En 2009 comezou un lento proceso para que España puidese ampliar as fronteiras marítimas no Mar Cantábrico e Mar Céltico, Galicia e Illas Canarias. De obter o “si” da ONU, a península sumará case 500.000 quilómetros cadrados de dominio submarino. Para o territorio galego, que anexionaría 20.000, suporía a completa soberanía de espazos tan importantes como o val submarino Valle Inclán, que é a vía principal da entrada de masas de auga profundas que permiten o fenómeno do afloramento nas Rías Baixas. O Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC), que xunto co Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e o Instituto Hidrográfico da Mariña do Ministerio de Defensa (IHM) encargáronse da recollida de todos os datos que require a ONU, deseñou un mapa en 3D no que se poden visualizar todas as particularidades do fondo submarino da península e Illas Canarias.
O atlas, publicado en internet e accesible a calquera persoa, revela toda a orografía dos canóns, montes, bancos, vales ou chairas que se agochan nas profundidades mariñas e que son unhas completas descoñecidas para a poboación. O coordinador da comisión do proxecto de ampliación da plataforma continental española, Luis Somoza, xeólogo mariño de orixe galega, explica que para a creación desta ferramenta recompiláronse todos os datos científicos dos fondos de Galicia conforme ás peticións de Nacións Unidas. “Levamos dous anos con este proxecto e aínda non rematou. É un proceso científico máis que político”, alega o xeólogo.
O mapa descobre as formacións baixo o mar que permiten o afloramento das rías
O atlas revela toda a marxe galega en 3D e nel pode observarse o Banco de Galicia, un gran monte submarino cunha cima case plana a uns 800 metros por debaixo da superficie do mar. A nivel científico, é moi importante e comezouse a estudar tralo desastre do Prestige. Segundo Somoza, antes da apertura do Atlántico estaba pegado a Canadá, e é un banco moi similar ao de Terranova. Que o fai tan especial? Este val está rodeado por unha chaira abisal de máis de 5.000 metros de profundidade, que é o paso entre a corrente profunda antártica e a ártica.
Esta masa de auga, moi fría e rica en nutrientes, sobe polo Valle Incán (así se chama en honor do escritor galego) e polos canóns (o de Fisterra, Muxía, Arousa, Muros…). Todos estas formacións submarinas permiten que a auga ascenda miles de metros ata as rías e renoven as augas superficiais. É o que facilita o afloramento das rías, un fenómeno particular do litoral galego que permite unha gran produtividade biolóxica ao aportar nutrientes que proveñen das profundidades e alimentan aos organismos da costa. De aí a riqueza de marisco no litoral galego.

“O que permiten as formas de Galicia é a circulación da auga oceánica. Puxemos o nome de Castelao ou o de Emilia Pardo Bazán a unha das grandes fracturas porque era importante para o proceso”, sostén Somoza. No mapa pode observarse tamén o ‘Gran Burato’, un gran cráter que se atribuíu a posibles explosións de gas almacenado no subsolo mariño, de feito, investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) realizaron un estudo nesta área. Con todo, aínda é todo un debate científico a presencia de gas hidrato nesta contorna.
A Convención do Dereito do Mar de Nacións Unidas permite aos estados membros estender as súas fronteiras marítimas. Esta ampliación pódese disputar coa condición de que se demostre científica e tecnicamente que o territorio que se atopa baixo a auga é unha prolongación natural do emerxido. En 2009, España presentou a proposta de anexionar 50.000 quilómetros, e a ONU preaprobou 20.000, incluído o canón de Fisterra. Con todo, os expertos do Instituto Hidrográfico da Mariña cren que teñen suficientes datos científicos para conseguir máis extensión. A zona de ampliación permitirá a explotación dos fondos mariños e o subsolo. “Todo o peixe, polbo, lura, todo o que viva aí sería da plataforma continental española”, comenta Somoza. A extensión que podería conseguir o territorio galego equivale a dúas Galicias enteiras.
Falta unha ligazón ao mapa.