Horario de verán ou de inverno: que lle convén a Galicia en caso de eliminar o cambio

Amencer ás dez da mañá ou que anoiteza ás seis da tarde pode provocar consecuencias negativas para a saúde

“Cambiar a hora dúas veces ao ano xa non ten sentido“. Con esa frase, o presidente do Goberno Pedro Sánchez comezou relatando a súa proposta de deixar atrás os cambios de hora.  Así, o do próximo sábado, no que ás tres da madrugada serán as dúas, podería ser o último. Pero isto deixa unha pregunta: en caso de cambiar a hora, debe ser para manter o horario de inverno ou para establecer o de verán? Que convén máis en Galicia?

“O horario de inverno provoca que amañeza máis cedo, algo que facilita o espertar natural do organismo e mellora a produción de cortisol matinal“, explica Fernando Vázquez, que destaca o papel que ten para regular o reloxo biolóxico do corpo. A maior sincronía do corpo coas fases de luz e escuridade é positivo, destaca, que pode axudar tamén a ter un sono máis reparador. Pero, por outra banda, a actividade social pode ser menor porque a exposición á luz solar tamén o é. Isto pode diminuír un pouco a produción de serotonina, que é a hormona relacionada co estado de ánimo, segundo apunta, algo que pode reforzar a tristeza estacional.

Publicidade

O horario de inverno é o que está máis preto do que corresponde xeograficamente a Galicia. Toda España está teoricamente situada no fuso no que está Portugal ou Reino Unido (GMT), pero a normativa actual establece que a mesma hora de Berlín ou Varsovia (GMT+1). Porén, no caso de Galicia, está case dúas horas mal con respecto aos fusos. De tomar a decisión en base aos fusos internacionais, manter o horario de inverno sería o máis lóxico para todo o país. Manter o de verán sería, en realidade, como estar noutro fuso horario aínda máis lonxe (GMT+2). Sería ter dúas horas máis do que corresponde en España e tres horas máis nalgúns puntos de Galicia. Ante isto, algúns países o que fan é establecer unha hora distinta nalgúns dos seus territorios, malia que no caso de Galicia parece improbable dado que non hai declaracións políticas previas que indiquen que ese vaia ser o camiño. “No caso de España en xeral pero máis especificamente de Galicia sería fantástico que fose a hora de Portugal e Reino Unido“, asegura.

Por outra banda, o horario de inverno non é do gusto de todos, porque anoitece máis cedo. Unha consecuencia que será moi visible co cambio de hora que terá lugar o próximo domingo 26 de madrugada, cando ás tres serán as dúas. Isto implicará que amencerá ás 8 da mañá e anoitecerá antes, ás 18:36. Día a día, os días serán máis curtos e anoitecerá ás 18:00. É un dos motivos polos que a maioría dos que responderon a enquisa de WhatsApp de GCiencia, respondeu que prefería quedar co horario de verán (GMT+2).

Publicidade

Un dos problemas de manter o horario de verán é que en decembro non amencería ata as 10.00. A cambio, sería de día ata as 19.00. Porque ese é un dos puntos: Galicia ten unha variabilidade de luz entre verán e inverno de ata seis horas. Mentres que en xuño de 2025 hai máis de 15 horas de luz, en inverno hai só nove. O que si é popular é o propio cambio de hora: sete de cada dez galegos queren poñerlle fin, segundo os datos rexistrados en 2023. “O máis importante é a sincronía co reloxo biolóxico”, destaca Vázquez, que recorda por outro lado que no caso de Galicia é aínda máis adecuado o horario de inverno.

O último cambio de hora?

O motivo que aduce Sánchez para suprimir os cambios de hora, unha decisión que provoca certa división no eido científico, son os estudos que apuntan que o cambio afecta negativamente á saúde. Un estudo publicado en setembro nos Estados Unidos, por exemplo, afirmaba que non cambiar a hora en verán nin en inverno diminuiría os infartos cerebrais e ata a taxa de obesidade. O documento afirmaba que idealmente se mantería o horario de inverno, malia que permanecer co horario de verán tamén sería positivo. Algúns expertos rebaten a medida, asegurando que as consecuencias son demasiado pequenas e que outros factores, como viaxar lonxe ou un cambio de horario laboral tamén ten unha incidencia (malia que moi pequena). Vázquez si apunta a que o cambio de hora si pode xerar algún problema máis naquelas persoas con problemas de sono.

Un dos motivos orixinais desta medida, implementada en 1940 e que algúns expertos vinculan cun de achegamento do réxime de Franco ao de Hitler, é o aforro de electricidade. A medida segue a ter un efecto positivo neste aspecto, pero cada vez máis marxinal. Un estudo do Instituto Enerxético de Galicia realizado hai catro anos apuntaba a un aforro do 0,4% grazas á medida. En calquera caso, Vázquez destaca que é un debate no que todo o mundo pode ter unha argumentación razoada. Unha discusión que pode chegar pronto á súa fin, xunto coa costume de cambiar dúas veces ao ano as agullas dos reloxos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas