Por que é necesario rexistrar os galiñeiros de autoconsumo?

O decano de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, sostén que é unha medida necesaria para o control das enfermidades aviarias

Unha ducia de galiñas pican no penso e pasean polo exterior do seu recinto. Son poñedoras e habitantes únicas dunha explotación de autoconsumo, como tantas outras que hai espalladas por Galicia. Dende o 1 de xaneiro de 2024, todas elas deben estar inscritas oficialmente no Rexistro de Explotacións Avícolas de Autoconsumo, segundo dita o Real Decreto 637/2021. A medida está a suscitar polémica dende o punto de vista burocrático pero a ciencia ten clara a súa postura: é necesaria para o control das enfermidades avícolas. “Tecnicamente, é unha medida totalmente xustificable. É simplemente un rexistro sanitario que non supón ningunha carga burocrática”, defende o decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago (USC), Gonzalo Fernández.

A necesidade dun censo oficial de galiñeiros de autoconsumo vén determinada pola política sanitaria e a medicina preventiva. Este tipo de explotacións, que non deben superar os 30 exemplares de galiñas poñedoras, non teñen que aplicar ningún tipo de medida de seguridade como si se lle esixe ás granxas e ás grandes explotacións. Con todo, é preciso ter un control do número de galiñeiros para poder actuar a tempo ante os gromos de gripe aviaria ou de calquera outra enfermidade que afecte as aves. “Cando se detecta nunha zona, estamos obrigados a demostrar que a doenza non se diseminou nun radio de determinados quilómetros porque, se é así, vai haber restricións de movemento. Imaxina que non tes un rexistro oficial; vas ter que comprobar un a un todos os galiñeiros que haxa ao redor”, apunta o experto.

Publicidade

De feito, Fernández narra en primeira persoa unha experiencia que viviu en 2001, cando non existía ningún tipo de rexistro oficial que localizase xeograficamente os galiñeiros de autoconsumo. O suceso aconteceu en Vigo, cando se detectou o gromo dunha enfermidade aviaria nunha explotación. Ante a falta dun censo oficial, Fernández relata que tiveron que ir “casa por casa” para comprobar que a doenza non se diseminara. “Se non demostramos que a situación está controlada, pódese pechar toda a exportación de carne e de produtos aviarios de Galicia”, advirte o decano de Veterinaria. O experto lembra que incluso tiveron que botar man das fotografías aéreas por se había máis galiñeiros dos que foran capaces de detectar.

Máis alá da necesidade deste tipo de rexistros dende o punto de vista sanitario, Fernández desmente que supoña unha maior carga burocrática para quen ten un galiñeiro de autoconsumo. “É simplemente un rexistro, como tamén deben ter os apicultores. É moi sinxelo de facer e non ten máis implicación que a de ser un censo de tipo sanitario, onde non tes que acreditar nin a titularidade nin a propiedade da explotación“, sinala o decano de Veterinaria. De feito, o rexistro pódese facer presencialmente nas oficinas da Xunta ou ben de forma telemática, cubrindo un formulario dispoñible na sede electrónica. O documento MR501A tan só solicita ao usuario os seus datos de contacto e a localización e composición do galiñeiro. “Pódese facer en dous minutos e nin sequera che dan un prazo límite”, incide Fernández.

Publicidade

Ademais de inscribirse no Rexistro de Explotacións Avícolas de Autoconsumo, un dos requisitos que impón o Real Decreto 637/2021 é a identificación dun veterinario de referencia por se aparecen problemas sanitarios concretos como, por exemplo, un gromo de gripe aviaria. “Agora mesmo non hai ningunha alerta pero en medicina preventiva hai que estar sempre preparado para o peor”, di o decano de Veterinaria. Precisamente, a mesma medida lexislativa esixe que calquera explotación que se instale con posterioridade á súa entrada en vigor,ç debe ter unha distancia mínima de 500 metros con respecto a outras explotacións avícolas ou con aqueles espazos que poidan supoñer un risco hixiénico-sanitario. O obxectivo desta esixencia é, precisamente, reducir ao máximo posible a difusión de enfermidades infecciosas entre as aves.

Unha das doenzas avícolas que sacode periodicamente Galicia é a gripe aviaria. De feito, hai algo máis dun ano, en febreiro de 2023, xa se notificaran 30 casos na comunidade, segundo confirmaba a Consellería de Medio Rural naquel momento. Malia que todas as aves afectadas eran mariñas e silvestres, en concreto mascatos e gaivotas, tamén pode afectar as aves domésticas que entren en contacto con exemplares enfermos. É máis, pode haber especies como visóns, londras, raposos e incluso leóns mariños que tamén se vexan afectados. Aínda que nestes momentos non hai ningunha alerta activada por gripe aviaria, a comunidade científica apela sempre á prevención. Só así se poderá evitar o seu impacto sanitario, pero tamén económico.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. O decano minte.
    Levamos 3 000 anos de pitas e galiñeiros e sempre se soubo cortar as epidemias. É polo da axenda 2030, para que non teñamos carne para o autoconsumo, e punto. Xa vale de enfeitar a realidade para que non pareza tan mal.

    À fin van apertar tanto a corda que a xente ha de reaccionar. Ou non, e voltamos á idade media.

  2. Pois manda truco con iso de que “calquera explotación que se instale con posterioridade á entrada en vigor da norma, debe ter unha distancia mínima de 500 metros con respecto a outras explotacións avícolas ou con aqueles espazos que poidan supoñer un risco hixiénico-sanitario”. Vamos, que se teño un galiñeiro con 10 galiñas +galo na miña aldea, e chega un veciño novo para esa aldea, e quere poñer un galiñeiro, vai ter que montalo na parroquia veciña. Ou mellor, roubar os meus ovos, que non collóns.
    Todo parece que prevalece o cortar e pegar sen ver que territorio habitamos. Menuda tropiña nos desgoberna. Manda carallo! Vivir pra ver!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a febre aftosa, a enfermidade supercontaxiosa que ten en alerta a Europa

O virus que afecta a vacas, ovellas ou porcos obrigou hai 24 anos a sacrificar 10 millóns de animais no Reino Unido

Por que se controla a administración de antibióticos a cans e gatos?

A Lei de Medicamentos Veterinarios xera protestas no sector contra as restricións impostas na prescrición de medicamentos para animais domésticos e de granxa

Un estudo galego investiga as algas mariñas como alternativa aos antibióticos en coellos

A investigación de Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC avalía con resultados prometedores o uso destes organismos na mellora da saúde intestinal dos mamíferos

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións