Nunha era na que a memoria tamén se dixitaliza, Europa procura novas formas de conservar e compartir a súa historia. O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic) contribúe a este obxectivo a través do seu Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI). Baixo a coordinación dos investigadores Francisco de Arriba Pérez e Silvia García Méndez, o equipo lidera dende Galicia o proxecto europeo 3DBigDataSpace, destinado a potenciar o acceso, visualización e contextualización de contidos 3D e 4D a grande escala sobre o patrimonio cultural.
O proxecto está encabezado pola Time Machine Organisation, unha empresa austríaca de referencia internacional na cooperación entre tecnoloxía, ciencia e patrimonio cultural. “O obxectivo principal é unir todas as estruturas 3D que existen na web no ámbito cultural”, explica de Arriba Pérez.
Ata o momento, as plataformas dispoñen de amplos repositorios de contido 2D debidamente categorizado. Porén, 3DBigDataSpace pretende ir máis aló: recompilar máis de 50.000 modelos 3D e outros recursos procedentes de plataformas como Europeana e Zenodo, organizalos e mesmo xerar novos contidos. Todo este material integrarase nun repositorio accesible e aberto, que permitirá aos usuarios consultalo e darlle un uso práctico.
No marco do proxecto, o equipo de atlanTTic desenvolve unha aplicación que poña ao alcance dos usuarios todos os modelos 3D do patrimonio cultural ao longo de rutas de peregrinación coñecidas. “A aplicación permite amosar figuras tridimensionais, dende pequenas construcións ata elementos escultóricos”, sinala o investigador. En concreto, traballan nunha app de peregrinación que ofrecerá unha experiencia inmersiva aos camiñantes, integrando elementos dixitalizados e localizados no Camiño. Ademais de amosar o modelo 3D, empregará intelixencia artificial (IA) e realidade aumentada (RA) para crear un efecto de animación a través da cámara.
Un proxecto con base na conservación
“Non todo o patrimonio se conserva en bo estado, ou mesmo chega a perderse”, sinala Silvia García. Por exemplo, nunha ruta de peregrinación en Galicia non permanecen todos os cruceiros que existían hai 40 anos. Neste contexto, os modelos 3D permiten recrear este patrimonio vagamente esquecido: “Se un usuario lembra que había un cruceiro, pode describilo e crear un modelo con IA“, explica a investigadora, para que se poida visualizar na aplicación.
Aínda que non é o mesmo que contemplar o cruceiro tal como era fai cen anos, si posibilita recrear a súa memoria visual. Deste xeito, a aplicación contribúe a dar a coñecer e manter vivas rutas que están desaparecendo ou pasando desapercibidas polo paso do tempo.
Un caso particular é o Camiño Miñoto Ribeiro. “É un camiño moi interesante, pero descoñecido en Galicia”, explica García Méndez. Trátase dunha ruta compartida con Portugal e dunha das máis antigas do Camiño de Santiago. Con todo, queda eclipsada por rutas máis populares, como o Camiño Portugués ou o Camiño Primitivo.
“Pareceunos que era necesario poñer unha solución ao servizo doutras rutas, non só as máis coñecidas”, engade a investigadora. Francisco de Arriba sinala que o proxecto permite “facilitar que este tipo de camiños e experiencias culturais non se perdan”.
Patrimonio a golpe de clic
Dende atlanTTic, o Grupo de Tecnoloxías da Información encárgase do desenvolvemento tecnolóxico, creando a aplicación de peregrinación que integrará parte da información 3D/4D dos participantes do consorcio europeo. “O proxecto céntrase en xerar datos e o noso papel é crear un caso de uso para estes“, indica Silvia García. Así, a app estará dispoñible para os peregrinos, permitindo visualizar e crear contido ao longo do camiño.
Ademais de aproveitar o contido 3D para ofrecer unha experiencia inmersiva e documentada, a aplicación incorpora unha ferramenta de creación de puntos de interese, xestionada en gran parte por IA, segundo Francisco de Arriba.
Así, un usuario pode redactar un contido que configure un punto de interese cunha descrición multiidioma, permitindo xerar imaxes con IA baseadas na descrición e localización. Un moderador automático supervisará todas as entradas, descartando spam ou información errónea. “Todo isto é parte da nosa estratexia de manter un contido de calidade“, engade de Arriba.
“O centro AtlanTTic é o habilitador para poñer un caso de uso real no proxecto”, sinala Silvia García. Aínda que os repositorios públicos son útiles, os investigadores destacan que unha aplicación móbil resulta máis práctica que unha páxina web: “Pensamos que todos os peregrinos van cun móbil no peto, pero non necesariamente cun ordenador”, indica García.
Modelos 3D
A maior parte dos contenidos utilizados pola aplicación deseñada por atlanTTic provén do consorcio europeo. Por unha banda, os demais membros de 3DBigDataSpace participan na categorización de contidos; por outra, organiza seminarios e actividades de divulgación para estudantes e institucións culturais. “Unha parte encárgase de crear novo contido e outra de desenvolver visualizadores 3D/4D”, explica Francisco de Arriba.
Deste xeito, traballan xunto aos demais socios do consorcio para ofrecer unha experiencia completa, que abarca dende a creación e categorización do contido, a visualización e o caso de uso.
Unha nova forma de coñecer o Camiño de Santiago

“O Camiño de Santiago cambia cos años”, explica Silvia García Méndez. A aplicación, centrada principalmente no patrimonio galego, permite engadir imaxes xeradas con IA nos punto de interese da ruta. Deste xeito, quen nunca fixo o camiño, ou non viu determinado elemento cando pasou por alí, pode visualizalo a través desta ferramenta.
Non só se representan elementos que desaparecen pola deterioración ou polo paso dos anos, senón tamén elementos itinerantes. “Lembro que nos montes de Santiago había escultores que exhibían os seus traballos ao longo da ruta”, explica a investigadora do GTI. Eses elementos, que non sempre permanecen, poden volver á vida mediante modelos 3D creados a partir da información proporcionada polos usuarios.
A visualización do patrimonio non é a única función da aplicación. Tamén inclúe ferramentas para mellorar a seguridade no Camiño: “Hai un aviso de emerxencias que se envía a persoas próximas para que saiban que alguén precisa axuda nese punto”, comenta García Méndez. Ademais, os usuarios poden recibir notificacións ao achegarse aos puntos de interese, mellorando a interacción coa ruta.
Reutilización e avance
A relevancia do proxecto 3DBigDataSpace enmárcase na Estratexia Europea de Reprodución, que se sustenta en dous piares fundamentais: a reutilización e o avance dos recursos. Así, a aplicación desenvolvida por atlanTTic non só está pensada para os peregrinos, senón tamén para concellos, comercios locais e museos, co obxectivo de “revitalizar toda a economía que xorde arredor das rutas de interese cultural”, explica Silvia García Méndez.
No seo do consorcio, o proxecto tamén promove a formación e participación activa dos usuarios, ensinándolles como crear contido 3D, publicalo e incorporalo aos fondos documentais. Deste modo, engádese un terceiro piar esencial: a cocreación co usuario.
O obxectivo final é implicar ao público na xeración e uso do contido dixital, fomentando unha participación directa que permita ampliar, mellorar e dar vida ás solucións culturais dispoñibles en Internet.
Un futuro con software libre
Na actualidade, 3DBigDataSpace é un proxecto de software libre, a fin de que as persoas interesadas poidan manter e actualizar os seus contidos de maneira aberta e colaborativa. Ademais, os materiais recompilados por atlanTTic tamén estarán dispoñibles na aplicación do Time Machine Consortium, que ofrece representacións 3D de diferentes lugares do mapa europeo a través dunha liña do tempo.
Combinando reutilización, cocreación e tecnoloxías avanzadas, o proxecto permite preservar o patrimonio cultural mediante realidade virtual. “É un primeiro paso para acadar repositorios públicos accesibles, áxiles e sinxelos”, destaca o investigador Francisco de Arriba.
Deste modo, 3DBigDataSpace convértese nun dos primeiros proxectos capaces de homoxeneizar o contido cultural a nivel europeo. Aínda que moitas institucións traballan en contextos nacionais ou locais, segue a ser un desafío superar as fronteiras continentais e crear unha infraestrutura común.
“A nosa idea é continuar investigando en patrimonio cultural”, sinala Silvia García Méndez. Co foco posto en novos proxectos europeos, o equipo procura financiamento a través de convocatorias públicas para garantir a continuidade e evolución desta innovadora aplicación.

















