En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúde, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, analizaron a metodoloxía aplicada no estudo e constatan: “O que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática”.
A mesma revista que difundiu o polémico artigo, PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences), vén de publicar una carta firmada por Martín Olalla e Mira Pérez na que se evidencia que as conclusións do estudo non están soportadas por indicios reais. Este escrito explícao o profesor da Universidade de Sevilla nun vídeo que publicou en YouTube.
O artigo de Weed e Zeitzer tivo unha gran repercusión mundial no outono de 2025 polo rechamante das súas conclusións e por utilizar a base de datos Places (Population Level Analysis and Community EStimates), realizada polo Centro de Control de Enfermidades dos Estados Unidos (CDC) e que contén información sobre a prevalencia de 29 síndromes ou enfermidades a nivel local. Os datos de Places foron contrastados cun modelo circadiano que desenvolveron os autores.
O erro na metodoloxía
O traballo dos profesores Martín Olalla e Mira Pérez reporta un grave erro nas bases metodolóxicas do estudo. O modelo orixinal computa a diferenza entre o ritmo do reloxo biolóxico —ritmo circadiano, determinado pola hora á que a temperatura corporal é mínima— e o ritmo da rotación terrestre. Esta diferenza representa o “axuste circadiano necesario para manter a sincronización co mundo exterior”, explican os autores do traballo orixinal.
Os efectos globais na saúde das persoas infírense da suma anual destes reaxustes diarios, pero ao facer este cómputo os autores acumulan sempre a magnitude do reaxuste, con independencia de se ese foi positivo ou negativo. “O uso de reaxustes absolutos e non reaxustes reais é o erro crítico”, sinalan Martín Olalla e Mira, que mostran que esta metodoloxía só proporciona o ruído do modelo e, por tanto, non pode predicir efectos netos na saúde.
A incomprensión da escolla
“O que fan os autores non ten moito sentido; é coma se ao conducir rexistrásemos os pequenos reaxustes que se fan movendo o volante a un lado e outro, e que axudan a manter o coche no carril, para computalos todos no mesmo sentido e reportar un valor grande, no canto de compensalo. Co seu cómputo sería o mesmo manter un rumbo fixo facendo pequenos reaxustes co volante a un lado e outro (o que ocorre realmente), que desviarte aos poucos virando e virando nun mesmo sentido ata acabar indo en sentido contrario. Só isto refuta as conclusións do estudo”, explica o profesor Mira.
O profesor Martín Olalla engade: “Analizamos as tripas do modelo e vimos que o reaxuste diario era pequeno, similar á precisión temporal do modelo, e flutuante: uns días nun sentido, outros no contrario, sen unha tendencia global que leve a unha desincronización significativa, todo como corresponde realmente a un reaxuste. En consecuencia, o acumulado anual destes reaxustes era cero, mesmo con cambio de hora”.
As intencións tralo estudo orixinal
Martín Olalla cuestiona posibles intencións tras esta escolla metodolóxica: “A métrica que usan parece escollida coa intención de que a política actual do cambio de hora obteña os peores resultados porque os reaxustes que traen o cambio de primavera e o de outono contribúen no mesmo sentido, no canto de compensarse. Neste sentido os resultados do estudo parecen unha autoprofecía cumprida. O caso é que o reaxuste acumulado absoluto que reportan é unhas 20 horas ao ano, pero non é máis que unha media duns tres minutos por día, unhas veces nun sentido e outras noutro; coa información achegada no estudo faise difícil entender como este valor tan débil, un 0.3%, pode relacionarse epidemioloxicamente coa prevalencia de enfermidades.”
Ao finalizar a súa carta, os profesores Martín Olalla e Mira formulan unha pregunta fundamental: que expectativas previas tiñan os autores do traballo orixinal cando pensaron en asociar aspectos sociosanitarios globais co ruído do seu modelo? “Non vemos ningunha hipótese previa ou ningún nexo causal que xustifique a análise que se realiza no estudo orixinal. Isto invalida a metodoloxía do estudo e, por tanto, as consecuencias que reportaron: os seus autores non poden concluír que a eliminación do cambio de hora traería unha diminución da prevalencia da obesidade ou dos ataques agudos”, afirman.
Referencia: The sum of absolute circadian shifts: Questioning the metric linking daylight saving time policy to stroke and obesity (Publicado en Proceedings of the National Academy of Sciences)















