O Concello de Vigo inaugura este mércores ás 10,30 horas unha innovadora exposición itinerante que percorrerá os centros educativos do municipio para promover a candidatura das Illas Cíes como xeoparque da Unesco. A mostra, que comezará o seu percorrido no Auditorio Municipal, na praza do Rei, onde estará ata final de ano, ten como obxectivo educar e entusiasmar a comunidade estudantil sobre a rica xeoloxía e o patrimonio natural das Illas Cíes.
A exposición, que será inaugurada polo alcalde vigués, Abel Caballero, foi deseñada en colaboración co Comité Xeocientífico da candidatura, asegurando que o contido sexa rigoroso e educativo. Os expertos traballaron man a man con deseñadores educativos para crear unha experiencia inmersiva e accesible para os estudantes.
Composta por 13 paneis divulgativos, a exposición desprega curiosidades xeolóxicas baseadas nas investigacións máis recentes. Cada panel está acompañado de ilustracións científicas que visualizan as marabillas xeolóxicas das illas, traducidas a unha linguaxe accesible para captar a atención de novos estudantes.
Códigos QR
Nos paneis tamén vai incluído un QR con acceso a un teaser cunha animación referente a cada unha das temáticas que narran a historia xeolóxica das Cíes, o momento no que se separaron do continente, a evolución que tivo o nivel do mar, a formación das furnas, de pías ou gnamas e de tafoni, e esa espectacular Lagoa dos Nenos que non sempre foi salgada. Un vídeo protagonizado pla actriz viguesa Deborah Vukusic baixo o título Gardiáns da diversidade recolle as explicacións desta candidatura das Cíes a Xeoparque do planeta.
Que son os xeoparques? Son espazos singulares onde destaca a xeoloxía e a paisaxe. O obxectivo, ademais de protexer o patrimonio xeolóxico é compartilo, ensinalo e celebralo. Un xeoparque constitúe un espazo de identidade e orgullo comunitario, fomentando a participación local na xestión do patrimonio, obtendo ademais visibilidade e protección internacional.
Expertos internacionais
Na actualidade a Unesco recoñece 195 xeoparques por todo o mundo, dos que 16 están en España. O proxecto Cíes como Xeoparque está apoiado por expertos internacionais de recoñecido prestixio en múltiples disciplinas. Un comité xeocientífico e socioeconómico encárgase de promover e coordinar os estudos que constaten o significativo e diverso patrimonio que reúnen as Illas Cíes.
Trabállase tamén no desenvolvemento socioeconómico e cultural a través do xeoturismo, o que permitirá diversificar as actividades económicas e contribuír ao seu uso sostible. Estas illas constatan un rexistro de eventos xeolóxicos que marcaron a evolución do noso planeta, e constitúen un valioso laboratorio natural, ademais dun remanso de biodiversidade e beleza.
Ademais dos paneis, a exposición inclúe dúas unidades didácticas, destinadas a mergullar os estudantes de primaria e secundaria nos fascinantes procesos xeolóxicos das Illas Cíes. Estas unidades, cargadas de curiosidades científicas convidan á exploración activa a través de ilustracións detalladas, exercicios e actividades prácticas.
Durante o ano 2025, a exposición visitará diversos colexios do municipio, permanecendo unha semana en cada un. Esta iniciativa achegará o patrimonio natural das Illas Cíes aos estudantes, fomentando unha maior conciencia sobre a importancia da conservación e a ciencia xeolóxica.
Para enriquecer esta experiencia, cada colexio que acolla a exposición contará cun taller interactivo dirixido por especialistas, onde os estudantes poderán aprender de maneira práctica e participativa sobre a xeoloxía e ecoloxía das Illas Cíes.