Afonso VIII era rubio e corpulento. As crónicas da época describíano como un home xeneroso, elocuente e misericordioso… Ata que se enfadaba. “Cando se anoxaba, asemellábase ao ruxido dun león”, escribiría o bispo Lucas de Tui no seu Chronicon mundi. O último rei de Galicia e León tamén foi un fervente relixioso e un devoto do Camiño de Santiago. A casualidade, o azar, o destino talvez, arrincáronlle a vida en 1230 en plena peregrinaxe e despois de 42 frutuosos anos de reinado. Malia ser un gran impulsor do desenvolvemento urbano da Galicia medieval e pasar á historia polos seus avances lexislativos, Afonso VIII (1171-1230), coñecido na historiografía española como Afonso IX, quedou eclipsado polo legado do seu fillo Fernando III, que uniría definitivamente os reinos de León e Castela.
“Foi un bo gobernante e un gran lexislador”, di Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola Universidade da Coruña (UDC) ata a súa xubilación, en 2020, que opta por referirse ao rei de León e Galicia como Afonso IX, seguindo as teses da historiografía española. A súa pegada en Galicia é incuestionable, dado que propiciou o seu desenvolvemento durante a Idade Media, especialmente a súa fisionomía urbana. Un dos fitos máis identificativos do seu reinado foi a refundación da cidade da Coruña en 1208. Ata ese momento, a antiga Crunia tan só estaba conformada por unha pequena parte da Cidade Vella e un arrabalde do porto, segundo indican dende o Concello. Afonso VIII, que lle concedeu foros e privilexios reais, favoreceu a ampliación da vila, que pasou a ter 11 quilómetros de radio. “Fundouna co propósito de convertela no maior e máis importante porto do noroeste peninsular”, apunta Recuero Astray.
Todo aquel que dende agora cause mal ou prexuízo ao concello, xa sexa militar ou civil, sufrirá a miña cólera, será prendido e pagará unha multa de mil maravedís. Así se pronunciaba o rei Afonso VIII no foro da cidade da Coruña, onde tamén vetou a presenza do clero e da nobreza. “Conseguiu converterse nun polo importante grazas a unha política de repoboación que propiciaba que habitaran aquel lugar, o burgo da Coruña, xente de todos os lugares”, explica o antigo catedrático da UDC, que remarca que Afonso VIII tivo que adquirir os dereitos sobre a antiga puebla ao arcebispado de Santiago. A súa política, segundo continúa Recuero Astray, favoreceu que o golfo ártabro desenvolvera un comercio marítimo e unha vida urbana “moi importantes”. Con todo, aínda que o caso da Coruña é o máis representativo e paradigmático do reinado de Afonso VIII en Galicia, non é nin de lonxe o único.
Dende Tui ata Monforte
O último rei da Galicia Altomedieval habitou o deshabitado. Converteu en verdadeiras cidades medievais enclaves que, ata a súa chegada, eran pequenas aldeas rurais. Os exemplos son vastos e percorren toda a xeografía galega actual: Monforte de Lemos, Sarria, Baiona, Triacastela, Ribadeo, Mondoñedo, Betanzos… “Afonso IX propicia o desenvolvemento ubano e transforma a vida rural e favorece os mercados e a administración do campo”, detalla Recuero Astray. Coa súa política foral, o rei galaico-leonés ofrece unha garantía aos novos habitantes, que teñen os seus dereitos garantizados e baixo protección real. De todos modos, as súas actuacións en Galicia son loxicamente extensibles a todo o territorio do seu reino, propiciando tamén o desenvolvemento das pueblas asturianas e doutros puntos do que hoxe é Castela e León, como o municipio de Benavente.
As primeiras Cortes
Outro dos puntos máis destacados do reinado de Afonso VIII son os seus avances lexislativos. Sen ir máis lonxe, en 1188, o primeiro ano do seu mandato, convoca as Cortes de León, que son consideradas as primeiras de Europa, segundo refire Recuero Astray. “É a primeira vez que un rei non só goberna cos seus magnates e colaboradores eclesiásticos, senón que chama a reunirse con el aos representantes das cidades”, puntualiza o experto. As Cortes, que se convocaron na igrexa de San Isidoro de León, tamén se identifican “como o inicio das garantías xurídicas que deron seguridade aos súbditos”, segundo recolle Gregoria Cavero Domínguez nun artigo publicado na Real Academia da Historia. Polo tanto, 1188 non só é o primeiro ano do mandato de Afonso VIII, senón que tamén é o comezo da súa extensa tarefa lexislativa.
Este é un dos fitos máis salientables do seu reinado porque propicia o desenvolvemento dun dereito propio. Segundo explica Recuero Astray, ata ese momento o dereito baseábase en tradicións moi antigas, asentadas nos romanos, nos xermanos e incluso nos celtas. Porén, a convocatoria das primeiras Cortes favorece a negociación cos representantes das cidades en cuestións tan importantes para o reino como as económicas, as políticas e, evidentemente, as lexislativas. “Xa é un dereito que emana da monarquía, dos colaboradores e da poboación para desenvolver normas e institucións que garantan a paz pública“, declara o antigo catedrático de Historia Medieval. A erradicación da violencia e o establecemento de prazos para presentarse ante un tribunal real son algunhas das normas que naceron das Cortes de León.
Fervente relixiosidade
A ponte entre o século XII e XIII, época na que reinou Afonso VIII, estivo marcada por unha fortísima influencia eclesiástica. De feito, os monarcas eran persoas dunha intensa relixiosidade, e o coñecido como “rei peregrino” non era unha excepción. “Foi un home moi relixioso e moi respectuoso coas normas eclesiásticas”, sostén Recuero Astray. Isto reflíctese especialmente na súa devoción polo Camiño de Santiago, polo que peregrinou en varias ocasións e no que finalmente faleceu. Pero máis alá dos aspectos máis persoais vinculados a Compostela, Afonso VIII propiciou a protección dos peregrinos mediante unha serie de normas que garantían, entre outros aspectos, o cumprimento da última vontade daqueles que morrían no Camiño.
Ademais, durante o reinado de Afonso VIII desenvolvénse os hospitais baixo protección real. Ata o momento todos eran de carácer privado que, segundo explica Recuero Astray, non ten un significado equivalente ao actual. É dicir, privado debe entenderse como espontáneo. “Sempre houbo asistencia pero no mandato de Afonso VIII é a realeza a que debe garantir a asistencia dos enfermos no Camiño coa construción de pousadas e hospitais”, apunta o antigo catedrático da UDC. Pon como exemplo o hospital de Neda, que se fundou con esta finalidade na recta final do século XII, ao que o propio experto define como “o século de Galicia”.
Todas estas iniciativas a prol do Camiño tiveron efecto e causa no mesmo fenómeno: un dos maiores fluxos de peregrinaxe da súa historia, tanto durante o reinado de Afonso VIII como do de seu pai, Fernando II. “Veñen representantes da realeza europea, eclesiásticos de altísimo rango, magnates de toda Europa… É a época de maior esplendor do Camiño”, di Recuero Astray. Non só é o momento no que se abren os hospitais baixo protección real, na que se desenvolven os camiños máis coñecidos e nos que chegaban a Compostela unha gran masa de peregrinos, senón que tamén é a época na que se inaugura o corpo románico da catedral. “Viña construíndose dende a época de Xelmírez e completouse a principios do século XIII”, sinala o experto.
Unha vida persoal marcada pola conflitividade
Máis alá do seu mandato, a vida persoal de Afonso VIII foi convulsa dende o seu nacemento. Segundo relata Cavero Domínguez, o matrimonio entre o seu pai Fernando II e a súa nai, Urraca, nunca foi recoñecido polo alto grao de consanguinidade dos seus proxenitores; un suceso que el mesmo repetiría, ata en dúas ocasións, ao longo da súa vida. Malia a ilexitimidade do matrimonio dos seus pais, foi recoñecido como herdeiro ao trono do reino de León e Galicia e comezou o seu longo mandato en 1188. Tres anos despois, en 1191, casa con Teresa de Portugal. Con todo, a historia repítese e a súa unión nunca foi aceptada por Roma dado que eran primos carnais. Malia que tiveron tres fillos —Sancha, Fernando e Dulce—, non foron lexitimados como herdeiros do seu pai.
O segundo matrimonio de Afonso VIII correu a mesma sorte. Casou coa princesa Berenguela, filla da raíña Leonor de Castela, coa que tamén había un problema evidente de consanguinidade. Polo tanto, se o casamento con Teresa non fora aceptado pola Igrexa, tampouco o sería o de Berenguela. “Esperábase a lexitimación por Roma, dado que o parentesco non era tan próximo como no primeiro matrimonio; pero nunca chegou”, expón Cavero Domínguez na súa análise. Así pois, disolveuse a unión ante a oposición de Roma e Afonso VIII quedou con dous matrimonios disoltos e sete fillos ilexítimos. Os dous posibles herdeiros —un fillo de Teresa e o outro de Berenguela— levaban o mesmo nome: Fernando. Ante a morte do primeiro, e pese a inclinación de Afonso VIII polos fillos nacidos no seu primeiro matrimonio, foi o “segundo Fernando” o que herdou o trono, unificando de novo León e Castela.
A rocambolesca vida de Afonso VIII pasou por unha infinidade de vicisitudes. Dende as tensións co veciño reino de Castela ata a súa conflitiva vida persoal. Malia os obstáculos que tivo que atravesar, reinou durante 42 anos, deixando unha profunda pegada nos territorios que estaban á súa mercé. Galicia é un exemplo claro, ao impulsar a súa vida medieval urbana. “Non é un mandato banal. Foi moi importante para Galicia e o desenvolvemento dos reinos peninsulares”, incide Recuero Astray, que lamenta que a figura de Afonso VIII non sexa tan coñecida como a do seu fillo Fernando III. Ás veces, co devir dos anos, os nomes esvaécense e caen progresivamente no esquecemento. Non é o caso de Afonso VIII, pois somos capaces de recordalo coa nitidez das grandes historias incluso 850 anos despois do seu nacemento.
Lamento profundamente el error que se ha cometido en este reportaje sobre Alfonso IX, que no VIII, tal y como indica en el apartado de comentarios el Prof. Recuero Astray, cuya trayectoria sigo y conozco desde hace años. Es una lástima desaprovechar sus conocimientos. Imagino que se procederá a su corrección en aras a la salvaguarda de la divulgación científica bien entendida.
Ola, Borja. Tal e como sinalamos no texto, Afonso IX é denominado así pola historiografía española mais nós optamos polo que lle corresponde se facemos alusión ao Reino de Galicia. Saúdos.
Como supuesto colaborador en esta entrada sobre Alfonso VIII quiero manifestar mi asombro por su publicación , puesto que cuando se me pidió mi intervención para realizarla lo hice pero no sobre Alfonso VIII que nunca fue rey de Castilla ni de León, sino sobre ALFONSO IX, como oportunamente aclaré a la autora y única responsable del texto; todo lo que en el se dice sobre Alfonso VIII ha de referirse a Alfonso IX, excepto lo de que murió en el camino, que es incierto. Parece mentira que se pretenda hacer divulgación científica con tan poco rigor. Como decía al principio me considero ajeno a esta falta de seriedad y exigiría una rectificación.
fdo. Manuel Recuero Astray, Catedrático jubilado de Historia Medieval
Ola, Manuel. Tal e como especificamos no texto, somos conscientes de que hai unha dobre denominación. Segundo a historiografía española, na que vostede se basea, é Afonso IX, tal e como aclaro agora no texto. Mais nós, que divulgamos sobre o Reino de Galicia, optamos pola que nos corresponde: a de Afonso VIII. Lamentamos a súa impresión, e respecto profundamente a súa opinión, mais imos manter os datos que contrastamos a través doutras fontes. Saúdos.
Morre logo facendo o camiño , pero
en que lugar do mesmo ?