Xoves 10 Outubro 2024

Un estudo en ‘Nature’ atopa en lagos galegos ata catro partículas de microplásticos por metro cúbico

As masas de augas de Meirama e Cecebre acumulan maiores niveis de polímeros que algúns lagos de América e África

Os plásticos están en todas partes, incluso no aire que respiramos. Non é unha expresión, está cientificamente demostrado. Investigadores de todo o mundo pescudan onde se atopan e en que cantidades e, tamén, como se introducen nos entornos naturais. É o caso do estudo internacional que pretende lanzar luz sobre a orixe e impacto destes residuos nas augas superficiais de 38 lagos e encoros distribuídos en 23 países. Entre eles, analizáronse as augas de Meirama, Cecebre e Doniños, cuxos niveis son maiores que algúns lagos de América e África. Nos seis continentes estudados non hai un só lago ou encoro sen plásticos. O estudo Plastic debris in lakes and reservoris acaba de publicarse en Nature e ocupa a súa portada.

Rafael Carballeira, do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) e coautor do estudo, explica que o punto forte da investigación radica no establecemento dunha metodoloxía estandarizada que permite comparar as medicións dos microplásticos de calquera parte do mundo. “Descubrimos que hai algúns lagos que presentan maiores niveis de plásticos que as illas de lixo do Océano Pacífico, como Maggiore (Italia), Lugano (Suíza-Italia) e Tahoe (EE.UU.)”, postula o investigador. Esta contaminación depende, en primeira instancia, da densidade da poboación, a urbanización e as características das cuncas hidrográficas. Por exemplo, Carballeira sinala que Doniños, en Ferrol, ten os niveis máis baixos que se rexistran na península, principalmente polas característica demográficas e porque a súa cunca é moi pequena.

Publicidade

Este estudo demostra por primeira vez que as concentracións de plásticos nalgúns lagos son máis altas que algunhas das partes máis contaminadas do océano. Os plásticos, unha vez que chegan aos lagos, poden reterse, modificarse ou transportarse ata os mares e océanos a través das cuncas hidrográficas. Convértense en microplásticos, que poden ser partículas de menos de cinco milímetros de tamaño. No estudo, atoparon poliéster, polipropileno e polietileno. “Son plásticos que atopas no teu fogar, envases de produtos de limpeza, de alimentación ou utensilios de calquera tipo. Todos producidos polo ser humano”, expón Carballeira.

A actividade antropoxénica

Os investigadores pregúntanse pola orixe destes microplásticos no océano. O foco é a actividade antropoxénica. Estes materiais contaminantes non chegan directamente aos mares, senón que moitos dos nosos ríos actúan diseminándoos dos focos humanos ata que chegan, por exemplo, ao estómago dun peixe. Os lagos actúan como “reservorios”, como o de Meirama ou o de Cecebre. Moisés Canle, integrante do grupo Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!-PHOTO) e do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), explica que no caso de Galicia, e en comparación co resto do planeta, son niveis baixos que non son perigosos directamente para a saúde. “As lagoas úsanse como sentinelas de contaminación de diversos tipos. Poden chegar partículas que xeran as rodas dun coche, que se espallan centos de quilómetros e deposítanse nas cabeceiras das lagoas”, comenta. Tamén, Canle salienta outras orixes da contaminación por plásticos nas augas, como os exfoliantes da pel ou a roupa que solta plásticos ao lavarse na lavadora.

Publicidade

No estudo participaron cinco científicos galegos

O estudo foi coordinado polas investigadoras italianas Verónica Nava e Barbara Leoni, da Universidade Milán-Bicocca (italia). Ademáis de Carballeira e Canle, participaron no estudo o investigador da Universidade da Coruña Roberto Cao, e Jordi Delgado e José Luis Cereijo, do grupo de investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC). Os cinco científicos galegos participaron neste estudo internacional xunto con outros 79 de todo o mundo, todos vinculados á Rede Global de Observatorios Ecolóxicos de Lagos (GLEON).

A investigadora italiana é unha das coordinadoras do estudo, Verónica Nava.

A través da microscopia, puideron analizar partícula a partícula, descubrir as cores, as dimensións e a natureza dos microplásticos. A interacción da luz co material permitiulles saber a composición destes materiais. A maioría dos plásticos estaban no rango do tamaño medio dos microplásticos, pero as concentracións variaron. Segundo explican os coautores do estudo David Hamilton, Deniz Özkundakci, Justin Brookes e Mohammad Hassan Ranjbar nun artículo publicado en The Conversation, uns 21 lagos tiñan baixas concentracións, por debaixo dunha partícula por metro cúbico. Do resto, 14 tiñan concentracións de entre unha e cinco partículas por metro cúbico -aquí enmárcanse Meirama e Cecebre- e tres lagos tiñan concentracións superiores a cinco partículas por mes.

Os residuos de plásticos están estendidos nos ecosistemas de todo o planeta. Con todo, faltan datos e están en marcha diversas investigacións que pretenden descubrir a súa presenza nas zonas máis remotas. Rafael Carballeira apunta que o “ser humano está a influír nos ciclos bioxeoquímicos, que pode ser contraproducente para el mesmo”. Este tipo de residuos non se degradan dunha forma natural, senón que están fabricados de materiais sintéticos que se fragmentan coa acción solar. Carballeira explica que os máis pequenos, as partículas, son as máis perigosas, e que poden chegar, por exemplo, aos intestinos. De feito, existe evidencia científica que corrobora a presencia de microplásticos en sangue humana ou en placentas.

O investigador e un dos coautores do estudo, Rafael Carballeira.

Estamos a tempo de atallalo ou é demasiado tarde para o medioambiente? En palabras de Moisés Canle, coñécense microorganismos que son capaces de romper as ligazóns que conforman estes polímeros e que poden degradalos. “Pero, se non hai unha acción bacteriana química é moi difícil unha acción humana que poida destruílo”, apunta. Co cal, o óptimo sería que estes contaminantes non rematasen no medio natural. Na mesma liña, Carballeira alega que se está a estudar a maneira de eliminar os microplásticos do planeta, que xa chegan a todos os seus compartimentos. Con todo, o que máis efecto ten é a redución da produción de microplásticos.

Canle cre que non é cuestión de “demonizar os plásticos“, porque para el, son un material indispensable no século XXI. Por exemplo, para as xiringas médicas. Non obstante, cre que, aínda que os plásticos cambiasen as nosas vidas, este tipo de estudos deben servir para que as autoridades competentes reflexionen sobre posibles medidas para frear a contaminación, favorecendo unhas masas de auga en bo estado para as xeracións futuras.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova técnica elimina máis do 98% dos nanoplásticos da auga

A Universidade de Missouri crea un disolvente cunha base natural que se comporta como o aceite: recolle os residuos microscópicos e lévaos á superficie

Volta o chapapote á costa: bólas de pequeno tamaño cobren as praias de Galicia

Asociacións ecoloxistas denuncian a aparición de fuel nas tres provincias con mar

Desplómase a captura de marisco en Galicia e este informe de Greenpeace explica as causas

A contaminación, o quecemento das augas e o aumento de especies invasoras supoñen un perigo para a continuidade da ameixa ou o berberecho nas costas galegas

“É incrible que asumamos que isto vai pasar o 90% das veces”: o problema do lixo mariño

O CEMMA denuncia a presenza de plásticos nas tartarugas que recuperan nas costas galegas