Que é o hantavirus? O letal patóxeno relacionado con tres mortes nun cruceiro polo Atlántico

Os síntomas iniciais da enfermidade parécense aos da gripe, pero falece o 38% das persoas que presentan insuficiencia pulmonar a raíz da infección

A Organización Mundial da Saúde (OMS) comunicou a través de X o falecemento de tres pasaxeiros que viaxaban no cruceiro MV Hondius dende Arxentina a Cabo Verde, con destino final nas Illas Canarias. Todo apunta a que a causa da morte foi o hantavirus (da familia Hantaviridae), unha infección que suma outros tres presuntos casos de contaxio en dito cruceiro, dos cales un xa foi confirmado a través de probas de laboratorio.

Os demais pasaxeiros e tripulantes do navío afectado (en torno a 150 persoas) están recibindo atención médica e apoio mentres se realizan probas adicionais e investigacións epidemiolóxicas. A OMS sinala que tamén está en curso a secuenciación do virus, un proceso polo que se busca determinar a súa estrutura, ademais de indicar que se está coordinando coa tripulación para facilitar a evacuación dos pasaxeiros que presenten síntomas compatibles coa infección. O cruceiro manterase baixo supervisión mentres non se determine a orixe exacta do gromo.

Publicidade

As pesquisas iniciais apuntan a que o contaxio se produciu dentro da embarcación. Unha das zonas nas que estiveron os falecidos ten presenza de ratas con hantavirus, polo que non se descarta, entre outras hipóteses, que se contraera a infección durante ese momento.

Que é o hantavirus?

O hantavirus é unha enfermidade viral aguda grave, potencialmente mortal, causada polo virus Hanta. Este microorganismo é o causante de patoloxías como a síndrome pulmonar por hantavirus (HPS) ou a febre hemorráxica con síndrome renal (HFRS), ambas puidendo ser mortais.

Publicidade

A principal fonte de contaxio son os roedores silvestres, en especial os de cola longa (Oligoryzomys longicaudatus), a través da súa saliva, feces e urina, e mesmo as partículas de po contaminadas dos niños destes animais. A causa de contaxio máis frecuente é a inhalación: isto pode acontecer en lugares abertos ou pechados nos que o virus se desprendeu ao ambiente.

Tamén se pode contraer o virus por mordeduras ou contacto directo con roedores —vivos ou mortos— que porten a infección, así como a súa saliva, feces e urina. Aínda que resulta menos habitual, é posible a transmisión entre persoas nos primeiros días de presentar síntomas. A OMS advirte que o virus pode desenvolverse ata 40 días tras a exposición á infección, o que dificulta a súa detección temperá.

Unha sintomatoloxía que empeora con facilidade

Os síntomas iniciais da enfermidade por hantavirus son similares aos dunha gripe, con calafríos, febre e dores musculares. As persoas contaxiadas poden ter unha breve melloría antes de que os síntomas empeoren rapidamente: ao cabo dun par de días, pode haber dificultades respiratorias, insuficiencia renal e cardiorrespiratoria, hipotensión ou cianose, que é a baixada de osíxeno en sangue e, por iso, provoca que a piel tome un tinte azulado.

A progresión rápida da infección, en adición á dificultade de realizar un diagnóstico nos primeiros días despois do contaxio, volven esta enfermidade moi perigosa: segundo informa MedlinePlus, un sitio web da Biblioteca Nacional de Medicina dos Estados Unidos, falece o 38% das persoas que presentan insuficiencia pulmonar a raíz do hantavirus, incluso con tratamento intensivo.

Consellos de prevención

Esta enfermidade require hospitalización, frecuentemente na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), onde se proverán os medios necesarios —destacando a asistencia respiratoria mecanizada— para paliar os síntomas. Así e todo, non existen antivirais efectivos contra esta infección.

O Ministerio de Sanidade sinala unha serie de accións preventivas para reducir o risco de contaxio de hantavirus. Dado que a principal fonte de contaxio son as feces e urina de roedores, debe evitarse a exposición a estes refugallos. É crucial manter os espazos limpos para evitar a presenza de ratas e impedir que formen niños nunha estancia.

Debe terse especial coidado coa inhalación do virus se se sospeita da actividade de roedores, como, por exemplo, en construción que estiveran deshabitadas. Neses casos hai que abrir todas as fiestras e portas, saír do lugar e permitir que se airee durante media hora antes de regresar. Á volta, haberá que rociar todas as superficies cun desinfectante e abandonar o lugar outros 30 minutos. As máscaras cirúrxicas poden ofrecer algo de protección.

Se non se conta con servizos de recolección domiciliaria de refugallos, tense que enterrar o lixo diariamente en lugares afastados da construción e cubiertas con, polo menos, 30 centímetros de terra.

O risco é baixo

O Director Rexional da OMS para Europa, o Dr. Hans Henri P. Kluge, afirmou nun comunicado: “O risco para o público en xeral segue sendo baixo. Non hai necesidade de pánico nin de restricións de viaxe“. Continuou a súa mensaxe resaltando a importancia da colaboración internacional para conter o gromo. “As ameazas para a saúde non respectan fronteiras”, resaltou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española