Praia do Castelo, a importancia da conservación

Dende este pequeno espazo desfrutaremos dunhas impoñentes vistas dos illotes que conforman todo o arquipélago

Sálvora, e todos os illotes que a rodean, conforman unha barreira natural que protexe a ría de Arousa. Os seus fondos rochosos contrastan co suave relevo da illa, onde dominan as praias e as dunas. No seu interior existe unha aldea abandonada e un pazo, vestixio dun pasado vencellado ao mar. A diferencia das illas Cíes ou Ons, conta cun acceso moi restrinxido, polo que é de extrema importancia que os afortunados que a visiten non saian das rutas sinalizadas.

Protexida por un extenso cordón dunar, a pequena praia do Castelo sorprenderá pola súa beleza. Dende ela desfrutaremos dunhas impoñentes vistas, onde poderemos recoñecer parte dos illotes que conforman todo o arquipélago, así como a maravillosa liña de costa da península do Grove. A area branca e as súas augas transparentes non deixan indiferente a ninguén, sendo un dos maiores reclamos para todos aqueles que visitan a illa.

Publicidade

Para a observación

O cordón dunar do Almacén, xunto cos dos Bois e Lagos, é un dos grandes depósitos de area da illa de Sálvora. Esta acumulación de material sedimentario nas dunas, permite que cando o vento ou as ondas no inverno levan a area da praia, esta sexa reemplazada pola area almacenada nestes depósitos. Como parte do sistema dunar, poderemos observar numerosas plantas adaptadas a vivir nun ambiente extremo, onde existe unha falla de nutrientes e un exceso de salinidade e insolación. Nesta illa destaca especialmente a Armeria pungens, un pequeno arbusto cuxa floración entre marzo e maio tingue as dunas dunha cor rosada. Salientar tamén a presenza de Linaria arenaria, unha planta de só 15 centímetros que podemos recoñecer polas súas flores amarelas. Exclusiva de dunas e areais, está considerada en perigo de extinción, reducíndose a súa distribución na Península Ibérica ás illas de Arousa, Cíes, Ons e Sálvora.

Praia do Castelo.

Non debes perder: esnórquel na praia

Os fondos mariños están moi condicionados pola composición xeolóxica e as condicións oceanográficas das correntes, vagadas, etc. No caso da praia do Castelo, atoparemos distintos tipos de substratos localizados en diferentes zonas, froito do seu hidrodinamismo e dinámica sedimentaria particular, xa que ao estar orientada cara as rías, esta atópase máis protexida. Destaca unha franxa na que aparecen mesturados de rocha, area e maërl. Só en profundidades maiores aparecen os areais. Isto converte esta praia nun dos lugares máis interesantes do PN no que descubrir a súa espectacular biodiversidade mariña.

Refuxio de aves mariñas

Gaivota patiamarela.

A importancia destes ambientes tamén radica en que neles aniñan multitude de aves mariñas. Podemos destacar a fermosa gaivota patiamarela (Larus michahellis), cuxa nidificación entre maio e agosto permitiranos velas en pleno bulicio familiar. Coñecidas por ter parella estable, crían entre dous e tres ovos, aos que alimentan coa comida que regurxitan. Outra ave de excepcional valor é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), que tan só cría nos ambientes dunares, poñendo os ovos directamente sobre a area. Por este motivo e pola sensibilidade fronte a calquera tipo de alteración, contan cunha protección especial dentro do PN.

Descarga aquí a vixésimo primeira entrega desta guía.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un peixe que devora algas acelera o declive dos bosques mariños nas Illas Atlánticas

A desaparición, ligada á presión da saboga e ao cambio climático, deixa xa sen kelp boa parte da costa galega

As Illas Atlánticas perden o 40% da súa biodiversidade nunha década

Un estudo analiza o fondo mariño do parque galego e do Arquipélago de Cabrera e constata o declive das especies nas dúas áreas mariñas protexidas

As sete orquídeas das Illas Atlánticas, un tesouro cada vez máis ameazado

Un novo estudo crea o catálogo máis completo ata o momento de especies en risco polo turismo, as invasoras e o cambio climático

O Porto de Vigo inicia a vertedura de 220.000 toneladas de dragaxes a 3,6 millas de Cíes

O ministerio reabre o vertedoiro submarino xunto a Sálvora e habilita un terceiro a 5,5 quilómetros de Ons, onde descansarán as escavacións do Lérez