A vila de Portomarín atópase na provincia de Lugo. A día de hoxe, moitos dos seus veciños aínda lembran con nostalxia cal era o seu aspecto antes de seren inundada pola construción do encoro de Belesar no ano 1963. Con todo, 60 anos despois, os veciños tiveron a oportunidade de volver percorrer as súas rúas grazas a Galiverso, a iniciativa da Xunta de Galicia que permite mostrar o patrimonio cultural a través da realidade virtual. Así xurdiu Galiverso. O vello Portomarín, cuxo recoñecemento foi premiado recentemente pola Sociedad Humanidades Digitales Hispánicas como “Mellor ferramenta, recurso, infraestructura desenvolta en 2023”.
A reconstrución desta vila afogada no río Miño partiu dun amplo traballo documental: imaxes das casas e da contorna, información planimétrica, pezas documentais, entrevistas aos veciños… Con base nestes datos, un equipo multidisciplinar de expertos galegos en patrimonio, arte dixital e programación foi capaz de devolver á vida ao vello Portomarín.
O especialista do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Anxo Miján Maroño, asegura que foi un proceso moi duro, pois foi necesaria unha contía elevada de financiamento, e tiñan uns prazos moi marcados. Con todo, este proxecto, que implicou xornadas intensivas ata altas horas da madrugada, tiña un obxectivo final: “Acadar a maior fidelidade posible”.
A clave do éxito
Anxo Miján, que tivo nas súas mans o poder de recrear o vello Portomarín, declara que a clave para conseguir a precisión na recreación 3D foron as fotos. Todas estas foron realizadas por un home desta vila lucense, José López, propietario dunha tenda de fotografía no pobo. No momento no que coñeceu a noticia da construción da presa nos anos 60, o veciño e fotógrafo decidiu inmortalizar todas as casas da vila, para ter un recordo de cada unha delas. Miján engade: “De case todas, pois da súa casa non fixera fotos”.
“Unha das nosas inquedanzas era recrear todo co mínimo detalle“, recorda, facendo referencia a unha fiestra decorada con cortiñas de flores que decoraba unha das vivendas, e que decidiron reproducir. Moitas das imaxes facilitadas polo veciño portomariñense eran en branco e negro, mais a cor é outros dos materiais gráficos cos que contaban. “Atopar as cores orixinais foi unha tarefa na que tivemos a axuda dos veciños”, asegura, para coñecer se a recreación correspondía coa realidade.
Aínda que, tras todo o traballo exposto no Museo Centro Gaiás, Anxo Miján confirma que quedaron “coas ganas de mostrar máis cousas”. O especialista informa de que o vello Portomarín estaba dividido en dous polo río Miño: unha beira se reconstruíu, e a outra tiveron o desexo de recreala, mais non cabía nos prazos. “A xente que vivía alí ía velo e revivilo”, recorda, polo que as tarefas foron levadas a cabo “co maior mimo posible”.
A emoción sobre a innovación
A pesar de non ser un traballo sinxelo, o maior desafío era unha das súas metas: intentar que o resultado fora o máis cinguido posible á realidade. Ademais do equipo do Centro Infográfico, que recreou os obxectos dende planos en dúas dimensións ata o modelo 3D, outras entidades tamén traballaron. É o exemplo dos profesores de historia da Universidade de Santiago e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), Julio Vázquez Castro e Jesús Ángel Sánchez García. Ou dos membros do estudo Maxina, os encargados de achegar a sonoridade á paisaxe recreada.
Porén, as lentes de realidade virtual, a través das que se pode volver a Portomarín, non quedan só na imaxe. O equipo de Carlos Seijo, director do estudo, incorporou efectos sonoros que cambian a medida que o usuario se move no espazo virtual. “Escóitase o río, os porcos dentro das construcións, as campás da igrexa…”, enumera Anxo Miján, pois o son apréciase cunha condición inmersiva. “É como se viaxaras no tempo”, argumenta.

Ao respecto, “queriamos que a xente recoñecese as casas como as que vían na realidade virtual”, expón. A partir dos elementos mencionados, dende a imaxe ata o son, isto acadouse. Así o demostraron na presentación do proxecto na propia vila de Portomarín, onde a primeira persoa que probou esta inmersión foi o fotógrafo José López, que leva ás súas costas case 95 anos. “Houbo xente que se emocionou”, lembra o especialista do Centro Infográfico, asegurando que “as reaccións dos veciños foron o mellor premio que tivemos”. Deste xeito, acádase o nivel emocional desta experiencia por riba da innovación que supón recrear de cero un patrimonio cultural que xa non existe.
A recreación virtual do patrimonio galego
As tecnoloxías inmersivas e a realidade virtual, cada vez máis asentadas na actualidade, son o centro da iniciativa do Galiverso, que financia este proxecto con foco na vella vila de Portomarín. Coa fin de mostrar o patrimonio material e inmaterial co que contamos en Galicia, xa existen ferramentas inmersivas previas á da vila lucense. É o caso da representación dos fondos mariños da costa galega (“Galiverso somerxido”) ou unha viaxe aos 13 destinos de gran valor cultural, histórico e paisaxístico, como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago ou a Torre de Hércules (“Galiverso empeza aquí”), entre outros.
“A realidade virtual é unha ferramenta nova con moitas implicación para a divulgación”, afirma Anxo Miján, que xa traballou noutros proxectos semellantes. Mais, engade unha nova aplicación: o estudo académico. “Non só serven para mostrar como eran estes paisaxes, senón para estudalos e comprendelos”, explica, pois para moitos historiadores a realidade virtual é unha ferramenta de estudo máis. Con todo, asegura que hai espazos perdidos que nunca se chegaron a representar, e dos que xa non hai imaxes, como é o caso dos castros.
“Augúrolle moito futuro a esta tecnoloxía, sobre todo se dende as administracións se lles da a importancia que teñen”, avala. Deste xeito, hai intencións de crear un repositorio dixital de patrimonio para que estes proxectos innovadores sexan considerados un documento histórico. Deste xeito, os usuarios “poden coñecer,
inmiscirse no patrimonio cultural de Galicia e vivir a historia tal e como era”, conclúe.



















Pois cumpría outra semellante pero de todo o rural galego, antes de que a “troupe” PP-Altri inze o País de máis eucalitos.