No momento no que as flores agroman e os paxaros aumentan a súa presenza nos bosques galegos, é bo momento para achegarse ao Courel, un dos lugares máis acaídos para gozar da flora e a fauna en Galicia. E ademais, xusto no momento no que a Unesco acaba de recoñecer ao Courel como o primeiro xeoparque galego. Nesta última fin de semana de abril e na primeira de maio, a entidade Pía Paxaro organiza dous roteiros para coñecer polo miúdo a zona.
A primeira das actividades, que terá lugar este sábado27 de Abril, en colaboración con Turismo Botánico, consistirá nunha visita pola Devesa da Rogueira, un dos grandes tesouros da serra, para observar de preto a súa riqueza botánica, que destaca sobre todo pola variedade de orquídeas. Na visita aproveitarase tamén para explicar os motivos polos cales a flora é tan diversa e chamativa neste enclave, coincidindo coa aparición das orquídeas en flor. A ruta continuará pola tarde noutros sendeiros da Serra do Courel.
A visita comezará ás 10 da mañá na localidade de Seoane, cunha duración aproximada de 4 horas, e ten un prezo de 15 euros. Para máis información, pode contactarse aos teléfonos 687 001 304 e 615 674 846, así como no enderezo contacto@turismobotanico.es.
Por outra banda, os días 4 e 5 de maio organizaranse saídas didácticas para coñecer as aves da zona. A actividade está dirixida a á “persoas interesadas en iniciarse na observación e identificación das aves comúns ou avanzar cara a identificación polo seu canto”, e estará centrado fundamentalmente nas aves forestais presentes nas montañas orientais de Galicia, segundo explican desde a organización.
O encargado de guiar a actividade será Óscar Rivas, licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, secretario da Asociación Galega de Custodia do Territorio e da Asociación para o Estudo e Conservación da Biodiversidade “Numenius”. É tamén presidente do foro estatal de Redes de Entidades de Custodia do Territorio e da Sociedade Galega de Ornitoloxía, ademais de autor de numerosos artigos e informes sobre ecoloxía e conservación de especies ameazadas e espacios naturais de interese na provincia de Lugo e coordinador en Lugo do Programa de Seguimento de Aves Comúns Reproductoras (SACRE) impulsado por SEO/BirdLife. Para máis información, pode consultarse a actividade na web de Pía Paxaro.