Valentín Insua traballa na Catedral de Mondoñedo (Lugo) dende hai 12 anos. O toque manual das campás era unha das súas afeccións preferidas, unha tradición familiar que desfrutou xunto ao seu pai e o seu tío, que ademais eran gardas da sé. Tras o seu falecemento, quedou a cargo da tarefa e recoñece que é algo que leva no sangue. Para el, é un momento de intimidade que só coñece quen tocou campás. Insua ten unha colección de nomes de todos os campaneiros e campaneiras dende 1570 e disto falará no Primeiro Congreso de Toque Manual de Campás que terá lugar na Estrada o próximo 6 de maio. O obxectivo: que non deixen de soar os sinos en Galicia.
O evento está organizado pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e a Asociación Cultural de Campaneiros de Galicia. Carlos Henrique Fernández, presidente de Apatriagal, explica que esta celebración é importante para chamar a atención deste costume tras a declaración do toque manual de campá como Patrimonio Inmaterial da Unesco. Conta que en Galicia se atopan o 50% dos campaneiros manuais da península e que debe entenderse como unha arte, esa parte da historia que non se pode abandonar e que esperta —aínda que estrañe— moito interese en persoas novas. “É unha manifestación que atrae. Na Catedral de Santiago recuperouse o repique francés, que hai moito que non se escoitaba”, alega.
Os sinos foron os medios de comunicación do pasado. Unha tradición que comezou hai 900 anos e que nas últimas décadas, ao redor dos anos 80, foi desaparecendo pola globalización. O toque de campás non era algo exclusivo do rural nin moito menos. De feito, nalgunhas grandes cidades pódese escoitar na actualidade as horas que marcan as igrexas. Dende o século XVI a maior parte das persoas que se adicaban ao oficio das campás eran mulleres. Conta o campaneiro de Mondoñedo que algunhas eran as titulares das catedrais, ou polo contrario, os seus maridos. Os seus fillos tomarían o relevo e ese sería o seu oficio. Agora, a profesionalización dos campaneiros ten unha gran dicultade.
A maior parte das persoas campaneiras eran mulleres
Carlos Henrique, de Apatrigal, comenta que é un traballo “moi difícil de manter” porque os medios de comunicación foron cubrindo as necesidades de información conforme avanzaba a sociedade. Aproximadamente, nas igrexas identificábanse sobre 20 tons distintos. Cada un deles avisaba dun suceso, do comezo dun evento, ou era unha chamada a diferentes reunións. Hai moitos anos, había campaneiros que pasaban ata seis horas no campanario. Cando a poboación deixou de necesitar as campás os toques fóronse reducindo. Valentín Insua conta que deixaron de ser unha parte esencial nas catedrais e a día de hoxe en múltiples igrexas están automatizados. Non é así no caso de Mondoñedo, onde el traballa. Mantense o toque das 12 da mañá, a chamada dos sacerdotes gregorianos antes da misa, o aviso dunha morte ou as festividades.
Ao longo de toda a historia do emprego do toque manual de campás existiu un código simbólico que a sociedade coñecía pola transmisión cultural. Dependendo dos municipios ou cidades os ‘toques’ eran distintos entre si. Segundo a arqueóloga Ana Filgueiras, que tamén participará no Congreso que se celebra na parroquia de San Xurxo de Cereixo, considera que por aquel entón existía un “sentido de comunidade” que se perdeu. No seu lugar, deuse paso a unha forma de vida chea de “exceso de ruído e velocidade” e a unha sociedade individualista. O son das campás servía para alertar a sociedade de posibles perigos, como lumes ou a chegada de inimigos por mar; chamaba á xuntanza política e a tomar decisións, é o chamado ‘toque de campá’; avisaba da tormenta; e tamén informaba cando unha muller ía dar a luz, sendo prohibido no século XVIII por Carlos III.
“Todo isto implica que as persoas colaboraban unhas coas outras, as que sabían tocar a campá eran as escargadas de facela soar. É convivencia, axuda mutua, pero tamén de socorro, de dolo”, explica. De feito, tal era a precisión dos distintos toques que eran distintos cando o morto era un home ou unha muller. “O toque do sino, ademais, ten unha presencia moi relevante en determinados mitos que se transmitiron”, continúa a arqueóloga. Toda esta diversidade, considera, é un ben cultural, que naceu cando o ser humano estaba “máis conectado coa natureza e vinculado coa terra”.
As campás seguirán aí
O volteo de campás é o xiro dos sinos 360 graos, empuxando a “boca” dende o seu carón para que se estea movendo continuamente. O campaneiro de Mondoñedo explica que é unha técnica perigosa que se emprega para ocasións especiais, por exemplo, na visita do bispo, o Día da Asunción, o Día de San Rosendo, no Corpus ou en Semana Santa. Independentemente da tradición, conta Valentín Insua, son as sensacións que permanecerán sempre que se toque ou soen as campás. “Elas seguirán aí e pódense empregar mediante un código novo ou outro a establecer que sirva para a sociedade”, comenta. Son instrumentos ao noso alcance que foron silenciados e que ás veces, conta o campaneiro, deixan un lamento no ambiente que custa explicar.















Se ha de realizar una reconstrucción socio cultural cuando aceptemos la función De la Iglesia y de la comunidad sin idealizar el rural quitando todo los siniestro e ignorante dotándolo de una actitud castiza como se hizo con las costumbres madrileñas de los gatos. Lograremos preservar nuestra cultura y tradición puesto que son los monaguillos los que enseñaban y actuaban en esa tradición.