Praia de Melide, a importancia de conservar os sistemas dunares

Xunto co de Muxieiro, situado nas illas Cíes, constitúe un dos principais depósitos de area do parque nacional

O sistema dunar da praia de Melide inclúe o areal máis fermoso da illa de Ons. O seu bo estado de conservación permite apreciar a flora característica dun dos hábitats máis representativos do Parque Nacional.

As súas vistas privilexiadas á ría de Pontevedra, a súa area branca e fina e as súas augas de cor azul turquesa fan da praia de Melide un dos mellores areais de Ons. Ademais aquí, a presión dos visitantes é moi escasa, facendo destas dunas un lugar perfecto para gozar da tranquilidade e deleitarse con este sistema xeomofolóxico de incalculable valor.

Publicidade

Para a observación

Este sistema dunar, xunto co de Muxieiro, situado nas illas Cíes, constitúe un dos principais depósitos de area do parque nacional. Cando o vento ou as ondas retiran a area da praia durante os temporais de inverno, ésta é substituída pola acumulación de area das dunas, achegando resiliencia ao ecosistema nos meses máis duros do ano.

Neste sistema dunar atoparemos vexetación típica deste tipo de ecosistemas en movemento. Destaca o cardo mariño (Eryngium maritimum) que, grazas a súa cor verde azulada, pode resistir as altas temperaturas no duro ambiente dunar. Tamén podemos ver a cebola das gaivotas (Pancratium maritimum), cuxas raíces e bulbo poden acumular suficiente auga para resistir nas épocas de sequía.

Publicidade

Outra planta de interese é o feo de praia (Ammophila arenaria subsp. arundinaceae), que pode chegar a medir ata un metro de altura e grazas á lonxitude das súas raíces, que poden superar os cinco metros, é capaz de atopar humidade a grandes profundidades. Esta planta é fundamental para a formación destas dunas, fixando a area coas propias raíces, e dando lugar, deste xeito, á primeira fronte dunar.

Sabías que…?

En Ons podemos atopar poboacións de Linaria arenaria, unha pequena planta, cuxa distribución se restrinxe a uns poucos puntos da costa francesa e a catro illas da costa galega, polo que está considerada en perigo de extinción. Dada a sensibilidade desta especie, cómpre ter especial coidado ao acceder á praia, sendo necesario facelo exclusivamente a través das pasarelas sinalizadas.

O refuxio da píllara das dunas

As dunas de Melide contan cunha especial protección por ser refuxio da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha pequena ave limícola, de patas longas e pico fino, que vive en zonas de auga pouco profunda. Nidifica tan só en dunas e praias, directamente sobre a area, polo que é moi sensible ás alteracións destes ambientes. Ante calquera tipo de perturbación, abandona o niño e os ovos quedan sen incubar, por iso é moi importante respectar as limitacións de acceso, indicadas polo parque nacional.

Descarga aquí a vixésima entrega da guía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

O Porto de Vigo inicia a vertedura de 220.000 toneladas de dragaxes a 3,6 millas de Cíes

O ministerio reabre o vertedoiro submarino xunto a Sálvora e habilita un terceiro a 5,5 quilómetros de Ons, onde descansarán as escavacións do Lérez

Punta Centolo, o refuxio das aves mariñas

Este miradoiro da illa de Ons é zona de cría das aves máis emblemáticas do parque nacional

Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926