A primavera comeza este mércores despois do cuarto inverno máis chuvioso do século XXI

Neste mes de marzo será posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons-Brooks, segundo o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo

A primavera comeza este mércores 20 de marzo ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 días ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo.

O inicio da primavera prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes días, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais. O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera á escuridade. Relacionada coa época na que cadra a Semana Santa está a lúa, xa que logo o domingo de Pascua (este ano 31 de marzo) é o domingo seguinte a primeira lúa chea da primavera (este ano 25 de marzo).

Publicidade

Típicas desta estación son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas as cales teñen  os seus máximos os días 22 de abril e 5 de maio respectivamente. Así mesmo, o día 8 de abril terá lugar unha eclipse solar total visible no océano Pacífico, Estados Unidos, e no océano Atlántico. En Galicia vai coincidir o solpor co comezo da eclipse polo que se verá só durante uns minutos como parcial e tanto mellor canto máis preto da costa atlántica.

Este mes de marzo tamén é posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons- Brooks logo do solpor na constelación de Pisces entre as 20.30 e 21.15 horas aproximadamente.

Publicidade

Un inverno moi chuvioso

Polo que atinxe á información meteorolóxica, remata un inverno moi chuvioso aínda que mesturado cuns días de temperaturas agradables en Compostela, de feito foi o cuarto inverno con máis precipitación do que vai de século con 712,5 litros/m2. Se temos en conta que así mesmo vimos dun outono con moitísima auga, resulta que nos seis últimos meses a estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller mediu 1.704 litros/m2, só superados polo mesmo intervalo de tempo dos anos 2000-01 ( 2.893 l/m2), 2013-14 (2.015 l/m2), 2002-03 (1940 l/m2), e 2009-10 (1.764 l/m2). Na estación que agora remata,  houbo 58 días de chuvia, destacando a xornada do 8 de febreiro con 93,3 litros/m2.
                               .
A temperatura máxima tivo lugar o 14 de febreiro con 21º9, superándose os vinte graos noutras cinco ocasións. Pola contra a temperatura mínima absoluta rexistrouse o 20 de xaneiro con 1º3 baixo cero.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Conta atrás para a eclipse parcial de Lúa: por que se tinguirá de vermello e cando acadará o seu máximo

O fenómeno comezará ás 4.34 horas e rematará ás 9.01, sen que se precisen lentes especiais para a súa observación

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín