As infantas Dulce e Sancha, as señoras da Coruña que aspiraron ao trono

Fillas de Afonso VIII, último rei de Galicia e León, quedaron relegadas do poder tras un acordo entre a súa nai e a raíña Berenguela de Castela

Apenas hai información sobre a traxectoria vital das infantas Dulce e Sancha. Os datos son tan escasos que impiden reconstruír os seus pasos, xa non só dende os seus primeiros anos, senón ao longo da súa vida adulta, que transcorreu a comezos do século XIII. Naceron do primeiro matrimonio do último rei de Galicia e León, Afonso VIII —denominado Afonso IX pola historiografía española—, con Teresa de Portugal, posteriormente beatificada. Como fillas de rei serán dotadas con terras e señoríos. Entre os máis destacados, o da Coruña, a cidade que refundou o seu pai en 1208. Con todo, o monarca quería, para elas, un papel máis relevante: o de herdeiras ao trono. Pero unha serie de movementos e intrigas non só impediron o seu ascenso, senón que as infantas pasaron o resto dos seus días no mosteiro leonés de Santa María de Villabuena, fundado pola súa nai.

Unha estratexia confusa

“Adoitamos presentalas como unha parella indisoluble pero non sempre estiveron xuntas. É certo que o seu pai as propuxo ao trono como un conxunto, sen que ningunha quedase excluída de asumir unha acción efectiva de goberno. Como dirixirían o reino? Non o sabemos porque non quedou rexistro diso”, apunta Carla Trincado, historiadora e estudante de doutoramento da Universidade de Santiago (USC). As vidas de Dulce e Sancha, case sempre unidas, están máis cheas de incógnitas que de certezas. Non obstante, e en atención ao contexto da época, pódese verter máis luz sobre o movemento de Afonso VIII, que nun primeiro momento pode considerarse pouco comprensible, de nomear a dúas sucesoras, como se fosen só unha.

Publicidade

“Probablemente sexa unha estratexia do pai para garantir a lexitimidade conxunta da rama. Así, no caso de que unha faltase, a outra podería subir sen ningún tipo de disputa nin controversia”, aclara Diana Pelaz Flores, historiadora e investigadora na USC. Polo tanto, Dulce e Sancha parecen descender dunha liñaxe privilexiada e preferente para Afonso VIII, que as beneficia por enriba dos fillos e fillas que tivo durante o seu segundo matrimonio con Berenguela de Castela. Mais os motivos detrás desta decisión son complexos e forman parte dun enredo político cheo de arestas.

Unha separación temperá

As infantas Dulce e Sancha son dúas das fillas do matrimonio entre Teresa de Portugal e Afonso VIII, pero non as únicas. No medio de ambas nacera Fernando, destinado a ser o herdeiro ao trono galaico-leonés, mais morreu sendo novo. O outro gran xiro da súa historia, producido xa dende que eran ben cativas, é que a unión entre os seus pais non foi aceptada por Roma, dado que eran primos carnais. E isto obrigou á disolución do matrimonio e á marcha de Teresa. “Retorna á corte do seu pai, Sancho I, xunto coa súa filla menor, Dulce. De feito, o rei portugués déixalle unha parte do seu patrimonio á súa neta, como así consta no seu testamento”, subliña Trincado. Por tanto, Sancha e Fernando quedaron na corte de León. E aquí estaría esa primeira separación entre as irmás.

Publicidade

Matrimonio con Berenguela

Tras o fallido matrimonio entre Afonso e Teresa, o rei galaico-leonés casa con Berenguela de Castela. Un feito que marcará o devir de Sancha e Dulce e que, no futuro, contravirá os desexos de Afonso VIII de que o trono recaia nas súas fillas. Desa unión entre Afonso e Berenguela nacen cinco fillos e fillas e o primoxénito varón levará o nome de Fernando, ao igual que o seu medio irmán. A historia vaino coroar como Fernando III e será o responsable —aínda que a ideóloga foi a súa nai— de volver unir os reinos de León e Castela nun todo indisoluble. Malia que a relación entre Berenguela e Afonso parecía ser querida por ambos os dous cónxuxes, Roma anulou o matrimonio. De novo, por unha cuestión de consanguinidade. Berenguela marcha a Castela, onde acabará herdando o trono e abdicando a favor do seu fillo Fernando.

O conflito sucesorio

Dentro deste complexo enredo político, Afonso VIII falece en 1230 de camiño a Santiago, e así é alcumado hoxe como o “rei peregrino”. A intención do rei, segundo a documentación rexia de finais do reinado, é que as súas herdeiras fosen Sancha e Dulce, pero non transcenderon as condicións nas que elas debían reinar porque non se conserva o seu testamento. Pero a intelixencia política de Berenguela tiña outros plans. “Nesta altura temos, por tanto, dúas fillas asociadas ao trono de León que comezan a batallar co seu medio irmán Fernando, que xa é nese momento rei de Castela”, especifica Trincado. Segundo Pelaz Florez, o motivo polo que Afonso VIII puido favorecer máis a Dulce e a Sancha foi, talvez, a deterioración da relación entre pai e fillo.

“Berenguela é rapidísima. No momento en que sabe da morte de Afonso sae ata as inmediacións de Toledo para que a nova chegue o máis pronto posible ao seu fillo Fernando, que estaba nas campañas militares contra o pobo musulmán. Reúnense ás portas da cidade para ir planificando e ir tomando as prazas estratéxicas do reino de León ata chegar á sede rexia antes que Dulce e Sancha”, describe Pelaz Flores, nun relato frenético, nunha carreira a contrarreloxo por ver quen chegaba antes ao poder. Por ver quen, independentemente dos designios do rei, acadaría o trono e conseguiría a ansiada coroa dos reinos de Galicia e de León. Así é que en tempo récord, Berenguela e Fernando toman castelos e tenencias, pero faltaba o máis importante: que a situación se normalizase e que a figura de Fernando non fose contestada.

Dúas raíñas, un acordo

“Berenguela vaise reunir en Valencia de Don Juan con Teresa de Portugal, a primeira muller de Afonso VIII, para pactar unha concordia. O reino vai ser para Fernando, pero as fillas non poden quedar desamparadas nin desprovistas, senón que hai que pagarlles a perda que van sufrir”, relata a historiadora da USC. Así é que a través dun pragmatismo absoluto, o futuro dos reinos queda nas mans de dúas mulleres que renuncian de cheo á violencia das guerras e que optan pola opción máis pacífica: a negociación. A política recae en dúas raíñas que evitan o conflito bélico, que calman a situación e que buscan a solución máis vantaxosa para a súa descendencia.

Esta difícil configuración dos reinos, este conflito directo de intereses entre a árbore xenealóxica de Afonso VIII, levou a Dulce e Sancha a renunciar ao trono, pero a percibir rendas.

O señorío da Coruña

Outro dos capítulos máis relevantes da súa traxectoria foi o seu nomeamento como señoras da Coruña, malia que apenas haxa información ao respecto. “Non hai moitos rexistros. Ás veces non sabemos demasiado da actuación señorial das mulleres da familia real. Neste caso, tan só temos constancia do nomeamento de Sancha e Dulce como señoras da Coruña”, indica Pelaz Flores. Non obstante, amparándose noutros “señoríos en feminino” pódese reconstruír en certo modo a historia das infantas ou, cando menos, cal foi o rol que puideron desempeñar no seu papel de goberno na cidade refundada polo pai.

“Faise unha custodia en nome da monarquía. Convértense nas intermediarias máis próxima ao rei e en interlocutoras cos membros do concello”, sostén a investigadora da USC. Elas, as mulleres que exercían os señoríos, elixían os membros dese concello, sobre todo, para asegurarse da recadación dos impostos e dunha garantía no seu mantemento. “Outro aspecto a salientar é a súa autoridade xurídica. Se hai algún conflito que non se pode resolver na xustiza ordinaria, elas actuarían en segunda instancia. A última sería acudir ante o rei”, afirma Pelaz Flores. A maiores, é probable que desenvolveran algún tipo de obra pía ou diálogos cos mosteiros dese primeiro concello da Coruña.

Un selo propio

Pero nada máis. Esta tan só é información xenérica, pero non concreta, do poder que poderían ter exercido Dulce e Sancha como señoras da cidade herculina. “Hai un documento expedido polas dúas infantas, que coñecemos a través dunha copia posterior do documento orixinal, no que confirman as súas propiedades da Coruña. Tamén nos permite saber que tiñan selo. Iso si, cada unha o seu, de xeito individualizado”, apunta Carla Trincado, que trata de sinalar dúas identidades que case sempre van xuntas, pero que constituían mulleres e personalidades diferentes, malia que a historia non nos permita coñecelas máis.

Mosteiro de Villabuena

Máis alá do poder que puideron exercer na Coruña, a súa área de influencia non se restrinxía a esta zona, senón que tamén chegaba a outras áreas de Galicia, como Valdeorras, onde exerceron a tenencia. Carla Trincado indica que o mosteiro de Villabuena estaba situado no Bierzo, onde elas residían. “A institución foi fundada pola raíña Teresa e vai ser a residencia final das súas fillas, que permanecerán vinculadas ao mosteiro. Se casasen e tivesen descendencia, isto podería ser un impedimento e un problema sucesorio para Fernando III”, advirte Diana Pelaz, poñendo énfase no importante que era limitar ao máximo a vida pública de Dulce e Sancha para apartalas do poder.

Con todo, esta estratexia non é estraña nin excepcional. A profesora da USC lembra que foi a mesma que empregou Isabel A Católica séculos despois contra Xoana A Beltranexa. É dicir, cortar as liñas sucesorias é unha forma segura para que o trono non teña futuros opositores. Unha opción que defendeu Berenguela con garras e dentes, intelixente, rápida e sagaz. Como, probablemente, tamén o foi Teresa, que negociou a mellor situación que podía para as súas fillas. Dulce e Sancha quedan, por tanto, nun plano difuso na historia do reino de Galicia. A información é escasa e, en ocasións, pouco concluínte, pero foron señoras feudais e xogaron un papel fundamental na política do seu momento. E talvez un rol bastante máis activo do que transcendeu co paso dos séculos.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental

Da forca á decapitación: as principais formas da pena de morte no noroeste ibérico durante o medievo

A investigación da USC de Abel de Lorenzo, recollida nun libro, documenta os perfís sociais de quen padece e executa este tipo de condenas e como se orixinan

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular

Xoana Vázquez das Seixas: como a loita polo señorío de Chantada enfrontou a dúas mulleres

A nobre litigou coa poderosa Isabel de Castro, tomou a iniciativa de anular o seu matrimonio e deixou unha interesante pegada cultural