Faro de Ons, a torre que salvou vidas

Está situado a 128 metros sobre o nivel do mar e data do ano 1926

O faro de Ons, situado a 128 metros sobre o nivel do mar, domina a paisaxe da illa, sendo referencia para os navegantes e símbolo de supervivencia para as xentes que viviron illadas neste lugar.

Coa súa característica cor branca, este emblemático faro data do ano 1926. Consta dunha torre octogonal pegada a un edificio en forma de U. Actualmente, o faro está automatizado, alimentándose coa enerxía eléctrica subministrada polas placas fotovoltaicas situadas aos seus pés, próximas á fachada posterior. Este é un dos poucos faros que aínda conta con fareiros, que cambian periodicamente, para prestar asistencia técnica ante calquera incidencia.

Publicidade

Para a observación

É probable que en Ons, coma noutras zonas da costa, existisen previamente á construción dos faros métodos rudimentarios que axudasen á navegación, como prender fogueiras na marxe costeira. O incremento da navegación marítima faría que as autoridades instalasen faros ao longo das costas para evitar os naufraxios.

O primeiro faro desta illa data do 1865, para marcar a entrada á ría de Pontevedra unha vez sinalizados os cabos. Este faro atópase localizado no punto máis alto da illa, a unha altura de 128 metros sobre o nivel do mar.

Publicidade

No ano 1926 constrúese unha torre capaz de soportar a nova lanterna de 3,5 metros, que vixiará os mares a partir dese momento. O espazo do antigo faro queda entón relegado a espazo de almacenamento ou hospedaxe.

Ruta do lagarto arnal

  • Lonxitude: 4,3 quilómetros
  • Duración estimada: 1h 30m
  • Dificultade: baixa

No lateral norte do faro atópase un panel informativo que marca o inicio dun sendeiro para coñecer o hábitat dun dos elementos faunísticos máis emblemáticos deste parque, o lagarto arnal (Timon lepidus). Percorrendo esta senda, ademais de desfrutar dalgunhas das mellores panorámicas de Ons, coñeceremos o refuxio deste pequeno xigante europeo. Cun tamaño medio entre 14 e 18 centímetros, sen contar o rabo, e dunha cor verde intensa, sen dúbida chamará a atención. O illamento deste lagarto dende a formación das illas, hai uns 12.000 anos, deu lugar a singularidades e características propias respecto aos individuos que habitan o continente, como o seu maior tamaño.

A píntega común é unha especie endémica

A píntega común (Salamandra salamandra) é considerada un dos animais máis emblemáticos da illa de Ons e San Martiño (no arquipélago de Cíes). Coa subida do nivel das augas hai arredor de 12.000 anos, e o resultante proceso de illamento desta poboación de anfibios con respecto aos seus análogos continentais, a poboación da illa seguiu un camiño evolutivo distinto. A reproducción deste curioso anfibio é única. A diferenza do que acontece no continente, onde durante a reprodución as larvas precisan pasar un tempo no medio acuático, nas illas de San Martiño e Ons, as larvas non teñen que pasar por esa fase acuática, cambiando completamente a súa reprodución de ovovivíparas (os individuos continentais) a ovíparas (os individuos das illas).

Descarga aquí a décimo oitava entrega da guía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Un peixe que devora algas acelera o declive dos bosques mariños nas Illas Atlánticas

A desaparición, ligada á presión da saboga e ao cambio climático, deixa xa sen kelp boa parte da costa galega

As Illas Atlánticas perden o 40% da súa biodiversidade nunha década

Un estudo analiza o fondo mariño do parque galego e do Arquipélago de Cabrera e constata o declive das especies nas dúas áreas mariñas protexidas

As sete orquídeas das Illas Atlánticas, un tesouro cada vez máis ameazado

Un novo estudo crea o catálogo máis completo ata o momento de especies en risco polo turismo, as invasoras e o cambio climático