Miles de peregrinos chegan anualmente a Santiago e réndense aos pés dunha catedral con dez séculos de historia. Pero debaixo do edificio máis emblemático de Galicia están os cimentos doutros santuarios, construídos no prerrománico para honrar a suposta tumba do Apóstolo Santiago. Agora, o deseñador Anxo Mijan, responsable da empresa Trasancos 3D, saca á luz unha serie de reconstrucións dixitais dos santuarios previos á construción da catedral. “Fixen unha animación para mostrar a historia e fases destes templos, comezando pola aparición do sepulcro do Apóstolo”, explica o deseñador galego, cuxos deseños formaron parte do documental A Galicia do prerrománico, emitido pola TVG.
A serie de reconstrucións 3D de Mijan comezan polo mausoleo que se construíu para honrar a Santiago. Este lugar de enterramento, no Monte Libredón, permaneceu agochado ata que se descubriu entre os anos 820 e 830. Cando o rei Afonso XII soubo deste achado, mandou construír un santuario para honrar o Apóstolo, pero a cantidade de peregrinos que xa comezaban a chegar a Santiago fixo que este templo se quedase pequeno. Así é que durante o reinado de Afonso III comezouse a construír unha nova igrexa. “Esta foi a obra máis emblemática do prerrománico galego pero xa non existe porque a catedral construíuse enriba dela”, explica o responsable de Trasancos 3D.
Segundo detallando Mijan, o primeiro santuario “era moi modesto” e a tumba do Apóstolo estaba integrada dentro da cabeceira. Pronto comezou a correr a voz de que alí, naquela pequena igrexa do Monte Libredón, estaban os restos de Santiago, o que incrementou o número de peregrinacións. “Conforme foi medrando a cidade, Afonso III constrúe unha basílica en condicións. A mesma que destruíu Almanzor, pero respectando a tumba do Apóstolo”, continúa explicando o deseñador galego. Malia que se tratou de recontruír esta igrexa, pouco despois xa comezaron as obras para erixir a impoñente catedral que, co paso dos séculos, se converteu no que coñecemos hoxe.
“Os cimentos desa segunda basílica seguen debaixo da catedral”, apunta Mijan. Todos estes coñecementos foron necesarios para unha reconstrución o máis fiel posible dos templos da Galicia prerrománica. Segundo detalla, baseouse en documentación e estudos para coñecer a fondo a evolución a e a historia do Locus Sancti Iacobi, o coñecido como “lugar de Santiago”, onde se construíron os lugares de culto ao Apóstolo. Para a reconstrución da basílica de Afonso III, Mijan controu co asesoramento do catedrático de Historia Francisco Prado Vilar. “Intentamos que fose o máis parecida posible á realidade, ou o máis plausible e verosímil porque, en realidade, só quedan os cimentos. Hai descricións pero non hai ningún documento gráfico que mostre como era realmente”, apunta o deseñador de Trasancos 3D.
Despois da reconstrución do mausoleo e deses dous primeiros santuarios, xa comezaron as obras da catedral e dáse por finalizado o prerrománico. De feito, a última das animacións de Mijan é, precisamente, un edificio con andamios, que xa permite imaxinar o que sería o impoñente edificio no futuro. Estes traballos comezaron arredor do ano 1075, cun gran apoio da Igrexa e da Monarquía ante o auxe exponencial das peregrinacións. Detrás do seu impulso están Afonso VI e o bispo Diego Peláez, que poñen os cimentos do que hoxe é visible. O que queda debaixo, soterrado pola catedral actual, só se pode imaxinar. E a tecnoloxía 3D é unha axuda inestimable para conseguilo.

















Eu xa fai q oin q en realidade Compostela (Campus Stellae) na realidade non s refire as estrelas , senon as “Estelas” d seguramente un antiguo cemiteiro no q posiblemente esta enterrado Prisciliano , un Herexe pero q todavia gardabase culto.. con iso como fai sempre a igrexa catolica tapou un culto antigo e d paso gañou moito ca propaganda a seu favor.. o islam andaba preto.. pero son cousas miñas.
Non hai ningunha constancia no Novo Testamento nin en ningures de que o apóstolo Santiago viñese ou pasase pola Gallaecia. Mais ben, hai un camiño das estrelas e de peregrinación ata Santiago que se perde na noite dos tempos.
O que si houbo e hai unha interese por parte da igrexa dominante (Católica) de apropiarse dos bens materiais e inmateriais dos que a precederon. Detrás de cada templo, lugar, días e santos, agóchase o pagán e as tradicións milenarias dos nosos devanceiros.
Non imos a cambiar o curso da historia, pero sería moi interesante saber que hai baixo os alicerces da catedral (e outros lugares), e o que nos ten que contar, da man da arqueoloxía e a historia verídica.
O demais son andrómenas!
Dificilmente se pode reconstruir en 3D o santuario dun Apóstol que segundo reputados historiadores nunca tería chegado nin traído a Compostela. Outra cousa é que se reconstrua un sepulcro ou mausoleo (de alguén importante) pre-existente á catedral.