O paso do tempo adoita vir da man do cambio: novas necesidades, ferramentas e coñecementos. O desenvolvemento das industrias está repleto de moitos ‘novos’, e no medio de todos eles algúns ‘antigos’ van quedando atrás. Coa estandarización do cinema dixital, os operadores de cámaras tradicionais van en declive; cando as aldeas quedan baleiras, xa non se precisa dalguén que faga soar as campás; cando a visita dun electricista está a unha chamada de distancia, a figura do home da luz vólvese obsoleta. O paso do tempo foi levando diferentes profesións ao borde da desaparición. Agora, unha exposición no Museo Etnolóxico de Ribadavia recolle estes oficios tradicionais da voz e testemuña de quen os practicou. Sete persoas contan a súa experiencia como ferreiro, artesá dos coleiros, coroceiro, muiñeira, campaneiro, operador de cabina de cine tradicional e home da luz.
“No noso centro levamos dende hai tempo traballando sobre a recuperación e valorización de sitios abandonados. En certo punto decidimos que o último paso sería falar dos oficios que se perderon ou que están en vías de extinción”, conta Raúl Gómez, profesor do instituto que realizou a exposición. El é un dos catro coordinadores do proxecto, acompañado polos docentes Ricardo Paz, Alfredo F. Bermúdez e Adrián Mosquera. O mestre engade que buscaron persoas que puideran falarlles dos labores en primeira persoa, “para non só coñecer os oficios senón, sobre todo, recuperalos da voz de quen os viviu”. As pesquisas e traballo de campo de docentes e alumnado teñen como resultado a exposición que se mostrará no Museo Etnolóxico de Ribadavia ata finais de abril de 2027.
Tres formas de artesanía: o ferro, os coleiros e as corozas
Nunha antiga fábrica cuxas portas levan anos pechadas ao público, un grupo de estudantes do IES Manuel Chamoso Lamas puido observar en vivo como un mestre do ferro exercía a súa profesión. Foi Lito, descendente dunha familia de ferreiros. “De neno, cando saía da escola ía ao taller a axudarlle ao seu pai, Eduardo. Era o ano 60, e así, pouco a pouco, foi aprendendo o oficio”, explica a exposición. O manexo do ferro viuse arrastrado pola chegada do aluminio, metal co que tamén traballou. A mostra conta que a tradición familiar de ferreiros rematou con Lito, pois ningunha das súas fillas tomou o relevo.
Outra das profesións que explora e expón a mostra é a da fabricación dos molidos. Mari Carmen, da parroquia de Sagra, traballaba facendo coleiros (coñecidos en Ourense como ‘culeiros‘), tamén chamados moleiros e molidos. “Eran soportes antigos para cargar cesta e sacos de viño“, explica Raúl Gómez. A artesá xa non exerce a súa profesión, mais ten unha longa historia de facer os molidos xunto ao sei pai. “A súa elaboración era moi laboriosa, e os preferidos da xente eran os de xunca, xa que eran máis lixeiros“, sinala a exposición.
Entre os artesáns da lista está tamén Higinio, coroceiro. De cativo elaboraba corozas, tamén chamadas carapuchas: eran prendas feitas de palla de centeo ou xuncos que se empregaban para protexerse da choiva cando había que ir co gando ao monte. “Xa fai moitos anos que non fai unha coroza, agora é moi difícil atopar os xuncos para elaboralas”, recoñecen dende a mostra.
Unha muiñeira e un campaneiro, vítimas do despoboamento rural
Un paseo polo rural galego aínda permite atopar o esqueleto dalgún muíño que, noutros tempos, funcionaba con regularidade. Marina era unha das persoas encargadas de atender o muíño de Vilanfesta, en Cea. Conta que o seu traballo levábaa a estar a altas horas da noite almacenando auga ata reunir a suficiente para continuar o proceso de moer, a través do cal a forza hídrica alimentaba o movemento dunhas pedras entre as que se trituraba o cereal. Fala de que na súa aldea, de tan só 10 veciños, chegou haber dous muíños; hoxe, ambos están en ruínas.
O despoboamento do rural é responsable do declive de máis dunha destas profesións. Un claro exemplo é o do campaneiro. Antonio é un dos que aínda desenvolven o oficio. “Non quere deixar a parroquia sen servizo”, conta Raúl Gómez. O campaneiro é a persoa responsable de facer soar, coidar e manter as campás dunha edificación, habitualmente dunha Igrexa ou outro tipo de construción relixiosa. Entre os labores que inclúe o traballo están o de repicar a campá para dar a hora, indicar o comezo dunha misa —sobre todo aquelas de carácter especial, como os cabos de ano ou festas da aldea— ou comunicar o falecemento dun veciño. O campaneiro entrevistado para a exposición conta que o son das campás que marcan o inicio dunha eucaristía están xa automatizadas, pero el é quen aínda se encarga de facer soar os instrumentos cando, por exemplo, hai unha persoa defunta. Antonio lamenta que non hai persoas ás que poida ensinarlles o oficio para que tomen o seu relevo.
Profesións en constante evolución: un operador de cámara e un home da luz
Hai certos oficios que non desaparecen, senón que se transforman ata mudar a súa esencia. É o caso dos operadores de cámara: un fotógrafo de comezos do século XX vería impensable a posibilidade de pulsar un botón e que, de xeito inmediato, poida ver a imaxe tomada a toda cor. En cambio, quen só practicara fotografía dixital encontraría dificultades á hora de utilizar unha cámara tradicional, nas que o tempo entre a toma da imaxe e a súa captura podía ir dos segundos aos poucos minutos, por non mencionar a necesidade de revelado. No presente consérvanse estas técnicas, aínda que forman parte das actividades máis de culto ou ensino que comerciais.
Ernesto ten un cine en Leiro, o Novocine, aínda en funcionamento. Sobre a sala de proxección, no seu fogar, conta cun museo-faiado no que recompila obxectos antigos relacionados coa súa profesión como operador de cabina. Eran espazos pequenos, nos que o experto traballaba só e en silencio. Revisaba e montaba os rolos de celuloide —que, no cine analóxico, se usaban para gravar as películas—, manexaba as máquinas de proxección —que precisaban axustar, entre outros, o enfoque e o son da peza—, mantiña en bo estado todo o equipamento e encargábase de cambiar as bobinas. Isto último era unha acción manual necesaria para pasar dun dos rolos que conformaban unha película ao seguinte cando este ía rematar. Tradicionalmente cada rolo duraba sobre 15 minutos; o operador debía facer o cambio no momento exacto para que a audiencia non o percibira. Era un oficio que requiría coñecementos e precisión, habilidades que Ernesto aínda pon en práctica cando, nalgunhas ocasións, pon a funcionar o proxector do primeiro cine no que traballou na súa carreira profesional.
O último oficio que recolle a exposición é o do home da luz. “Non era exactamente o mesmo que hoxe coñecemos como electricista, aínda que tiñan coñecemenos similares. O home da luz pasaba unha vez ao mes polas aldeas a ler os contadores, a cobrar os recibos e a arranxar calquera problema eléctrico que houbera nos postes da luz e nas casas”, matiza o docente. Cando se producía unha avaría no tendido eléctrico, as persoas da aldea aproveitaban a chegada do home da luz para pedirlle que arranxara calquera desperfecto que puidera haber. A diferenza está en que antigamente resultaba máis complexo acceder ás poboacións máis remotas do rural, e non sempre existía a dispoñibilidade de chamar por teléfono a un electricista. Así, o home da luz era a figura encargada do mantemento eléctrico das poboacións máis illadas. Na exposición recollen que un deles, Adolfo, aínda conserva unha colección de artefactos e documentos centenarios da súa profesión.

Como nace o proxecto?
A mostra chámase Oficios en extinción: Imaxes que contan, persoas con historias e xorde do labor de investigación, recollida de datos e produción de materiais varios dun grupo de estudantes do IES Manuel Chamoso Lamas. “Participamos dende hai máis de 10 anos no programa Proxecta Foto. É unha iniciativa voluntaria na que ensinamos ao alumnado terceiro e cuarto da ESO que decide participar todo o proceso de funcionamento de cámaras de foto e vídeo. Aprenden a tomar as imaxes e tamén a editalas e montar o resultado final”, explica Gómez. Contaron tamén coas achegas do alumnado da FP de Soldadura, que prepararon estruturas metálicas para colgar os materiais, e do Centro de Estudos Chamoso Lamas. “En total participaron entre 30 e 40 alumnos“, lembra Gómez.
Os oficios tradicionais que se perderon (ou están nese camiño), son, en realidade, moitos máis que os sete que chegaron ás imaxes expostas no museo. “Tiñamos moitas ideas, pero había que concretalas”, recoñece o docente, que coordinou o aspecto fotográfico da mostra. “Tivemos que reducir o noso abano de posibilidades. Puxémonos varios límites: tiñamos que localizar persoas vivas, que estiveran na zona do Carballiño e do Ribeiro, que puideran saír en imaxes e que puideran falar en vídeos“, enumera Raúl Gómez. Coas condicións anteriores vixentes, o equipo chegou a un total de sete persoas. Estas son algunhas das fotografías que forman parte da mostra e foron tomadas polo alumnado do IES Manuel Chamoso Lamas:
O docente conta que a exposición ten dous grandes obxectivos. O primeiro é o de poñer en valor o pasado. “Agora moitos dos rapaces e rapazas non saben que existían certas profesións. O proxecto permítelles poñerse en contacto con profesionais deses campos e ver como traballaban”, apunta Gómez. A segunda vertente da iniciativa é a de achegar a mocidade aos oficios tradicionais e volvela máis crítica ao respecto. “A realidade é distinta cando estudas a cando traballas. Queriamos que con este traballo foran conscientes de a onde vai a realidade, que entenderan a onde van os oficios, que comprenderan de forma crítica os cambios no mundo actual”, sinala o profesor. Porque, como indica, oficios que no imaxinario da xente moza poderían ter unha antigüidade máis que centenaria aínda teñen practicantes vivos no presente, mesmo se ditas persoas xa non exercen a súa profesión a causa da idade.

























