Venres 26 Abril 2024

Así era o castelo de Rocha Forte: reconstrúen en 3D a maior fortaleza medieval de Galicia

Unha empresa galega crea unha imaxe virtual do recinto, construído no século XIII e destruído durante as revoltas irmandiñas

A medio camiño entre Santiago de Compostela e O Milladoiro, as ruínas da maior fortaleza medieval de Galicia loitan por manterse en pé. O castelo de Rocha Forte tratou de sobrevivir aos embates do tempo dende que foi construído no século XIII. A súas funcións principais: ser bastión e residencia arcebispal. Tan só 200 anos despois, en 1467, o recinto foi completamente destruído nas revoltas irmandiñas. Durante séculos permaneceu no esquecemento ata que comezaron a escavar o recinto en 2001. Agora, despois de máis de 20 anos de campañas arqueolóxicas, imaxinar o impoñente castelo é máis sinxelo do que foi nunca: unha empresa galega acaba de realizar unha reconstrución en 3D de Rocha Forte.

Todo un desafío

“Como punto de partida para a reconstrución, utilizamos unha fotogrametría do xacemento feita en 2019 e, a partir dela, en base á documentación, a reconstrución previa e aos máis recentes achados fomos levantando o novo castelo de maneira virtual”, explica Anxo Mijan, de Trasancos 3D, na súa conta de Twitter. Segundo el mesmo explica, a reconstrución do castelo “foi todo un desafío”. Ao parecer, as revoltas irmandiñas destruíron con ímpeto o castelo. Proba diso son as pedras esféricas que aínda se poden ver preto das ruínas. Correspóndense coas rochas que se lanzaron dende as catapultas para destrozar os muros.

Publicidade

Rochas das catapultas. Foto: Anxo Mijan

Amais da primeira fotogrametría, que dispuxo os cimentos da reconstrución final, unha prospección xeofísica realizada en 2019 achegou novos datos sobre o castelo. Detectouse unha terceira muralla e descubríronse os foxos que antigamente rodeaban a fortaleza, tal e como aparecía recollido nas crónicas históricas. “Isto permitiunos avanzar ata ter Rocha Forte practicamente completo, con todas as súas murallas e foxos”, continúa explicando Mijan. O seguinte paso foi dar unha capa de cor.

Outro dos aspectos clave para realizar a reconstrución en 3D foi o estudo da contorna do castelo, “profundamente desfigurada na realidade”. De feito, as vías do tren están por enriba dunha parte do xacemento. “Grazas a todos os estudos realizados estes últimos 20 anos tamén tiñamos información sobre como eran os camiños e os asentamentos medievais na contorna do castelo”, apunta Mijan. E, a partir dese momento, Rocha Forte volveu á vida. Aínda que só fose nunha terceira dimensión.

200 anos de historia

As campañas arqueolóxicas e o posterior traballo de investigación e análise serviron para reconstruír a historia do castelo. Malia que hai poucos datos sobre a súa construción, hai certo consenso sobre a atribución da fortaleza ao arcebispo Xoán Arias. Aínda que non hai crónicas da época que recollan información sobre este aspecto, a primeira referencia escrita a Rocha Forte aparece en 1253 nunha sentenza. Doutros documentos tamén se extrae que a fortaleza xa estaba habitada en 1255. De feito, no propio testamento de Xoán Arias sinálase que o castelo era un ben que formaba parte da mesa arcebispal.

Segundo explican na páxina web do proxecto, a comezos do século XIV os burgueses composteláns intentaban escapar do control feudal da igrexa e o novo arcebispo de Compostela, Berenguel de Landoira, non foi ben recibido. De feito, deu comezo unha revolta urbana que lle impediu entrar na cidade. O arcebispo tamén se viu obrigado a refuxiarse en Pontevedra e en Rocha Forte por outro levantamento urbano producido durante a súa toma de posesión. É por este motivo polo que a fortaleza de converte en residencia principal e centro de operacións militares.

  • Vista aérea do xacemento actual, coa vía do tren atravesando parte del. Foto: Anxo Mijan
  • Unha das vistas do castelo reconstruído en 3D. Foto: Anxo Mijan / Trasancos 3D
  • O castelo, cos foxos e murallas que o constituían. Foto: Anxo Mijan / Trasancos 3D

Despois de moitas outras revoltas que se lograron controlar, a completa destrución do castelo produciuse en 1467 polos Irmandiños. Durante 200 anos, Rocha Forte foi todo un símbolo de poder, pero tamén o máximo representante sun sistema de explotación feudal. O castelo nada puido facer contra un pobo desesperado. Composteláns, campesiños e algúns cabaleiros e eclesiásticos reuníronse en Santa Susana para atacar o castelo. “Non temos noticias precisas de como se desenvolveron os combates, pero a arqueoloxía permítenos saber que foron moi intensos“, indican na páxina. Froito da revolta, as torres e murallas caíron e o castelo quedou arrasado.

Durante séculos, Rocha Forte caeu no esquecemento. No XIX foi vítima dun espolio sistemático, malia que xa comezaba a chamar a atención dos expertos. No século XIX tamén sufriu ataques patrimoniais, como a instalación dunha torre de alta tensión no medio das ruínas. Xa sen contar que unha liña de ferrocarril atravesa parte do xacemento e aproveitou algúns dos seus cimentos para sustentar a vía actual. A situación comezou a cambiar nos comezos do século XXI, cando se iniciaron as campañas arqueolóxicas para recuperar a historia de Rocha Forte que culmina, alomenos de momento, coa reconstrución en 3D.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses