Imaxina poder acceder á localización dunha galaxia do mesmo xeito que localizas unha rúa en Google Maps. A aplicación Galaxium, creada por Guillaume Chereau, facilita un mapa interactivo en 3D do universo ao alcance do navegador en tempo real. Esta ferramenta, aínda nunha versión inicial, permite observar ata onde están os instrumentos das misións espaciais —dende o telescopio espacial Nancy Grace Roman ata o Voyager 1 da NASA—.
No momento de acceder, podes observar o sistema solar, onde nos podemos ver na Terra. Con todo, a través de nove categorías, podes acceder a numerosos corpos celestes. Entre a información dispoñible, hai tres apartados ligados á actualidade: noticias —onde se pode ler sobre o lanzamento do Grace Roman—, destacados —entre os que aparece a Terra e a Vía Láctea— e un apartado nomeado “Neste día”, con descubrimentos e lanzamentos rexistrados na historia do espazo.
Así, ao entrar en cada un dos elementos para afondar no coñecemento, aparece a localización e unha breve descrición. Ademais, inclúe datos complementarios segundo o tipo de elemento. Tamén se pode acceder a unha galería de imaxes e mesmo unha opción de preguntar dúbidas a unha intelixencia artificial. Todo isto, dentro da mesma aplicación.
Afondar no coñecemento do espazo
Galaxium permite afondar o coñecemento que o usuario ten do espazo a partir dunha ferramenta interactiva. Así, permite ver onde se atopa o primeiro exoplaneta descoberto arredor dunha estrela similar ao Sol en 1995 —coñecido como 51 Peg b—, que a orbita cada 4,2 días e cambiou completamente as teorías da formación de planetas.
Tamén permite acceder a asteroides como Ceres, Benny ou Itokawa, que se converteu no primeiro do que se tomaron mostras en 2010; e ás nebulosas, propias das estrelas moribundas e só duran unhas poucas decenas de miles de anos. A nebulosa Dumbbell foi a primeira xamais descoberta, cunha siluesta característica do núcleo de mazá e unha das máis brillantes do ceo, e pódese localizar a través deste mapa interactivo.
Non só iso: permite explorar galaxias como Whirpool —a primeira clasificada como espiral—, Andromeda —galaxia espiral grande máis preto— ou Centaurus A —é a radiogalaxia máis próxima á Terra—. Así, un pódese perder durante horas entre unha cantidade infinita de corpos celestes, tamén na Vía Láctea, onde Galaxium permite observar de preto todos os planetas que compoñen o sistema solar, como Saturno e os seus aneis.
Podes acceder a Galaxium na seguinte ligazón.


















