia tratouse aos enfermos co que había no maletín do médico. Como tiñan febre, dábanlle aspirina catro veces por encima da dose tóxica que naquel momento non se sabía cal era e houbo moitas complicacións por iso. Tamén se usou quinina, como se relata na novela O xinete pálido de Laura Spinney. O libro conta o que aconteceu neses anos da gripe española e fai referencia a que moitos pacientes aseguraban ver o mundo sen cor, un mundo pálido, debido aos efectos secundarios da quinina. Como digo, empregaron todo do que dispoñían como tamén se fixo hai dous anos coa covid-19 ata o inicio dos estudos despois do verán cando se puido empezar a eliminar todo o que non era claramente eficiente contra o coronavirus”, explica o epidemiólogo.

“Moitos pacientes aseguraban ver o mundo sen cor, un mundo pálido, debido aos efectos secundarios da quinina”

Houbo que agardar ata mediados do século XX para a validación da vacina da gripe despois de numerosas investigacións e ata o 2005 para coñecer mellor a orixe do causante da “gripe española”. “Hoxe sabemos que foi un virus aviar grazas os estudos realizados recentemente cunhas mostras de pulmón extraídas do corpo dunha moza inuit, vítima da enfermidade en novembro do 1918 en Alaska. O seu corpo permaneceu conxelado desde entón no permafrost e foi así como puidemos saber que se trataba dun virus aviar, aínda que non ten nada que ver cos virus aviares que circulan hoxe”, afirma o científico.

Pandemias que duran de media dous anos

Co mundo exhausto pola Gran Guerra e o impacto da segunda vaga, a gripe atacou de novo nos primeiros meses do 1919 provocando tamén un número considerable de mortos. A existencia dunha cuarta onda un ano despois en Escandinavia e algunhas illas do Atlántico Sur, discútese aínda hoxe entre os científicos. Considérase que o último caso da gripe ocorreu en marzo do 1920.

“Vemos tamén que pandemias como a da gripe rusa en 1889, a asiática no 1957 ou a de Hong Kong no 1968, tiveron unha duración, maioritariamente, de dous anos. Isto é algo que nos lembra Anton Erkoreka, director do Museo de Historia da Medicina da Universidade do País Vasco, quen asegura que foi o que aconteceu coas pandemias dos últimos 130 anos. Poderíamos considerar isto un argumento máis a hora de dicir que a crise actual tamén poida estar rematando”, asegura o profesor da USC.

Outras pandemias, como a gripe rusa, a asiática ou a de Hong Kong tiveron unha duración aproximada de dous anos

Pero a evolución dos virus non é fácil de prever e cando xa se fala dunha posible “gripalización” da covid-19, algúns expertos mundiais, como o investigador estadounidense John M. Barry alertaba hai apenas uns días na prensa norteamericana do erro que supoñería relaxarnos ante as medidas de saúde pública e mostrar sinais de cansazo despois de dous anos de loita contra o coronavirus.

“Non baixamos a garda. En Galicia mudouse a vixilancia epidemiolóxica, pasouse da fase de contención á de mitigación, pero isto non quere dicir que quitaran outras medidas. Pouco a pouco, segundo os datos, iranse eliminando restricións. O último será a máscara en interiores e a ventilación. Cando será posible? Eu penso que cando acabe todo, claro, como o sentido común nos indica”, afirma Gestal.

Como remata unha pandemia?

Segundo a última revisión das cifras, a gripe do 18, con orixe en Estados Unidos e non en España como mal indica o seu nome, acabou coa vida de entre 50 e 100 millóns de persoas e infectou á terceira parte da poboación do planeta naquela época. A falta de rexistros e notificacións, a perda de informes, os problemas de diagnóstico e, sobre todo, a falta de comunicación de datos por razóns militares na época, son algúns dos elementos que dificultan hoxe a tarefa de establecer con exactitude o número de vítimas.

“A situación hixiénica en España, por exemplo, era pésima na pandemia de 1918. O grado de analfabetismo era altísimo e a situación da sanidade moi mala. A pandemia da gripe española acabou como o o fai unha gripe todos os anos, é o normal. O virus seguiu despois circulando e conservouse ben todo este tempo con moi poucas variacións no gando porcino. É o que chamamos o virus porcino clásico que é o H1N1 e pensouse que era o responsable da pandemia do 1918 e que tiña pasado dos porcos as persoas pero non, foi das persoas aos porcos”, precisa o epidemiólogo.

“A situación hixiénica en España, por exemplo, era pésima na pandemia de 1918”

A semana pasada, Hans Kluge, director rexional para Europa da Organización Mundial da Saúde (OMS), afirmaba que poderíamos estar preto dun “final plausible da pandemia”. Grazas á vacina, unha menor severidade da variante ómicron e o fin do inverno, asegurou Kluge, Europa ten agora “unha oportunidade única” para controlar a transmisión do coronavirus.

“A inmunidade vai protexernos pero non sabemos se vai aguantar e axudarnos a chegar o próximo outono cando podería volver a circular pero xa como un virus estacional. E todo isto, claro, dígoo no terreo das suposicións”” asegura prudente Gestal para quen, sen dúbida, nós somos os vencedores grazas ás vacinas da covid-19. Segundo datos da OMS, o coronavirus infectou ata hoxe á máis de 386 millóns de persoas en todo o mundo e 5,7 millóns faleceron. Unha cifra dificilmete imaxinable pero moi inferior ao acontecido un século atrás.

“Pode que finalmente a duración desta pandemia sexa a mesma ca da gripe do 18 pero as consecuencias no serán tan daniñas. Non estabamos ben preparados nin no 1918 nin hoxe. Por desgraza, naquela época non puideron facer nada do que agora é posible. Superárona de modo natural pero o prezo a pagar foron as mortes. Esa pandemia provocou, quizais, ata 100 millóns de vítimas e aínda así, hoxe, non existe un cenotafio que lembre ese desastre histórico, seguramente por coincidir co final da Primeira Guerra Mundial”, lamenta o profesor de Saúde Pública da USC.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.