Unha carta do presidente de Apatrigal reclama unha alternativa ás tubaxes das gárgolas do Obradoiro

Carlos Fernández Coto defende solucións técnicas máis integradas, ao considerar que “non pode xustificarse como única nin como inevitable”

O presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto, vén de dirixir unha carta ao arquitecto contratado polo Ministerio de Industria e Turismo, autor da inclusión de tubos de cobre que sobresaen das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos, na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Esta actuación técnica, realizada sobre o edificio de Enrique Egas, está incluída no Plan Director do Hostal e conta coa autorización da Dirección Xera de Patrimonio Cultural da Xunta. O seu obsectivo é solucionar os problemas derivados da evacuación da auga, que caía directamente sobre o balcón, provocando a súa erosión e afectando tamén á fachada pola humidade. “Aquí non está en discusión a necesidade de evacuar a auga (que é evidente), senón a forma en que se decidiu facelo”, subliña Fernández Coto na súa mensaxe, na que tamén se expresa como arquitecto.

Estes elementos non constitúen só unha característica singular do edificio, senón que forman parte dun conxunto oficialmente como Ben de Interese Cultural (BIC), o que agrava a situación. “A Praza do Obradoiro non admite banalizacións nin respostas extravagantes”, advirte. 

Publicidade

Con todo, a Xunta, institución competente sobre este ben, sostén que a actuación proposta é a máis axeitada segundo criterios técnicos. Pola contra, Fernández Coto afirma que “no século XXI existen solucións técnicas sobradamente contrastadas que permiten resolver a evacuación de augas sen recorrer a expresións tan rudimentarias”. Entre elas, menciona canalizacións ocultas, sistemas integrados ou intervencións máis afinadas. “A elección realizada, polo tanto, non pode xustificarse como única nin como inevitable”, engade o presidente de Apatrigal.

A polémica xurdiu ao remate das obras, cando quedou á vista o tubo engadido. A denuncia pública partiu de Maite Vieites, veciña que deu a voz de alarma ao difundir imaxes das gárgolas. O debate estendeuse rapidamente polas redes sociais e chegou incluso a voces de referencia internacional, como o arquitecto David Chipperfield, segundo recolle Fernández Coto na súa carta. 

Publicidade

Fóra do equilibrio

“Para Galicia, [a Praza do Obradoiro] é un espazo de máxima significación histórica e simbólica, un ámbito no que cada elemento forma parte dun equilibrio extremadamente delicado”, reflexiona. Por iso, insiste en que non abonda con resolver un problema técnico, senón que é preciso comprender o contexto no que se intervén, xa que as gárgolas forman parte dese equilibrio. “A función técnica intégrase nun discurso arquitectónico e simbólico coherente”, apunta.

Neste sentido, cualifica a actuación como “unha solución que non dialoga coa arquitectura” e “un elemento visualmente agresivo nun dos conxuntos máis sensibles do país”. Ao seu xuízo, a cuestión de fondo é a adecuación da intervención: “Aos galegos non nos incomoda a intervención contemporánea; incomódanos a intervención que non entende o lugar”.

As gárgolas forman parte dun Ben de Interese Cultural (BIC). Foto: Apatrigal vía Facebook
As gárgolas forman parte dun Ben de Interese Cultural (BIC). Foto: Apatrigal vía Facebook

Por último, a carta de Apatrigal solicita a revisión da actuación: “Agardamos, por tanto, que esta situación sexa reconducida cunha solución acorde á dignidade do lugar”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A camelia consolídase como emblema galego nunha nova mostra en Santiago

O evento levarase a cabo entre o 2 e 4 de abril con acceso libre, ofrecendo máis de 200 variedades da flor e instalacións audiovisuais

Cando a luz é máis que arte: iluminar para conservar o patrimonio de Santiago

Un estudo da USC confirma a eficacia dun novo sistema de iluminación ornamental, en cores ámbar e verde, para a conservación da arquitectura en pedra

Maior Pérez e o seu instinto empresarial na Pontevedra do século XIV

A nobre de orixe compostelá, unhas das máis poderosas do seu momento, impulsou uns baños públicos únicos na Galicia medieval

Sancha de Lobeira: como preitear contra o arcebispo de Santiago e saír gañando

Foi unha gran señora feudal que viviu entre os séculos XV e XVI e cuxa xestión patrimonial deixou fonda pegada nos concellos da Serra de Outes