Mínimas de tres graos en pleno xullo: por que Galicia está esquivando as ondas de calor

O aire frío nas capas altas do Atlántico Norte serve de motor para aminorar as temperaturas e impide acadar valores extremos

A península está sufrindo a terceira onda de calor do verán. O luns, os termómetros deixaron valores de 45,3 graos en Figueres (Cataluña), 44,9 en Andújar (Jaén) ou 44,8 graos en Montoro (Córdoba). Mentres tanto, Galicia rexistra temperaturas como os 26 graos de máxima en Santiago, ou os 3,1 graos de mínima en Calvos de Randín (Ourense). Esta nova onda de calor que afecta a toda a península aínda se manterá os próximos días, á vez que Galicia resistirá con temperaturas propias desta época. Que é o que está a pasar na atmosfera para que o país quede á marxe e estea a desfrutar dun xullo estable?

O caso dos tres graos en Calvos de Randín non é excepcional. De feito, é probable que outros puntos de montaña da península que acadan máis de 30 graos rexistrasen aínda menos nas súas mínimas. É un dato que se produce polas características das chairas e a baixa humidade que favorece a perda de calor. Con todo, en Galicia o tempo fresco esténdese ao resto do día. “É unha situación sinóptica, e para descubrilo temos que observar o mapa no Atlántico e Mediterráneo”, explican dende MeteoGalicia. Unha zona de aire frío nas capas medias e altas do Atlántico Norte serve de motor para mover o aire en contra das agullas do reloxo.

Publicidade

Esas borrascas descenden ata a latitude de Galicia, quedando ao seu lado e propiciando que non chegue o aire cálido que se move cara ao Mediterráneo e que provén do norte de África. Como consecuencia, prodúcese unha situación que se está repetindo nas últimas semanas: a chegada de tempo de outono cando a borrasca se achega ao país. “Estamos tendo un xullo moi normal. En Ourense alcánzanse 30 graos practicamente todos os días. As Rías Baixas teñen ceos despexados. A climatoloxía galega indica catro ou cinco días de chuvia en xullo. Non podemos dicir que estamos tendo un mes frío e húmido“, apuntan dende MeteoGalicia.

O vento do norte bloquea a masa de aire africano que se move cara o mediterráneo occidental. Foto: Meteogalicia

Desta maneira, estes valores son relativamente normais dentro dun contexto de cambio climático, que tamén propicia situacións anormais e que xa se manifestaron nos últimos tempos en Galicia. Para os próximos días, a predición é cambiante. A partir do xoves entra unha masa de aire frío en altura que pode provocar nubes de evolución. O domingo pola noite, achégase a borrasca, e a fronte pode deixar algo de chuvias no oeste. Mentres tanto, ata ese día, Galicia poderá ir á praia, grazas aos ceos despexados pola tarde, con máis calor canto máis descendamos cara o sur.

Publicidade

https://twitter.com/AEMET_Galicia/status/1681621180724264963?s=20

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

Menos extremas, pero máis calor: así están a cambiar as estacións en Galicia

Os gráficos do meteorólogo Benito Fuentes sinalan que o inverno quenta máis rápido ca o verán, reducindo a distancia térmica

Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o venres

A Xunta acende o aviso laranxa por altas temperaturas no noroeste da Coruña e na montaña de Ourense e o amarelo na montaña de Lugo e en Valdeorras

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor no interior de Pontevedra durante o xoves

Galicia quedará ata o próximo sábado baixo a influencia dun anticiclón que tamén provocará avisos no centro de Lugo, interior da Coruña e montaña de Ourense