Os bolos, sobrevivindo nun mundo hostil

Na illa de Sálvora podemos atopar grandes rochas formadas pola erosión da auga salgada e o vento a través de fendas horizontais

Os fondos rochosos da illa de Sálvora contrastan co suave relevo da illa, onde dominan as praias e as dunas. A diferenza do resto de illas do Parque Nacional, Sálvora presenta unha contorna redondeada e plana. Os altos can­tís das outras illas son substituídos aquí por outro tipo de formacións xeolóxicas, froito das duras condi­cións medioambientais ás que se ven sometidas as rochas.

Na illa de Sálvora, as rochas graníticas que miran cara ao océano deron lugar a curiosas formacións redondeadas, que parecen estar a punto de caer. Algunhas delas invitan a deixar voar a imaxinación, permitíndonos atopar rochas con formas de animais, que semellan esculpidas por un canteiro. Estes enormes bloques de granito, chamados bolos, orixínanse cando as grandes rochas son erosionadas pola auga salgada e o vento a través de fendas horizontais. Este proceso suaviza os ángulos dos grandes bloques, dándolles unha forma redondeada.

Publicidade

Ademais dos bolos que aparecen na marxe sur, en Sálvora podemos atopar estes rasgos xeolóxicos formando o que se coñece como rampas de bolos, que son zonas costeiras horizontais constituídas por fragmentos de rocha redondeada polo efecto das ondas. Antigamente estaban cubertas polo mar. Agora semellan ser praias con grans de area do tamaño de balóns de fútbol. Ao igual que a paisaxe xeolóxica, a cuberta vexetal da illa está condicionada polos ventos e a alta salinidade, ademais de pola aridez estival e o escaso desenvolvemento do solo.

Estas características ambientais favoreceron o desenvolvemento dunha capa vexetal formada maioritariamente por matogueira e vexetación baixa de toxos (Ulex europaeus subsp. latebracteatus), fentos e outras plantas herbáceas. As masas arboradas limítanse a pequenas zonas da illa, como algúns salgueiros (Salix atrocinerea) e sabugueiros (Sambucus nigra) nas zonas dos regatos, e loureiros (Laurus nobilis) nas inmediacións da aldea.

Animais salvaxes

Cabalos salvaxes na illa de Sálvora.

Ao visitante sorprenderalle observar, nas partes altas da illa, cabalos e cervos, que foron introducidos hai moitos anos con fins gandeiros e de caza. Na actualidade, sábese que a presenza destes animais ten un efecto perxudicial sobre a flora, polo que se está a estudar o seu traslado ao continente.

Descarga aquí a vixésima cuarta entrega desta guía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Faro de Sálvora, o gardián que non descansa

Situado no sur da illa, no lugar coñecido como Punta de Besugueiros, orixinalmente foi pensado como unha pequena luz local no ano 1847

Antiga aldea de Sálvora, unha pegada do pasado mariñeiro

A reforma das construcións responde probablemente á realizada en 1962, despois de que a familia Otero recuperase a propiedade da illa

Pazo de Sálvora, unha historia salgada

Situado na praia do Castelo, foi construído sobre un antigo almacén de salgadura, ao que se lle engadiron dúas torres cadradas

Praia do Castelo, a importancia da conservación

Dende este pequeno espazo desfrutaremos dunhas impoñentes vistas dos illotes que conforman todo o arquipélago