Venres 6 Decembro 2024

Galicia xa suma 63 mortes por calor en 2023: os maiores de 85 e as mulleres, os máis afectados

O cambio climático e o aumento das temperaturas, segundo os expertos, son responsables do 37% dos falecementos dos últimos 30 anos

O aumento das temperaturas a causa do cambio climático é unha constante ano tras ano, coas consecuencias que isto ten para diversos ecosistemas e especies. Os seres humanos non son unha excepción: as vagas de calor tamén afectan á súa mortalidade e xa son moitos os expertos alertando dos efectos dos fenómenos extremos. En Galicia, o perfil de persoas máis afectadas por esta elevación nos números do termómetro está claro: 63 mortes no que vai de ano, con abundancia de persoas maiores de 85 anos e de mulleres. Mais, que hai detrás de todo isto?

Os datos

O Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria MoMo é a ferramenta desenvolvida polo Instituto de Saúde Carlos III para calcular, en base a estimacións, o exceso de defuncións que pode atribuírse ás temperaturas, ben por un exceso de calor ou de frío. Para isto, o sistema utiliza os datos consolidados de defuncións do Instituto Nacional de Estatística (INE), as temperaturas segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e os grupos poboacionais por idade, sexo e provincia, extraídos do INE.

Publicidade

No que respecta a Galicia, no 2023 xa se contabilizan 262 mortes atribuíbles á temperatura, 63 das cales tiveron lugar desde o mes de maio e son as que se poden atribuír ás vagas de calor que por aquel entón estaba sufrindo a comunidade. Se ben no mesmo período de 2022 tamén se contabilizaron 63 defuncións a causa do exceso de temperaturas, isto contrasta fortemente coas 15 estimadas no 2021. Son 199 os falecementos que se poden atribuír ao frío, aínda que aí entran causas estructurais como a pobreza enerxética ou as infeccións respiratorias.

En vermello, os falecementos atribuíbles á calor en 2023 en Galicia. (Fonte: MoMo).
En vermello, os falecementos atribuíbles á calor en 2022 en Galicia. (Fonte: MoMo).
En vermello, os falecementos atribuíbles á calor en 2021 en Galicia. (Fonte: MoMo).

Precisamente, o informe que o organismo emite a nivel estatal correspondente a 2022 informaba de que “o verán con máis exceso de falecementos atribuíbles á temperatura foi o de 2003 seguido do de 2022”, un dato que encaixa tendo en conta que “o verán de 2022 foi o máis cálido desde o comezo da serie rexistrada pola AEMET en 1961, que ata o de agora era o de 2003”. Alén, neste informe tamén afirmaban que o 85% destas defuncións se produciran principalmente en maiores de 75 anos.

Publicidade

No que respecta a Galicia no período de maio a xullo de 2023 este tamén é o grupo máis afectado, sendo 46 as persoas maiores de 85 anos falecidas por diversas causas que poderían ser atribuíbles á temperatura, mentres que entre os 65 e os 84 anos o número descende a 19. Alén, desagregando por sexo, das 63 defuncións totais atribuíbles ao exceso de temperatura, 43 corresponden a mulleres.

No mesmo informe de 2022, o Instituto de Saúde Carlos III tamén valoraba outras causas que poderían interferir cos datos obtidos por MoMo: “O feito de que en setembro, cando a temperatura volve á normalidade, se observe unha baixada brusca, non só do exceso de defuncións atribuíbles á temperatura, senón tamén do exceso de mortalidade por todas as causas suxire que, se ben o deterioro da situación socio sanitaria pode ser un factor contribuínte esencial na mortalidade da poboación, este impacto produciuse fundamentalmente nos períodos de exceso de temperatura”.

Como mata a calor?

Nesta relación entre o clima e a saúde foi na que se centrou o responsable de ciencia de datos na Fundación para a Investigación do Clima (FIC), Dominic Royé, cando realizou a súa investigación de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC): “Existe unha zona que coñecemos como a temperatura mínima de mortalidade que varía en función do clima e da poboación. É dicir, non é o mesmo en Ourense que na Coruña porque é un reflexo da adaptación que temos en función do lugar onde vivimos. A partir deste punto mínimo, a curva de risco a altas temperaturas adoita ser moi exponencial, isto é, aínda que aumente un grao a temperatura, o risco pode ser ata catro veces maior. Ademais, o problema da calor é que habitualmente mata de forma aguda, é dicir, o mesmo día ou poucos días despois”.

Por outra banda, o investigador tamén fai referencia ao aumento das temperaturas a nivel global a causa do cambio climático, sinalando que “hai pouco xa se estimou que o 37% das mortes dos últimos 30 anos son a causa deste, polo que poderiamos telas evitado. Isto significa que a nosa saúde xa se está a ver afectada por estes factores”.

No que respecta a cuestión dos factores de risco para Galicia, Royé manifesta que “a idade é clave, porque existen moitos máis riscos patolóxicos e non existe unha capacidade de adaptación tan boa como podería existir nunha persoa máis nova”.

En canto ao sexo, “é certo que existen diferenzas fisiolóxicas. Un estudo recente realizado en Holanda sinalaba que, nas idades máis avanzadas, as femias súan menos que os homes, mentres que as femias maiores súan menos que as novas, polo que a capacidade das maiores para perder calor corporal é máis baixa. Outra explicación que se contemplaba neste estudo é que o esforzo cardiovascular é supostamente maior nas mulleres, polo que podería explicar o maior risco de mortalidade a altas temperaturas. Con todo, o equipo investigador tamén sinalaba que a causa subxacente podería ser de natureza fisiolóxica ou condutual, polo que son necesarias máis investigacións“.

O frío tamén afecta

A pesar do preocupante número de mortes que aumentan cada ano por causas atribuíbles á elevación das temperaturas e ao cambio climático, en Galicia aínda salientan os falecementos polo motivo contrario: o descenso das temperaturas nos meses do inverno. En 2023, estas supuxeron 116, tendo lugar a maioría en febreiro e afectando en maior medida a homes -60, fronte a 56 mulleres- e a maiores de 85 anos -65, fronte a 36 entre os 65 e os 84-.

En violeta, os falecementos atribuíbles ao frío en 2023 (Fonte: MoMo).

Neste caso, Royé afirma que é algo habitual en moitas rexións, non só en Galicia, pero “é algo máis complexo. No caso do frío, os efectos dun evento extremo na mortalidade poden verse tras varias semanas. Isto ocorre pola incidencia de infeccións respiratorias nestas épocas, o que aumenta o risco, mais tamén fai que non mate de forma tan aguda como ocorre coa calor. Ademais, neste caso a curva non é exponencial, senón que é moito máis plana ou lineal”.

O investigador tamén volve citar o estudo holandés, o cal non atopou unha diferenza por sexo no caso do frío como si facía cos eventos de calor extrema, mais tamén deixa clara a influencia dos factores socioeconómicos: “O ano pasado realizamos un estudo sobre enfermidades cardiovasculares e vimos que o risco de mortalidade era máis baixo nos países cun PIB máis elevado. Isto ocorre porque a probabilidade de supervivencia depende moito do sistema de saúde e da velocidade de reacción e actuación. No caso da temperatura, tanto no inverno como no verán, está a cuestión da pobreza enerxética, aínda que hai algunha diferenza. Se non tes calefacción na casa podes intentar combater o frío con moitas mantas, mais no caso da calor, se non tes aire acondicionado, por moito illamento que haxa ou que te quites a roupa, hai un límite no que xa non se pode facer nada máis“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Mapas, datos e interface: así é o sistema da UVigo para afrontar chuvias extremas

Un método desenvolto no grupo Ephyslab calcula os caudais dos ríos e simula os asolagamentos ante precipitacións torrenciais

O cambio climático duplica a probabilidade de eventos tan extremos como o de Valencia

O primeiro estudo científico sobre a catástrofe de Valencia estima que estes fenómenos son un 12% máis intensos polo quecemento global

As DINAS do Mediterráneo son comparables aos furacáns tropicais, segundo un experto

Os estragos da gota fría abren o debate sobre a necesidade de actualizar as alertas meteorolóxicas xa que estes fenómenos, potenciados polo cambio climático, supoñen un risco para a vida

Elena Ojea, a galega que busca un futuro sostible para o océano

“Se non tomamos medidas en materia de mitigación, haberá que combinar a pesca con outras actividade ou mesmo abandonala”