O epidemiólogo Juan Gestal, sobre o cruceiro con hantavirus: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo

Hai un mes, os primeiros síntomas de hantavirus apareceron nun home neerlandés de 70 anos a bordo do cruceiro MV Hondius que partía dende Arxentina cara Cabo Verde: febre, dor de cabeza, dor abdominal e diarrea. O cadro complicouse ao presentar dificultade respiratoria aguda, e faleceu finalmente cinco días despois, o 11 de abril. Tras unha longa negociación entre a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Goberno de España, Sanidade anunciou que acepta que o buque se dirixa ás Canarias, sen especificar en que porto atracará, pero ao que chegará en tres ou catro días. A falta de coñecemento sobre esta enfermidade, provocada polo virus Hanta, xera incerteza entre a poboación das illas. Para coñecer o caso máis a fondo, desde GCiencia falamos con Juan Gestal, epidemiólogo e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sobre o gromo e as medidas de prevención.

—Que nivel de risco supón o hantavirus para a poboación xeral neste momento?

Publicidade

—Non existe risco para a poboación xeral, trátase simplemente dun gromo, e o risco recae nas persoas que estiveron en contacto cos afectados, pero non no conxunto da poboación. É unha zoonose, é dicir, unha enfermidade que se transmite entre os ratos e que, accidentalmente, pode afectar as persoas. Os ratos, que non enferman, transmiten o hantavirus entre eles a través da saliva, os ouriños ou as feces, contaminando o ambiente. Poden xerar aerosois que poden afectar a pésoas que esteen neses ambientes ou contaminar o ambiente e despois producirse aerosois co polvo contaminado ao varrer ou por correntes de aire. Ese é principal mecanismo de transmisión. Tamén, con menor frecuencia podería transmitirse pola auga ou alimentos, pero, de ser así, produciríanse moitos casos en pouco tempo, o que chamamos un brote holomiántico, o que non é o caso. A transmisión é fundamentalmente respiratoria, un brote prosodémico (caso a caso), e así é neste caso.

—A pesar de que non é o máis habitual, este gromo no cruceiro podería transmitirse persoa a persoa? Cal puido ser a orixe?

Publicidade

—Neste contexto, a conexión coa Patagonia Arxentina, posiblemente o virus responsable sexa unha cepa coñecida como virus Andes, que ocasionou gromos en localidades desta rexión arxentina. Nun brote ocorrido en 1995, demostrouse por primeira vez a transmisión aérea, e mesmo algúns médicos, como ocorreu agora co médico do barco, resultaron afectados e faleceron. No caso do cruceiro, semella, dende a miña perspectiva, que o primeiro contaxio do home falecido poido ser por zoonose, xa que el e a súa muller embarcaron tras percorrer Ushuaia. Puideron estar nun lugar con presenza de roedores e pouca ventilación. Posteriormente, a viaxe atravesou zonas moi frías ata chegar a Cabo Verde, polo que os pasaxeiros probablemente pasaron moito tempo nos camarotes, con todo pechado, moita proximidade e pouca ventilación; isto podería explicar o contaxio da súa muller. Os outros casos puideron producirse polo contacto con estes pacientes, aínda que haberá que aclaralo coa investigación epidemiolóxica. Outra posibilidade que apunta o Ministerio de Sanidade é que visitasen unha zona con roedores infectados. Finalmente que houbera ratos no cruceiro, o que me parece moi improbable ao tratarse dun cruceiro de luxo.

—O primeiro cadáver do home neerlandés permaneceu no MV Hondius durante dúas semanas. Puido isto favorecer a expansión do virus?

—Non, os cadáveres non transmiten nada. A transmisión foi por contacto cos afectados en ambientes pouco ventilados e durante tempo.

—Que implica dende o punto de vista epidemiolóxico que o barco chegue a Canarias?

—Non debe supoñer ningún problema se se manexa adecuadamente. O primeiro que se debe facer é levar canto antes ao hospital a todos os que teñan síntomas e tratalos adecuadamente, pois a supervivencia depende de que o diagnóstico sexa precoz e se inicia canto antes o tratamento, aínda que este so sexa sintomático (osixenoterapia, ventilación mecánica e de ser necesario oxixenación mediante membrana externa —ECMO—). Estes recursos están dispoñibles nos nosos hospitais.

—Como deben actuar as autoridades sanitarias? E a poboación xeral?

—Cando o barco atraque, as autoridades sanitarias deben iniciar a investigación epidemiolóxica empregando protección respiratoria con filtros de partículas (máscaras FPP2 ou FPP3). Non fai falta nada máis. Os pasos serían os seguintes: unha vez evacuados todos os que teñan síntomas, determinar, en todas as persoas do barco, a súa relación cos falecidos e cos afectados, e determinar o risco que poidan ter de estar afectados, e de acordo con isto sometelos a vixilancia e a illamento durante o período de incubación, que é longo, entre unha e tres ou catro semanas, ademais de decidir onde realizar a corentena. Cómpre ter en conta que este período está estimado para a transmisión de roedores a humanos; non sabemos se entre persoas é máis curto, aínda que eu considero que podería selo. Esta decisión corresponde ás autoridades sanitarias. O barco débese ventilar, limpar e desinfectar, empregando o persoal encargado destas tarefas protección respiratoria.

—Existen semellanzas coa covid-19?

—Non vai ser a nova pandemia; non hai risco neste sentido. Ademais, tampouco é un virus novo: en Occidente os hantavirus coñécense dende a Guerra de Corea, en 1954, asociado a cadros de Febre Hemorráxica con afectación renal, e desde 1993, a Síndrome Pulmonar por Hantavirus, un gromo de distrés respiratorio, que se produzo por primeira vez en maio dese ano, afectando a unha comunidade navalla que vivía nunha reserva situada na zona de confluencia dos estados de Novo México, Utah, Colorado e Arizona, identificándose os ratos como reservorio do virus. En 1995, nun gromo que afectou unhas localidades da Patagonia Arxentina, producido por unha cepa denominada virus Andes, observouse transmisión interpersoal. Posiblemente esta sexa a cepa responsable deste gromo do cruceiro.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española

Dos antigos lazaretos galegos ás modernas unidades de illamento: así evolucionaron as corentenas

San Simón, Tambo e o castelo de Oza funcionaron como centros sanitarios que illaban os pasaxeiros e a tripulación dos barcos para evitar a expansión de enfermidades infecciosas