Galicia concentra o 30% dos casos de gripe aviaria do Estado

A localización dunha gaivota patiamarela morta infectada en Xove (Lugo) eleva a 30 o número de casos na comunidade

A detección dun exemplar de gaivota patiamarela afectado por Influenza Aviaria de Alta Patoxeneidade (IAAP) en Xove (Lugo) eleva a 30 o número de casos notificados en Galicia pola Consellería do Medio Rural, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, e confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). En todos os casos son aves silvestres mariñas: mascatos e gaivotas.

Supoñen o 30% dos gromos de gripe aviaria en aves silvestres contabilizados en España, o que converte o noso territorio na comunidade autónoma con maior número de casos rexistrados. Séguena en incidencia as comunidades da cornixa cantábrica: País Vasco, con 20 casos; Cantabria, con 15 e Asturias, con 11.

Publicidade

De acordo co reconto actualizado do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) son 13 as comunidades autónomas con gromos de gripe aviaria confirmados, ademais das citadas: Cataluña, Aragón, Andalucía, Castela-A Mancha, Estremadura, Madrid, Castela-León, Aragón e A Rioxa.

Malia que en Galicia son as gaivotas e mascatos (aves mariñas) as infectadas e potenciais transmisoras do virus H5N1, a nivel do Estado atopamos un variado elenco de aves, tanto migratorias como residentes, pertencentes a distintos hábitats e familias como: patos, cercetas e gansos (anátidos); falcóns e ratoneros (aves de presa) ou especies como garzas, cegoñas, pombas, voitres leonados, quebra-ósos ou mesmo gaivotas.

Publicidade

Trece das dezasete comunidades autónomas teñen declarados gromos de Influenza Aviaria de Alta Patoxeneidade (IAAP) 

A causa da desestacionalización da circulación deste virus que se vén observando nos dous últimos anos en Europa, é esperable que continúe a detección de novos casos de aves silvestres afectadas tanto en Galicia como no resto do territorio do Estado polo que, desde a Consellería do Medio Rural pídese, de xeito explícito, non manipular aves enfermas ou mortas e avisar aos servizos veterinarios competentes para que se fagan cargo.

Foi en agosto de 2022 cando a Consellería do Medio Rural detectou o primeiro caso de IAAP en Galicia, desde entón extremouse a vixilancia e instouse o reforzo das medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas comerciais e particulares, co obxectivo de detectar a aparición de calquera brote e abortar a súa posible expansión.

Os brotes de gripe aviaria H5N1 de alta patoxeneidade van a máis e, nos últimos meses, evolucionaron cara a unha panzootia, xa que afecta ou pode afectar a todo tipo de aves silvestres e aves domésticas, en distintos continentes, e infectar a outras especies, como xa ten ocurrido: visóns, londras, raposos e leóns mariños. Uns cambios e nivel de risco que preocupan e ocupan a expertos que estudan e debaten o novo escenario. Ata o momento, a Organización Mundial da Saúde avalía como “moi baixo” o risco de infección do virus nas persoas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura