Unha reconstrución dixital amosa a representación da ‘Odisea’ nunha columna da catedral de Santiago

Un profesor da USC relaciona as viaxes de Ulises coas que leva a cabo un peregrino seguindo a fe do cristianismo a través da iconografía da construción

“Fálame, Musa, daquel varón enxeñoso…”. Esas palabras abren un dos relatos máis famosos que se conservan: o poema de Homero, a Odisea. A obra leva séculos inspirando reinterpretacións en todos os formatos, con especial impacto no audiovisual —o exemplo máis recente é o filme homónimo de Christopher Nolan— e na literatura. A historia de Ulises —chamado tamén Odiseo, segundo a raíz grega do nome— é unha epopea marcada polos obstáculos, tanto físicos como morais, e o camiño, de novo no plano literal e espiritual, que segue este rei de Ítaca para superar as dificultades e regresar a casa. É, en esencia, o relato dunha viaxe. En Galicia consérvase unha das moitas reinterpretacións acumuladas a través dos séculos: está nunha columna que agora se atopa no Museo da Catedral e da que o laboratorio KosmoTech_1200 do CISPAC vén de realizar un xemelgo dixital mediante fotometría.

O profesor de historia de arte da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do CISPAC Francisco Prado Vilar establece unha relación entre os elementos cinematográficos e iconográficos das dúas viaxes, a do rei de Ítaca e a que realizan os peregrinos seguindo a fe relixiosa. Como explica no artigo A Odisea atlántica: A columna de Ulises de Compostela e Christopher Nolan, trátase dunha “columna románica de mármore da antiga Porta Francixena da Catedral de Santiago, onde un artista do século XII recreou a historia de Ulises entrelazando a memoria da mitoloxía clásica coa eséxese cristiá“.

Publicidade

A viaxe para descifrar o significado das imaxes

Abundan os relatos épicos nos que un heroe enfronta todo tipo de penurias causadas por entes sobrenaturais, inimigos humanos e dilemas coa propia conciencia. Por este motivo, a relación entre os textos homéricos e as representacións da columna non sempre estivo clara. Cómpre, aquí, facer unha diferenza entre a Odisea como elemento textual e como un relato que segue a Ulises. “‘Homero’ non existe, é unha tradición de relato oral que ten unha fixación textual tardía“, explica Prado. O investigador sinala que no contexto cristián da época circulaban interpretacións da historia que se centraban en episodios concretos, aqueles de afán moralizante. “Esta tradición chegou ao século XII, cando se empregaban en sermóns para transmitir contidos teolóxicos“, apunta. As imaxes, de aparencia enigmática sen o contexto que lles dá significado, teñen unha importante relación con outras fábulas.

Bouza Brey foi quen primeiro relacionou as imaxes cun romance épico. Foi o de Carlomagno, polo que o apóstolo de Santiago se lle apareceu nun soño para pedirlle que viñera a Galicia e liberara a súa tumba dos árabes”, conta Francisco Prado. O historiador sinala que a seguinte grande aproximación a este tema viu da man de Serafín Moralejo: “El relacionábao coa materia de Bretaña, en concreto co episodio do ciclo de Tristán. Dicía que a columna podía reflictir a tradición oral de Tristán antes de que tivera unha fixación textual”.

Publicidade

Así e todo, había detalles que non encaixaban coa perfección milimétrica que require a investigación. “Na franxa central hai un personaxe abrazando a outro. Moralejo pensou que eran un home e unha muller, pola asociación íntima, e relacionouno cunha escena na que Isolda lle dá unha pócema a Tristán para salvalo”, conta o historiador da arte. Continúa destacando que outros detalles levaron a Serafín Moralejo a pensar nesta narración oral como o froito de inspiración para a columna (como os monstros que rodean ás dúas figuras abrazadas ou a espada que suxeita unha delas na man), pero, con todo, había detalles que non se explicaban.

As sereas, clave para confirmar a relación

Cando Francisco Prado retomou este tema, fíxoo baixo a premisa de que poderían encaixar cos relatos homéricos. “Vin que hai personaxes da Odisea: a serea con cola de peixe que apunta a súa propia lanza, a figura de Escila e a serea cásica da Idade Media, con patas de ave. Un personaxe rodea a outro co brazo e no centro do relevo está a man que lle tapa o oído, agarrándolle a cabeza e apartándoo da serea“, explica o historiador, aludindo, desta forma, ao episodio no que Ulises e os seus compañeiros atravesan augas nas que nadan estas criaturas mentres evitan escoitar o seu canto.

A interpretación do cristianismo fai que os seres mitolóxicos representen a chamada do desexo, dunha seducción que leva á morte. Os personaxes que se aprecian na columna simbolizan o afán de resistencia e, en consecuencia, de actuación en base aos valores morais da relixión. Esta pasaxe do relato de Ulises conta cunha ampla tradición iconográfica que Prado sinala nos sarcófagos nos que a figura de Ulises adoita representarse xunto ás sereas.

Cando a relación se volve clara, xorde unha pregunta: por que está o heroe de Homero en Santiago? “Aí entra en xogo a contextualización histórica sobre como se trata o relato na idade media e, en concreto, no mundo eclesiástico”, indica o investigador. Explica que estes textos eran habituais nos sermóns para explicar os evanxelios, o papel dos peregrinos no mundo e o valor de resistir diferentes formas de seducción que desafían os valores cristiáns.

A figura de Circe

As pezas do puzle comezaban a encaixar e, por fin, cobraron perfecta forma cando o investigador determinou o significado do rexistro superior da columna: o episodio de Circe. A muller ficticia encarna as consecuencias de deixarse caer nas tentacións, nos desexos que eliminan a unha persoa da súa humanidade. Francisco Prado explica que, na columna, Ulises avanza entre diferentes criaturas que van do animal ao monstro. “Unha desas formas animais adquire autonomía, adopta unha aparencia caprina, cos característicos cornos curvados cara atrás, e convírtese na montura da muller, configurando unha imaxe próxima á Circe do Ovidio Napoletano“, explica o investigador no seu artigo.

Na representación compostelá, Ulises escapa de Circe nunha escena que se presenta como un combate a través da súa iconografía. “O escultor recorreu de novo ás fontes clásicas que nutrían o repertorio figurativo do taller, neste caso os sarcófagos romanos de batalla”, aclara Prado.

Unha experiencia en vídeo

O laboratorio multidisciplinar KosmoTech_1200 do CISPAC, onde a historia e a arte lle dan a man á tecnoloxía, vén de publicar unha virtualización da columna, presentada como unha experiencia cinematográfica na que o obxectivo é transmitir todas as sensacións que buscaba crear o escultor orixinal a través da pedra. “Trátase dun xemelgo dixital da columna realizado mediante fotogrametría“, explica o investigador. O proceso, engade, consistiu en tomar moitas imaxes de alta resolución e, con iso, elaborar o modelo fotogramétrico, que logo se procesou de xeito artesanal —”sen a intervención de intelixencia artificial”, apunta Prado— en programas especializados, un traballo de virtualización realizado por Alexandre González Rivas.

  • Captura de pantalla que amosa as diferentes capas e elementos de optimización que compoñen a escena. Imaxe: USC CISPAC KosmoTech_1200 (Alexandre González Rivas)
  • Vista xeral da distribución e colocación das diferentes fontes de luz utilizadas na escena. Imaxe: USC CISPAC KosmoTech_1200 (Alexandre González Rivas)
  • Visualización da aplicación da tecnoloxía Nanite na escena, amosando a súa implementación nas diferentes xeometrías. Imaxe: USC CISPAC KosmoTech_1200 (Alexandre González Rivas)
  • Captura de pantalla que amosa a estrutura das mallas e a xeometría dos diferentes obxectos 3D presentes na escena. Imaxe: USC CISPAC KosmoTech_1200 (Alexandre González Rivas)

Francisco Prado relaciona a propia forma da columna coa descrición de Ulises no primeiro verso do poema: “o home dos múltiples xiros, tretas e desprazamentos”. Conta que o vídeo, no que participou como director científico, se presenta como un tráiler, unha secuencia cinematográfica que invita a explorar a sucesión de escenas dende o fondo da columna ata a parte máis alta, e de novo de volta ao comezo. “Ao invertir entón o percorrido e descender cara á base, cada imaxe adquire novos sentidos á luz das anteriores”, engade Francisco Prado.

Así, a representación audiovisual trata de facer un tributo á esencia artística e inmersiva que deixou o escultor na pedra. “Capturou o mármore como auga petrificada que se vería como o mar ao chover en Compostela e as pingas caíran sobre a columna”, explica o investigador. “Esta columna involucra ao espectador con elementos sinestéticos; é unha concepción artística moi sofisticada“, conclúe Prado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Perdeu a vista nun ollo pola malleira”: a pegada da violencia machista no arquivo do psiquiátrico de Conxo

A investigadora da USC Noelia Valiño rescata 23 historias clínicas que recollen evidencias das agresións físicas, verbais e psicolóxicas sufridas por mulleres entre 1937 e 1973

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

Protocolos notariais e fotos do século XIX: a Catedral de Santiago dixitaliza máis de 82.000 documentos en liña

O novo espazo virtual do Arquivo-Biblioteca incorpora fondos medievais e unha base de datos pública sobre peregrinacións a Compostela

Unha recreación dixital devolve ao retrato do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria a súa apariencia medieval

A investigación da USC e do CISPAC combina análise histórica e tecnoloxía 3D para reconstruír a forma e policromía orixinais do "santo dos croques"