A hepatite E das ratas, ou simplemente hepatite das ratas, é o nome que recibe a infección causada polo virus Rocahepevirus ratti (RHEV), descuberto por primeira vez en Alemaña en 2010. Se ben nun inicio semellaba que o RHEV non podía infectar o ser humano, isto mudou en 2018, ano no que se detectou o primeiro caso nun paciente en Hong Kong. Aínda que non hai datos oficiais, investigadores españois confirman que xa se detectaron casos de hepatite das ratas en Galicia e noutros puntos de España.
Un equipo do Instituto Maimónides de Investigación Biomédica de Córdoba (Imibic) vén de presentar os principais achados con respecto a esta infección en España no congreso da Sociedade Española de Microbioloxía Clínica e Enfermidades Infecciosas (ESCMID). Entre estes, Antonio Rivero Juárez, investigador especializado en hepatite no Imibic, sinala que “ao non contar con tests de anticorpos, a prevalencia actual é descoñecida. Con todo, o noso grupo foi quen de desenvolver e optimizar o diagnóstico molecular do virus, o que nos permitiu identificar o maior número de casos ata hoxe. O que sabemos agora mesmo é que este virus supón o 15% dos casos de hepatite aguda de orixe descoñecida“.
Precisamente, o diagnóstico é unha das principais dificultades que presenta a hepatite das ratas, posto que ao ser un virus recentemente descuberto “o seu diagnóstico non está estandarizado nin optimizado. Non dispoñemos de técnicas comerciais para o seu diagnóstico molecular (PCR) que nos permitan identificar os pacientes cunha infección activa nin de anticorpos (ELISA) que permitan identificar exposición previa ao virus”, explica Rivero Juárez. Estas técnicas, ademais de permitir determinar o número de casos dentro do grupo de pacientes con hepatite aguda, tamén son fundamentais para poder avaliar vías de transmisión do virus así como as poboacións de risco.
Orixe descoñecida
Se ben o impacto real e as vías de transmisión son algunhas das preocupacións actuais dos investigadores, o certo é que a identificación dos casos está permitindo aclarar a causa de moitas desas hepatites agudas de orixe descoñecida, sendo este o primeiro paso para adoptar medidas que poidan reducir o número de infeccións, así como a gravidade das mesmas. Polo xeral, o RHEV “cursa como calquera outro virus hepatotropo, producindo hepatites agudas. Os pacientes destas adoitan presentar síntomas inespecíficos como febre, síntomas dixestivos —vómito, diarrea, etc.— ou dor articular. Este virus, ademais, en pacientes inmunocomprometidos, como os transplantados, pode evolucionar a unha hepatite crónica, caracterizada por unha progresión do dano hepático en forma de fibrose ata cirrose”, expresa Rivero Juárez.
Con respecto ás vías de transmisión do virus, sendo actualmente descoñecidas, o investigador apunta que “a eliminación do virus ten lugar polos ouriños e as feces das ratas, polo que é máis probable que a transmisión se produza pola contaminación de superficies ou alimentos con estes excrementos”. Precisamente, o primeiro paciente no que se detectou este virus era un receptor de transplante de fígado cuxa casa estaba próxima a un vertedoiro de lixo, aumentando así o risco de contaxio accidental a causa dos roedores.
Non obstante, o equipo cordobés tamén valora a posibilidade de que exista un hóspede intermediario co que os seres humanos estean máis en contacto: “O noso grupo identificou ao porco como un posible hóspede. Non obstante, é preciso avaliar en profundidade se esta especie é quen de transmitir a infección ao ser humano”. Con este obxectivo, o equipo seleccionou e tomou mostras de porcos de maneira aleatoria en cinco granxas situadas en Córdoba entre maio e xuño de 2023. Os resultados mostraron unha prevalencia do RHEV nun 11,4%, mais todos os porcos que deron positivo proviñan da mesma granxa. Por este motivo, os investigadores sinalan as limitacións deste estudo exploratorio e a necesidade de ampliar a avaliación do virus para determinar a súa magnitude.
Esta súmase a outras das incógnitas sinaladas por Rivero Juárez arredor deste novo virus: “Limítase á hepatite aguda e crónica? Cal é a súa incidencia? Como podemos previr a súa transmisión? Como podemos tratalo se non existe un tratamento específico? Supón un gran reto de investigación no que o noso grupo espera dar resposta en colaboración con outros grupos nacionais e internacionais nos próximos anos”. Precisamente, o Imibic liderará un estudo financiado polo Grupo de Estudo de Hepatites Virais da ESCMID no que participarán hospitais e centros de investigación de España, Reino Unido, Suecia, Italia, Hungría, Rumanía e Turquía.
Incidencia en España
Se ben os investigadores estiman que o RHEV supón o 15% dos casos de hepatite aguda de orixe descoñecida, aínda está por determinar as cifras reais dos casos existentes en España. Neste sentido, os datos recollidos polo equipo de Rivero Juárez apuntan cara a existencia de pacientes en Galicia, Andalucía, Navarra e Cataluña. Debido ás restricións impostas polo comité de ética que aprobou o proxecto, non é posible proporcionar datos específicos sobre o número exacto de pacientes afectados en cada comunidade autónoma.
Referencias:
- Rat Hepatitis E virus is a potential zoonotic pathogen to humans (Publicado en Journal of Hepatology)
- Detection of Rat Hepatitis E Virus in Pigs, Spain, 2023 (Publicado en Emerging Infectious Diseases)














