Así é a espectacular reconstrución en 3D do desaparecido coro do Mestre Mateo

Un proxecto presenta a reforma inmersiva de catro sitiais e unha nova proposta de reparación integral da estrutura da catedral

O coro do mestre Mateo desmantelouse nos albores do século XVII e ao longo do XX realizáronse diversos intentos de reconstrución parcial sen chegar a unha solución satisfactoria en canto á súa configuración arquitectónica xeral, estrutura dos sitiais, disposición escenográfica e programa iconográfico. Mais o achado de novas pezas do coro durante as obras recentes de acondicionamento da cripta do Pórtico da Gloria permitiu alcanzar unha nova visión de diversas partes da súa estrutura.

A raíz deses últimos descubrimentos e dunha exhaustiva investigación xorde o proxecto KosmoTech_1200, laboratorio multidisciplinar que une tecnoloxía avanzada coa investigación histórico-artística e arqueolóxica para reconstruír dixitalmente patrimonio único. Toma como caso de estudo principal a Catedral de Santiago de Compostela e, en concreto, as estruturas creadas baixo a dirección do Mestre Mateo: o nártex occidental e o coro pétreo.

Este martes presentaron os seus últimos avances nunha rolda de prensa na que participaron o investigador principal do proxecto, Francisco Prado-Vilar; o coordinador técnico Anxo Miján Maroño, e os técnicos de virtualización Alexandre González Rivas e Carlos Paz de Lorenzo. Así, grazas ao seu traballo pode coñecerse unha nova visión integral da estrutura arquitectónica do coro así como unha reconstrución en 3D inmersiva de catro sitiais. Tal e como asegurou Prado-Vilar, logro da reconstrución virtual do coro “sería posible a rematerialización deste monumento e doutros moitos que hoxe xa non existen na súa forma orixinal”.

Dimensión pedagóxica do coro

Se no Pórtico de la Gloria o mestre Mateo dirixiu o seu obradoiro de escultores para que representasen fielmente en pedra un concerto de música instrumental, rexistrando todos os seus detalles cun naturalismo nunca alcanzado ata entón, desde a disposición corporal dos músicos ata as características técnicas de cada instrumento, o mesmo fixo co concerto vocal do coro. De igual xeito que os anciáns da Apocalipse, tamén os cantores están representados no momento do desenvolvemento dunha performance, conversando mentres afinan o instrumento da súa voz para interpretar unhas composicións cuxa melodías están codificadas nos seus xestos a través da técnica da ‘man guidoniana’ (manus musicalis).

Todos os detalles deste complexo monumento, os xa coñecidos e os descubertos a partir da análise dos fragmentos atopados, foron catalogados e fotogrametriados polo equipo científico técnico de KosmoTech_1200 para a súa posterior inserción nun modelo reconstruído en 3D inmersiva de catro sitiais, cunha anastilose das partes ausentes e reconstrución das súas policromías baseada nos restos achados en cada peza.

Reconstrución fotogramétrica de catro sitiais do coro do Mestre Mateo.

Ademais, o equipo propón unha nova reconstrución integral da estrutura arquitectónica do coro que inclúe a decoración da fachada, a vía sacra, os sitiais, as tribunas e escaleiras de acceso, así como as arcadas exteriores e os sistemas de iluminación. Presenta deste xeito unha proposta estrutural e de planimetría diferente á anteriormente publicada por Ramón Otero Túñez y Ramón Yzquierdo Perrín en 1990 en El Coro del Maestro Mateo, “que amplía considerablemente a superficie de uso da tribuna e nas fachadas exteriores se gañan espazos de uso cubertos e abertos ás naves laterais”.

KosmoTech

Unha parte esencial de KosmoTech é o desenvolvemento de modelos dixitais que permitan recuperar a experiencia multidimensional de cada espazo reconstruído e procesar datos de forma interactiva, así como visualizar as súas transformacións ao longo do tempo e, en última instancia, axudar ao deseño de estratexias informadas de conservación, transferencia de coñecemento e valorización do patrimonio.

Ademais de producir una restauración dixital de monumentos do patrimonio mundial, que xa non son accesibles na súa concepción orixinal, KosmoTech_1200 achega a ciencia e o patrimonio á cidadanía e contribúe ao deseño de ferramentas pedagóxicas para axudar a grupos específicos a mellorar as súas habilidades cognitivas e creativas. Financiado pola Axencia Estatal de Investigación, o proxecto está desenvolvido no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) a través dun convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago (USC) e a Fundación Catedral de Santiago. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Quen era Teodomiro? O ADN identifica os restos do fundador do Camiño de Santiago

Un estudo internacional liderado polo galego Patxi Pérez-Ramallo confirma que a tumba da catedral pertence ao bispo de Iria Flavia

Novo achado na catedral de Santiago: unha ventá románica oculta tras un retablo

A fiestra da capela de San Salvador sae á luz durante as obras de restauración do templo compostelán, dotadas con 250.000 euros

Como era a tumba do Apóstolo? Reconstrúen en 3D os santuarios previos á catedral de Santiago

Unha empresa galega crea imaxes dixitais da arquitectura prerrománica galega, co santuario de Afonso III como máximo expoñente

Novo acto vandálico en Santiago: escalan a fachada da Porta Santa a plena luz do día

Defensores do patrimonio histórico-cultural alertan de que este tipo de comportamentos se están descontrolando