Unha DANA trae aire africano a Galicia e dificulta a predición para Semana Santa

Esta fin de semana agárdase tempo seco na comunidade pero a partir do luns aumentan as probabilidades de chuvia

Todas as miradas están postas na previsión meteorolóxica de Semana Santa. A primavera está a piques de inaugurarse e xa se nota nas temperaturas: Galicia acadará valores de ata 27 graos nos vindeiros días. Aínda é unha incógnita o tempo da semana que vén e unha das culpables que dificultan elaborar un prognóstico claro é a DANA que entrará este mércores polo suroeste peninsular. Así que, se o tempo ao longo desta semana xa é moi cambiante pasando de chuvia e o frío á calor, a depresión esborrancha máis o panorama. A fin de semana previa a Semana Santa agárdase tempo seco, mais MeteoGalicia apunta que a probabilidade de chuvia aumenta conforme pasan os días.

Segundo explican dende eltiempo.es, unha DANA está achegándose á península polo suroeste. “Durante a primeira fin de semana da Semana Santa, a DANA podería situarse entre Canarias e o suroeste peninsular”. O mércores choverá pola mañá en Galicia, pero de carácter feble na provincia de Ourense, explican dende MeteoGalicia. A comunidade ficará influenciada por un embolsamento de aire frío en altura que se descolgará da circulación atmosférica. Francisco Infante, delegado da Aemet en Galicia, explica que as DANAS teñen unha “evolución bastante errática, son moi difíciles de prognosticar”. Son sistemas de pequena extensión, de maneira que a súa predición varía dun sitio a outro, de aí a dificultade de coñecer o seu comportamento.

Publicidade

Previsiblemente, a DANA afectará á península toda a semana pero en Galicia provocará calor, xa que, ao estar situada ao suroeste de España á vez que o anticiclón dos Azores está colocado á altura das illas portuguesas, bombea aire do sur cara a Galicia. Por iso lugares como Pontevedra e Ourense acadarán os 27 graos. Este compoñente cálido non durará toda a semana. A partir do venres descenderán as temperaturas. “A situación predominante vai ser de compoñente norte. Imos ter tempo seco con pouco nubosidade salvo na Mariña Lucense. As nubes acumularanse no mar Cantábrico. Esta será a tónica ata o luns”, apunta Infante.

A partir do martes, o patrón dos ventos muda cara ao suroeste e veñen acompañados de humidade procedente do atlántico e de precipitación. “Falamos de probabilidades. É posible que o martes se produzan precipitacións e serán máis abundantes nas provincias atlánticas ata o venres ou sábado. A partir do venres a incertidume é moi grande, non se pode facer un prognóstico”, explica o delegado da AEMET. Neste senso, engade que non hai unha situación máis predominante que outra e que debuxar una predición é case como “tirar unha moeda ao aire”. Eltiempo.es explica que as tendencias ao longo da Semana Santa apuntan a que Galicia podería ter chuvia “por enriba do habitual”.

Publicidade

O mércores haberá ata un 70% de probabilidade de chuvia, especialmente no norte de Galicia. En canto ás temperaturas, as previsións apuntan a “unha Semana Santa algo máis fría do normal na maior parte do oeste e centro de España”, segundo indica eltiempo.es.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño

▪️ O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día

Galicia rexistrou o cuarto abril máis seco da serie histórica

MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi de 35 litros por metro cadrado, que é un 69% inferior ao frecuente neste período