Galicia prepárase para un cambio drástico nas condicións meteorolóxicas debido á chegada inminente —prevista entre o luns e o martes— dunha masa de aire de orixe subtropical polo oeste da península. Este fenómeno, que foi captado a través de Coperninus, provocará un ascenso térmico xeneralizado, situando as temperaturas en valores moi por enriba do habitual para esta época do ano. Ademais da calor anómala, a entrada deste fluxo de aire virá acompañada de po sahariano en suspensión, o que xerará episodios de calixe.
Pese ao ambiente caloroso, a atmosfera presentará unha marcada inestabilidade que favorecerá a formación de tormentas durante os próximos días, que, advirte a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), poderían ser localmente fortes e estar acompañadas de sarabia. Estas tormentas asentaranse no territorio galego en torno ás 15:00 horas de mañá, segundo indica Eltiempo.es.
Coa entrada desta fronte, comeza o ascenso dos termómetros na comunidade galega: o martes está previsto chegar aos 29 graos en Ourense e 27 en Monforte. A calixe que acompañará esta calor terá unha concentración especialmente pronunciada na costa atlántica durante as primeiras horas do martes. A medida que avance o día, os maiores cúmulos de po situaranse na provincia de Ourense e, finalmente, no límite leste da comunidade autónoma.
Unha semana de contrastes
Esta masa de aire subtropical abandonará Galicia o mércores e, xa con menor intensidade, continuará o seu paso polo centro e este peninsular. A partir do xoves, non obstante, Meteored informa da previsión dunha DINA “moi tormentosa” en diferentes puntos da península, a saber: Castela e León, a Cordilleira Cantábrica e Ibérica e, de xeito máis irregular, o interior de Galicia, Estremadura, Castela A Mancha e Andalucía.
Os próximos días estarán marcados pola inestabilidade, porque, despois das tormentas, a previsión de Eltiempo.es xa indica que a semana que vén continúa a tendencia á alza das temperaturas. O mércores 29 mesmo poderían chegar a superarse os 30 graos na provincia de Ourense durante as horas do mediodía.















