As sete orquídeas das Illas Atlánticas, un tesouro cada vez máis ameazado

Un novo estudo crea o catálogo máis completo ata o momento de especies en risco polo turismo, as invasoras e o cambio climático

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, creado en 2002 e integrado polos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, conserva algúns dos ecosistemas costeiros mellor preservados do noroeste peninsular. Entre eles, destaca un pequeno pero valioso conxunto de orquídeas silvestres, cuxo rexistro histórico estaba disperso ata hai pouco en múltiples publicacións. Un recente estudo recompila e actualiza toda esa información, achega citas inéditas e incorpora datos xeorreferenciados que permiten localizar con precisión cada poboación. A investigación abrangue unhas 8.480 hectáreas de superficie protexida e busca facilitar o seguimento das especies e ofrecer bases sólidas para futuras actuacións de conservación.

Para Gaspar Bernárdez Villegas, doutor en Investigación Agraria e Forestal e coautor do estudo, este inventario era unha necesidade pendente. “Ante a abundancia de información dispersa, consideramos necesario realizar unha recompilación exhaustiva de todas as citas relacionadas coa flora destas illas”, explica. Ademais das fontes documentais, o equipo realizou novas exploracións para verificar a presenza real das especies e evitar duplicidades, obtendo o catálogo máis completo ata o momento. Unha ferramenta clave para entender como viven, onde aparecen e de que dependen estas plantas tan singulares nas Illas Atlánticas.

Publicidade

As sete orquídeas das Illas Atlánticas

No parque rexístranse sete especies: chaveiro de folla estreita (Cephalanthera longifolia), satirión corpudo (Dactylorhiza elata), satirión manchado (Dactylorhiza maculata), lingüeira grande (Serapias cordigera), lingüeira (Serapias lingua), lingüeira miúda (Serapias parviflora) e a abelleira (Ophrys apifera).

Cada unha delas ocupa hábitats moi concretos, dende bosques maduros e dunas costeiras ata praderías húmidas e claros de matogueira, o que reflicte a variedade ecolóxica das illas. A súa presenza é puntual e moi localizada. Por exemplo, o chaveiro de folla estreita conta con só dous individuos no recinto dunar de Punta Muxieiro e catro na illa de San Martiño, mentres que o satirión corpudo aparece en pequenas zonas de San Martiño e Sálvora e o satirión manchado ocupa claros do bosque de Entenza na illa de Ons. As especies de Serapias, pola súa banda, presentan distribucións variadas, e a coñecida como abelleira tan só se localiza nun prado húmido en Sálvora.

Publicidade

Estas orquídeas non só son fermosas, senón que tamén funcionan como indicadores da saúde dos ecosistemas. “En Galicia, Cephalanthera longifolia está asociada a bosques autóctonos ben conservados”, explica Bernárdez Villegas. En conxunto, estas especies funcionan como indicadoras do estado de conservación de bosques, zonas húmidas e praderías.

Cambio climático, turismo e especies invasoras

A conservación das orquídeas nas Illas Atlánticas é especialmente sensible, debido á súa dependencia de hábitats concretos, solos específicos e condicións ambientais determinadas. Isto implica que moitas destas especies poden verse afectadas por cambios ou perturbacións como as pisadas, o turismo, a presenza de invasoras ou os cambios no uso do solo. O estado xeral de conservación das especies é aceptable para a maior parte delas, pero hai excepcións preocupantes. Bernárdez Villegas destaca que Cephalanthera longifolia e Ophrys apifera contan con cada vez menor presenza nas illas. “Nos últimos anos, a poboación do chaveiro de folla estreita do recinto dunar de Punta Muxieiro non volveu ser vista”, explica o investigador.

As ameazas que afectan as orquídeas son múltiples e acumulativas, variando segundo a especie e o hábitat. “A maioría habitan en contornas sensibles como dunas costeiras, praderías húmidas ou claros entre matogueiras”, explica o experto. Estes espazos vense ameazados por factores como a erosión, as pisadas dos visitantes, a perda de vexetación nativa ou a competencia con especies invasoras. O turismo, especialmente nas Cíes e en puntos costeiros de grande afluencia, provocan a compactación do solo e a destrución das plantas, afectando especialmente a especies localizadas en lugares de paso e praderías abertas. 

  • Lingüeira grande (Serapias cordigera). Foto: Gaspar Bernárdez Villegas
  • Satirión manchado (Dactylorhiza maculata). Foto: Gaspar Bernárdez Villegas
  • Satirión corpudo (Dactylorhiza elata). Foto: Gaspar Bernárdez Villegas
  • Lingüeira (Serapias lingua). Foto: Gaspar Bernárdez Villegas
  • Lingüeira miúda (Serapias parviflora). Foto: Gaspar Bernárdez Villegas
  • Chaveiro de folla estreita (Cephalanthera longifolia). Foto: Gaspar Bernárdez Villegas

As especies invasoras, como a acacia americana ou o eucalipto, compiten por luz, nutrientes e espazo, modificando a estrutura do hábitat e ameazando as orquídeas que precisan claros e matogueiras abertas. Tamén os cambios nos usos tradicionais do solo inflúen na súa supervivencia. “O abandono do pastoreo ou da sega de prados reduce as áreas abertas necesarias para especies de Serapias ou Dactylorhiza maculata”, explica o investigador. E sinala que plantar especies foráneas tamén destrúe espazos de interese para as orquídeas. Ademais, o cambio climático afecta o ciclo vital, así como á floración e polinización destas plantas, e nas zonas costeiras as tormentas poden danar poboacións e alterar substratos húmidos imprescindibles para certas especies.

O carácter insular destes ecosistemas aumenta a súa vulnerabilidade ao limitar a dispersión e o potencial de recolonización das especies. “É fundamental reforzar a súa protección con medidas activas de conservación in situ, restricións de acceso estacionais, xestión da vexetación e educación ambiental para as visitantes”, subliña Bernárdez Villegas.

O equilibrio nas illas depende da correcta conservación das orquídeas

Garantir a supervivencia destas especies require medidas máis aló do inventario realizado. Segundo Bernárdez Villegas, é imprescindible contar cun rexistro actualizado e unha cartografía detallada, dado que moitas especies presentan poboacións moi localizadas e dispersas. Isto inclúe medir o tamaño das poboacións, o número de individuos e realizar inventarios fitosociolóxicos (ou o que é o mesmo, un rexistro detallado das plantas e as súas “veciñas” naturais) para comprender mellor os hábitats que ocupan.

Ademais, o experto subliña a importancia dunha monitorización a longo prazo, mediante parcelas permanentes que permitan seguir a evolución, reprodución e floración ano tras ano, especialmente para especies pouco representadas. Tamén destaca a necesidade de realizar estudos de hábitat e ecoloxía, avaliando as condicións do solo e do clima, a competencia con especies exóticas e invasoras e os factores que condicionan a dispersión das sementes.

Outros aspectos fundamentais son a investigación sobre polinización e bioloxía reprodutiva, dado que moitas orquídeas dependen de polinizadores específicos ou teñen mecanismos de autopolinización, e a conservación ex situ, mediante técnicas de reprodución e bancos de material xenético (xermoplasma) para especies especialmente escasas ou vulnerables.

Bernárdez Villegas tamén insiste en que a educación ambiental e a divulgación xogan un papel crucial: “Aumentar a concienciación pública sobre a importancia destas especies axuda a reducir alteracións humanas e promove a súa protección”, asegura. Coas súas cores, formas e delicada existencia, estas plantas non só enchen de beleza as illas, senón que nos lembran que a saúde do parque depende de manter vivas as súas especies máis fráxiles.


Referencia: Orchids (Orchidaceae) in the National Park of the Atlantic Islands of Galicia

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Illas Atlánticas perden o 40% da súa biodiversidade nunha década

Un estudo analiza o fondo mariño do parque galego e do Arquipélago de Cabrera e constata o declive das especies nas dúas áreas mariñas protexidas

O Porto de Vigo inicia a vertedura de 220.000 toneladas de dragaxes a 3,6 millas de Cíes

O ministerio reabre o vertedoiro submarino xunto a Sálvora e habilita un terceiro a 5,5 quilómetros de Ons, onde descansarán as escavacións do Lérez

O Parque Nacional das Illas Atlánticas repite este verán como destino turístico ‘Starlight’

A programación inclúe intervencións diúrnas e nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

Praia do Castelo, a importancia da conservación

Dende este pequeno espazo desfrutaremos dunhas impoñentes vistas dos illotes que conforman todo o arquipélago