Unha DANA provocará treboadas e desplome dos termómetros a partir do xoves

A retirada das altas presións cara ao oeste dá paso á inestabilidade, con temperaturas que non superarán os 19 graos durante a fin de semana

O mes de xuño arrincou con temperaturas que superaron os 30 graos en boa parte de Galicia, nunha fin de semana de calor, praia e anticipo de verán. Unha situación que se estenderá, como moi tarde, ata o xoves, cando unha DANA procedente dos Azores entre polo suroeste da península e provoque fortes treboadas e un acusado desplome dos termómetros en Galicia. De feito, de cara á vindeira fin de semana, Meteogalicia prognostica unha probabilidade de chuvia que acadará o 80% o venres, manterase nun 70% o sábado e descenda ata o 45% o domingo. As temperaturas tamén baixarán de forma notable, con máximas que non superarán os 19 graos, moi por debaixo do que se está a vivir en Galicia nos primeiros días de xuño.

Máis polo miúdo, este luns está a ser unha xornada marcada pola influencia das altas presións situadas ao oeste de Irlanda. O día estará dominado polo tempo seco e as temperaturas que superarán ou roldarán os 30 graos en Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo; mentres que en Ferrol, Lugo e A Coruña quedarán entre os 23 e os 22 graos. O martes agárdase un cambio na situación atmosférica debido á retirada do anticiclón cara o oeste. Isto provocará unha maior inestabilidade, que pode derivar en chuvascos tormentosos pero illados na provincia de Ourense. Con todo, as temperaturas non experimentarán cambios significativos e serán moi parecidas, tanto máximas como mínimas, ás rexistradas durante o día anterior.

Publicidade

Unha fin de semana “complicada”

O escenario comeza a cambiar progresivamente a partir do mércores, cando unha DANA situada nos Azores se comece a desprazar lentamente cara á península, achegándose a Galicia e inestabilizando a atmosfera. O vento do nordés e as néboas do litoral descenderán as temperaturas nas Rías Baixas, que se manterán elevadas en Ourense, Santiago, Lugo e Ferrol. Con todo, o cambio drástico de tempo non se producirá ata o xoves, servíndose o prato máis forte durante o venres. De feito, a meteoróloga Marta Almarcha prognostica nun artigo publicado en eltiempo.es que o primeiro día da fin de semana se poderían producir “chuvascos en gran parte da vertente atlántica peninsular”. A experta matiza que serán precipitacións marcadas polas tormentas en moitos puntos de España, especialmente en Galicia.

Á previsión de Almarcha súmase o meteorólogo Samuel Biener do portal Meteored, que avanza o seguinte: “A situación máis complicada espérase para a fin de semana, cando poderiamos ter un episodio moi destacado de tormentas intensas ou violentas”. Con todo, Biener pon énfase en que se trata dunha situación moi complicada de predicir, dado que fenómenos como as DANAS están marcados por unha gran incerteza. Tendo isto en conta, os modelos cos que traballan apuntan a fortes tormentas durante a fin de semana, que poden ser localmente fortes, e que poden ir acompañadas de sarabia e vendavais. “Poderían chegar a caer algúns récords de chuvia diaria para un mes de xuño”, advirte o experto de Meteored.

Melloría de cara ao domingo

Cunha situación atmosfericamente inestable durante o venres e o sábado, parece que o escenario comezaría a mellorar lentamente a partir do domingo, cando está previsto que a DANA se vaia afastando cara ao nordeste. Con todo, Almarcha vaticina que seguirán producíndose chuvascos persistentes no norte peninsular ao longo da última xornada da semana. Dende Meteogalicia agárdase que o domingo baixen considerablemente as probabilidades de chuvia —pasando dun 70% do sábado a un 45% ao día seguinte— pero que as temperaturas continúen sendo baixas para a época do ano, non superando os 19 de máxima e quedando nos 11 de mínima. O luns volverían baixar as probabilidades de precipitación, pero sen subida térmica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha DANA trae aire africano a Galicia e dificulta a predición para Semana Santa

Esta fin de semana agárdase tempo seco na comunidade pero a partir do luns aumentan as probabilidades de chuvia

O ex furacán Franklin pode converterse en ciclón tropical na súa viaxe a Galicia

O Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos cre que hai un 20% de probabilidades de que ocorra nos próximos sete días

Chega unha DANA “potencialmente adversa”: como afectará a Galicia?

A depresión descolgarase sobre as illas británicas e desprazarase cara ao sur, ata situarse o sábado de madrugada no noroeste peninsular

A entrada por Galicia dos restos dunha DANA precede a chegada da calor

Os termómetros caerán ata seis graos este venres e recuperaranse progresivamente as altas temperaturas a partir do domingo