Volve a chuvia a Galicia: unha borrasca atlántica deixará unha fin de semana de inestabilidade

O mércores será un día de transición e o xoves empezarán as precipitacións polo aire frío situado nas capas altas da atmosfera

Unha borrasca atlántica poñerá fin ao tempo anticiclónico na comunidade. Tras acadar récords de temperatura no mes de abril e desfrutar dun clima de verán, esta semana producirase un cambio de tempo radical. Caen os termómetros e os ceos abertos cubriranse de nubes, que deixarán precipitacións dende o xoves. Este martes Galicia aínda se mantén baixo a influencia das altas presións e con vento forte que sopra do nordés e que se intensificará pola tarde. Unha masa de aire fría está baixando os valores e en cidades como Ourense prodúcese unha remarcable oscilación térmica: de 6 a 23 graos. Será o mércores cando Galicia se sitúe nunha zona de transición e empece a cambiar o panorama meteorolóxico.

No ecuador da semana os ceos empezarán a cubrirse cara ao final do día polo norte, e na madrugada do xoves pode producirse algunha precipitación. As temperaturas sufrirán lixeiros descensos. MeteoGalicia apunta que Galicia se atopa nunha situación de “tempo cambiante” e que o xoves empezarán as chuvias polo aire frío situado nas capas altas da atmosfera. A inestabilidade aumentará co avance do día, con intervalos nubrados e chuvascos ocasionais. Unha fronte asociada a unha borrasca atlántica chegará a Galicia ao longo do venres descargando precipitacións máis xeneralizadas na segunda metade do día. Baixan as temperaturas: o valor máximo esperado son os 15 graos da Coruña e Ourense.

Publicidade

O portal eltiempo.es apunta que dende o xoves a borrasca atlántica empeza a aproximarse ao noroeste peninsular e traerá precipitacións a Galicia, Asturias, Cantabria e zonas de Castela e León. Neste senso, o “núcleo” da borrasca podería entrar na tarde do venres. Así, cruzaría a península ao longo do sábado, podendo converterse no día “máis inestable da semana”, con chuvias xeneralizadas pola mañá. De cara ao domingo, a borrasca afastarase da comunidade e agárdase unha xornada máis tranquila no meteorolóxico, con chuvias máis probables no norte peninsular.

Os ventos do suroeste, particulares das borrascas atlánticas, soprarán especialmente fortes na Costa da Morte. Segundo o organismo autonómico, despois de perder a influencia anticiclónica, Galicia rexistrará temperaturas baixas para a época do ano. Polo tanto, neste último tramo da semana e coincindo cos últimos días de abril, o tempo será especialmente inestable na comunidade galega. Aínda é cedo para establecer predicións de cara a semana que vén pero todo apunta a que os ceos continuarán cubertos e caia algunha precipitación de cara ao martes. Sobre o festivo do 1 de maio, o portal eltiempo.es alega que está enmarcado nunha semana na que haberá precipitacións por “enriba da media” no noroeste peninsular, Illas Baleares, Pirineos, norte de Aragón, Cataluña e Navarra.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor no interior de Pontevedra durante o xoves

Galicia quedará ata o próximo sábado baixo a influencia dun anticiclón que tamén provocará avisos no centro de Lugo, interior da Coruña e montaña de Ourense

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

Do chorro polar ás dinas: as claves do drástico cambio de tempo en Galicia a partir do mércores

A influencia anticiclónica debilitarase na segunda metade da semana coa previsión de ceos nubrados, temperaturas suaves e chuvascos ocasionais

Así evoluciona o tempo en Galicia antes da eclipse: ceos máis despexados no interior e incerteza no norte

O litoral norte da Coruña e A Mariña concentran as dúbidas pola posible presenza de nubes baixas, mentres o resto da comunidade presenta unha situación favorable