Xoves 18 Abril 2024

Un estudo en ratos abre a porta á primeira píldora anticonceptiva masculina

Un equipo dos Estados Unidos proba un novo fármaco capaz de xerar infertilidade en roedores durante unha hora

Un equipo da Universidade de Cornell, en Estados Unidos, acaba de publicar un estudo na revista Nature Communications no que abren a porta á primeira píldora anticonceptiva masculina. Segundo un ensaio feito en ratos, un novo fármaco é capaz de xerar infertilidade nestes roedores durante unha hora e os seus efectos desaparecen antes das 24 horas. Este estudo experimental podería apuntar, por tanto, cara a un futuro anticonceptivo masculino “baixo demanda”.

O fármaco potencial, que aínda non se probou en humanos —e aínda faltarían anos para que estivera dispoñible—, únese a un grupo cada vez maior de estudos sobre anticonceptivos masculinos. Porén, na actualidade só hai dúas opcións dispoñibles para os homes: os preservativos e as vasectomías. Segundo o portal de noticias ScienceAlert, os medicamentos que se probaron ata o momento non saíron adiante, entre outros motivos, “pola falta de interese da industria farmacéutica. “Neste momento, toda a carga da anticoncepción recae sobre as mulleres”, di Melanie Balbach, primeira autora do Estudo. E engadiu: “Queremos novas opcións”.

Publicidade

A proteína clave

A adenil ciclasa soluble (sAC) é unha proteína que xoga un papel esencial na adquisición e regulación da capacidade fertilizante dos espermatozoides dos mamíferos. Este estudo describe os efectos de TDI-11861, un inhibidor selectivo da sAC e a súa utilidade como anticonceptivo masculino, administrado oralmente e nunha única dose de forma previa ás relacións sexuais, sen que afecte á exaculación ou ao comportamento sexual, segundo explica a científica do CSIC Luz Candenas —que non participou no estudo— nunhas declaracións recollidas polo Science Media Centre (SMC) España.

“Toda a carga da anticoncepción recae sobre as mulleres. Queremos novas opcións”

MELANIE BALBACH, primeira autora do estudo

A sAC actúa como o “interruptor de acendido” dos espermatozoides. Se se apaga, o esperma xa non pode moverse. A través de diferentes probas, o equipo demostrou que un composto que bloquea esta proteína é capaz de inmobilizar o esperma dos ratos de 30 minutos a unha hora. “O composto tivo un 100% de eficacia na prevención do embarazo nas dúas primeiras horas e caeu ao 91% nas primeiras tres horas”, recolle o estudo. Despois de 24 horas, os espermatozoides dos ratos volveron moverse con normalidade.

Un fármaco en oito anos

A raíz deste estudo, os investigadores esperan desenvolver unha píldora non hormonal que funcione en menos dunha hora e dure de 6 a 12 horas. Esta opción sería moi diferente doutras que tamén se están estudando, como un xel hormonal que se está probando en humanos, pero que adoita tardar semanas e meses en comezar e deixar de funcionar. Ademais, neste estudo non se notificaron efectos secundarios en ratos. Outras investigacións anteriores suxeriron que os homes aos que se lles desconectou permanentemente a sAC si tiñan unha maior taxa de cálculos nos riles. De todas formas, isto non sería o caso dos homes que tomasen esta hipotética píldora, posto que o “apagado” sería só temporal.

O composto tivo un 100% de eficacia na prevención do embarazo nas dúas primeiras horas e caeu ao 91% nas primeiras tres horas

O equipo espera poder realizar os primeiros ensaios en tres anos e cun produto final que poida estar listo en oito. “Realizáronse outros intentos de desenvolver anticonceptivos masculinos, pero polo momento ningún deles pasou á clínica. Aínda que esta investigación se levou a cabo en ratos e hai que facer ensaios clínicos para corroborar a súa eficacia en humanos, abre a porta á primeira píldora anticonceptiva masculina dun só uso, ofrecendo unha interesante alternativa ao uso exclusivo de anticonceptivos orais en mulleres”, conclúe Candenas.


Referencia: On-demand male contraception via acute inhibition of soluble adenylyl cyclase (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que é un erro falar de Galicia como ‘refuxio climático’ para atraer turismo

O turismo contribúe á emisión de gases contaminantes á atmosfera e os refuxios climáticos deben ser accesibles a toda a poboación

A galega Sonia Villapol demostra que os probióticos axudan a recuperarse do dano cerebral

A neurocientífica publica un estudo que proba como as cepas de 'Lactobacillus' contribúen a reducir a inflamación no cerebro despois dunha lesión

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

Como rexistrar a túa marca? Este proxecto de atlanTTic axudará a resolver as túas dúbidas

Unha ferramenta baseada na intelixencia artificial filtrará a sección de preguntas frecuentes sobre propiedade intelectual dun organismo da Unión Europea