Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

A Xylella fastidiosa está a causar unha enorme preocupación en Europa pola súa capacidade de propagación e de infección. Dous aspectos que lembran ao que aconteceu durante a pandemia de SARS-CoV-2. A principal diferenza é que o primeiro patóxeno é unha bacteria; o segundo un virus. E, sobre todo, que unha ataca as plantas e o outro os humanos. Xylella fastidiosa xa está ás portas de Galicia, a tan só 50 quilómetros da fronteira con Portugal. E pese á preocupación, a ciencia xa puxo en marcha todas as súas engranaxes para buscar solucións a unha bacteria xa detectada en Alacante, Baleares e Estremadura, así como noutros países europeos como Italia.

A investigadora Blanca Landa do Instituto de Agricultura Sostible (IAA-CSIC), con sede en Andalucía, leva anos investigando este patóxeno capaz de causar enfermidade grave e incluso a morte en vexetais claves para a economía nacional e comunitaria, como a vide, as oliveiras e as amendoeiras. É a coordinadora do proxecto BeXyl, unha iniciativa europea para mitigar o impacto da bacteria e frear a súa expansión. Encaran o último ano de traballo, pero os avances xa son incuestionables.

Publicidade

—Segundo a Unión Europea, a Xylella fastidiosa é unha das bacterias máis perigosas do mundo para os vexetais e, polo tanto, para a agricultura. Por que?

—Por varios motivos. Causa enfermidade importante non só en especies agrícolas de interese, senón tamén en ornamentais e do medio natural. Pode infectar máis de 700. Non provoca enfermidade en todas, pero moitas poden actuar como reservorio. Ademais transmítese por insectos vectores dunha forma bastante inespecífica, o que a converte nunha bacteria de difícil manexo e control.

Publicidade

Tamén ten unha alta variabilidade xenética. Hai distintas cepas adaptadas a ambientes diferentes, polo que a bacteria pode vivir no trópico, como Costa Rica, pero tamén en rexións moi ao norte, incluso próximas a Canadá.

É dicir, ten un rango de acción brutal. En España detectouse en Baleares, Alacante e Estremadura. A cada unha destas zonas afecta unha cepa diferente?

—Si, e a que está en Alacante non se detectou noutras zonas. Identificáronse xenotipos próximos pero exactamente o mesmo, non. Nas Illas Baleares temos a diversidade xenética máis elevada que se coñece porque só en Mallorca temos ata catro xenotipos distintos. En Estremadura parece que a cepa que hai é moi próxima á que hai en Mallorca, que afecta a amendoeiras e vides.

Os síntomas de Xylella fastidiosa son totalmente inespecíficos

—Polo tanto, en función da cepa hai especies vexetais máis vulnerables ca outras.

—Si, por iso cando se detecta un gromo novo hai que intentar caracterizar o antes posible a variante da bacteria. Iso dános unha idea non só do perigo, senón da potencial gama de plantas que poden verse afectadas. E, tamén, a onde destinar os esforzos á hora de monitorizar o territorio.

—Cales son os lugares da península con maior risco de Xylella fastidiosa?

—Toda a península ibérica ten un risco elevado. As zonas de interior, con invernos máis fríos e condicións máis extremas, teñen menos favorabilidade climática que no litoral. Pero de todas as zonas de Europa, sobre todo o sur, especialmente o sur da península, son as máis favorables.

—Hai que prepararse para a súa chegada?

—Si, de feito, a Comisión Europea obriga a todos os Estados membros a realizar prospeccións no seu territorio para demostrar que están libres da bacteria. Foi durante estas mostraxes cando se detectaron algúns focos. En Almería atopáronse plantas infectadas dentro dun invernadoiro e en Madrid tamén se identificou un gromo, pero grazas ás mostraxes púidose actual con rapidez e evitar a súa propagación.

—A Xylella fastidiosa apareceu por primeira vez en Europa en 2013, na rexión italiana de Apulia, onde arrasou con plantacións de oliveiras centenarias. Unha das hipóteses é que a existencia de grandes extensións de cultivos abandonados favoreceron a proliferación da bacteria. Por que?

—Se tes oliveiras infectadas que ninguén coida, isto favorece que o inóculo da bacteria continúe multiplicándose. De igual maneira, se existen poboacións moi elevadas de vectores, isto contribúe que se vaian infectando, adquirindo a bacteria e transmitíndoa a zonas onde non está presente.

No caso de Italia, non é que foran zonas abandonadas por completo, pero era unha agricultura moi diferente á que se fai en Andalucía. Aquí, con que sexan cultivos centenarios e ecolóxicos, o agricultor está máis pendente. En Italia había extensións de oliveiras abandonadas e das que non se sabía quen era o dono, onde non se aplicaba ningún tratamento fitosanitario. Tamén, zonas con moita vexetación espontánea e zonas naturais próximas onde o vector se podía refuxiar. Todo iso contribuíu á expansión. Ademais deuse a casualidade de que cepa que se detectou alí era particularmente virulenta para as oliveiras. Tamén hai dúas variedades no sur de Italia moi susceptibles á bacteria.

Cando unha planta está infectada non existe ningunha cura

Todo isto, unido a unha poboación do vector elevada e as condicións climáticas moi favorables, desencadeou a tormenta perfecta.

—Coa Xylella fastidiosa hai dous problemas engadidos: que moitas das plantas son asintomáticas e as que non o son mostran signos moi inespecíficos.

—Os síntomas son totalmente inespecíficos. A enfermidade maniféstase con signos de seca, salvo nalgún caso concreto. Pero adoita comezar cunha desecación, non se sabe exactamente a que se debe, pero o estrés por Xylella é unha opción. Hai veces que se fan mostraxes en plantas con síntomas compatibles e non dan positivo na análise molecular, e tamén pode acontecer o contrario. Por iso se precisan métodos máis fiables.

—Isto complica aínda máis a detección precoz. Hai algunha forma de salvar as plantas enfermas?

—Desgraciadamente, cando unha planta está infectada non existe ningunha cura. Hoxe non hai forma de que esta bacteria quede eliminada.

—Entón, que medidas se aplican? A erradicacións das plantas infectadas?

—Depende moito da situación. Imaxina que se detecta un foco en Galicia, aí habería que apostar pola erradicación porque o territorio está libre da bacteria e, polo tanto, tense que evitar a toda costa que se estenda. No sur de Italia, onde xa se sabe que Xylella non se vai poder eliminar porque hai unha enorme extensión de árbores infectadas, o que hai que buscar son distintas medidas que contribúan a paliar ou a diminuír na medida do posible o dano que causa a bacteria. Por exemplo, buscar variedades máis tolerantes, facer un manexo axeitado da vexetación espontánea, incluso tratar as poboacións do vector cando están en estadio larvario e, polo tanto, non voan. É dicir, sumar todo para que o desenvolvemento da enfermidade teña o menor impacto posible.

—Vostede é coordinadora do proxecto BeXyl, unha iniciativa europea para buscar novas estratexias que mitiguen o impacto da bacteria. Este 2026 é o último ano. Cales foron os avances máis destacados ata o momento?

—Avanzamos en moitísimas frontes. En relación á bioloxía e ecoloxía da bacteria e dos vectores, descubríronse especies vexetais que son hóspedes da bacteria, caracterizáronse novos insectos vectores que son capaces de transmitila, estanse desenvolvendo mapas de risco e de favorabilidade e descubrimos novos xenotipos non descritos antes a nivel mundial.

No caso dos métodos de detección, desenvolvéronse, validáronse e comparáronse todos os métodos moleculares de diagnóstico para determinar cales son os máis fiables ou os máis eficientes. Tamén se deseñaron ferramentas de secuenciación masiva para que, secuenciando o ADN total da planta infectada, sexamos capaces de caracterizar as cepas dunha forma máis eficiente.

A única forma de combater este patóxeno é unindo moitas estratexias e ferramentas de control

Por outra banda, adestramos cans que xa detectan vexetais infectados, que poden ser moi útiles nos puntos de detección fronteiriza se hai contedores de materiais vexetais, ou incluso nos viveiros. Tamén desenvolvimos métodos de detección temperá con teledetección, con cámaras hiperespectrais para favorecer que, incluso antes de que aparezan os síntomas, sexamos capaces de saber se unha planta está infectada.

Tamén se están poñendo a punto procedementos de termoterapia para que se poidan trasladar aos viveiros de material vexetal e, así, producir plantas dunha forma máis segura. Estanse avaliando xenotipos de vide, amendoeiras e oliveiras para buscar variedades que sexan máis tolerantes, tamén cruzamentos novos de distintas variedades de oliveiras para intentar, a longo prazo, crear variedades resistentes ou tolerantes a Xylella.

—Xa se lograron avances en moitos eidos.

Si, tamén no control biolóxico. Buscáronse e seleccionáronse fungos, insectos predadores e incluso virus que poden infectar os vectores. Fíxose o mesmo coa bacteria, estamos buscando novos metabolitos ou bacteriófagos capaces de detectar Xylella e matala. Estes experimentos son máis a longo prazo pero serven para ver a eficacia que teñen de cara a mitigar ou contribuír a que as plantas non sexan infectadas. A idea é vacinar as plantas dende o viveiro de tal forma que teñan maior capacidade de combater a infección no caso de que un vector lles transmita a bacteria.

Tamén avaliamos o impacto ecolóxico na zona de Alacante. Outro aspecto moi importante foi a percepción que ten o agricultor de cara a implementar medidas de control. Fíxose un estudo socioeconómico. Iso é clave para saber cal é a reacción ou como de propenso sería o agricultor, o viveirista ou o usuario final á hora de implementar estas medidas no longo prazo. A única forma de combater este patóxeno é unindo moitas estratexias e ferramentas de control.

—O programa piloto con cans, en que fase está?

—É complicado, pero agora mesmo hai dous cans adestrados. É o mesmo procedemento que para a detección de drogas. O obxectivo é que poidan actuar en puntos de infección fronteiriza. Iso dependería dos gobernos. No caso de España, os puntos de detección fronteiriza dependen do Ministerio mentres que a Sanidade Vexetal e a mostraxe do territorio, das comunidades autónomas. Pero é factible. Hai que indicar o procedemento que se seguiu cos cans en Italia e intentar reproducilo. O interesante é que inicialmente estabamos centrados en adestrar o can para que detectara a planta infectada e agora vimos que o can incluso é capaz de identificar o solo onde medrou un vexetal contaminado. Isto abre moitas posibilidades.

—Un eixo central é a concienciación. É dicir, que a xente saiba que é a Xylella fastidiosa e cal pode ser o seu impacto.

—Si, de feito xa se poden ver en case todos os aeroportos carteis sobre a prohibición de extraer material vexetal para que non se poña en risco a saúde da agricultura. A xente pensa que mercar unha pequena maceta ou unha planta non ten ningún perigo, pero se a pos nun sitio onde existen as condicións axeitadas para o desenvolvemento da enfermidade, e logo hai un vector que se pode alimentar desa planta e transmitir a bacteria, podemos estar ante un verdadeiro problema.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Europa amplía o número de especies afectadas pola covid das plantas que ameaza Galicia

Un informe cifra en 728 os vexetais susceptibles á 'Xylella fastidiosa', unha bacteria que causa enfermidade grave e incluso a morte nalgúns cultivos clave para a economía comunitaria