Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacionalinternacional

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) forma parte da rede de centros galegos de investigación de excelencia CIGUS da Xunta de Galicia. Neste momento, está a concluír un exitoso ciclo, renovando os seus obxectivos estratéxicos e as súas infraestruturas, afrontando novos desafíos para reforzar o traballo do centro.

O CIM ten a súa orixe nas necesidades e inquedanzas do profesorado da licenciatura de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, que comezou a súa andaina en 1992. As esixencias de dispoñer de custosos equipos e recursos para facer investigación mariña de primer nivel foron agrupando os intereses do persoal investigador gradualmente e impulsaron a creación dun centro de apoio á investigación mariña a pé de mar: a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), fundada en 2006.

Publicidade

A Ecimat facilitou os recursos e persoal necesarios para avanzar con competencia no coñecemento mariño. Ademais, facilitou a interacción do persoal investigador, cuxas sinerxías deron lugar á creación de grupos de investigación no marco dos programas de excelencia investigadora da Xunta de Galicia, que buscaban a creación de centros de investigación de vangarda que demostrasen a calidade científica da comunidade. Estes grupos de investigación de alto nivel, recoñecidos e financiados pola Xunta, son os antecedentes dos actuais centros da rede CIGUS. Posteriormente, en 2008 creouse a agrupación estratéxica Océano-Ecimat, que reuniu os grupos de excelencia en investigación mariña da Universidade de Vigo.

En 2016 a Xunta de Galicia recoñeceu as agrupacións estratéxicas de maior impacto científico como Centros Singulares de Investigación, creando unha rede que representaba a excelencia da ciencia en Galicia. “Nese momento, o CIM converteuse nun centro singular, categoría revalidada en 2019 coa creación da rede CIGUS por parte da Xunta, da que actualmente formamos parte e cuxo ciclo de financiamento vai rematar agora”, explica Daniel Rey, actual director do CIM.

Publicidade

O CIM logrou, nun período de tempo relativamente curto, situarse na clasificación de Shanghai de 2023 entre os 200 mellores centros de investigación oceanográfica a nivel mundial. Ademais, oito dos seus investigadores están entre o 2% máis citado das súas disciplinas en todo o mundo. “Isto dá unha idea da calidade e o impacto que temos. Se comparamos o número de publicacións internacionais dos períodos 2016-2019 e 2020-2023, houbo un incremento do 47%, practicamente o dobre no caso dos estudos de máis alto impacto. Por outra banda, o 65% das publicacións que se fan desde o CIM están realizadas en coautoría con outros centros de investigación de fóra de España. Para un centro cun percorrido tan breve é un logro moi importante. Aspiramos a máis, pero tamén valoramos o que conseguimos ata o momento”, sinala o director do centro.

Un novo ciclo

Cun ciclo rematando, ábrese agora unha nova etapa para reflexionar sobre o acadado, mais tamén para apuntar cara a novos obxectivos ligados ás áreas de especialización do centro tales como a biodiversidade, a xestión costeira, o impacto do cambio climático e da actividade humana, a identificación de fontes de contaminación, o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras e emerxentes como a eólica mariña flotante, a enerxía undimotriz e a
sostibilidade de sectores como a acuicultura. “Todas estas liñas de investigación están dentro do contexto da Década das Ciencias Oceánicas 2021-2030 para o desenvolvemento sostible proclamada por Nacións Unidas e da Misión da Unión Europea para restaurar os nosos océanos e as nosas augas”, indica Daniel Rey.

Para avanzar nestes ámbitos é imprescindible contar con infraestruturas de investigación de vangarda. Dende o centro salientan a finalización da construción dun buque de investigación oceanográfica costeira híbrida enchufable, a primera embarcación profesional deste tipo construída en España, a ampliación das capacidades da batea experimental en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a adquisición dun analizador de isótopos de carbono, como principais fitos neste último ano neste campo. “A medida que imos enfrontando retos, de forma coordinada e segundo a nosa capacidade, imos desenvolvendo as nosas infraestruturas. Grazas a isto puidemos conseguir algunhas das máis importantes do país”, manifesta Rey.

Así, algúns dos logros acadados no eido da experimentación e da observación, dúas das patas fundamentais no labor do CIM, son “a creación e posta en marcha do mesocosmos na Ecimat, o que nos permite xerar unhas condicións experimentais moi semellantes ás naturais, dotándonos dunha capacidade singular tanto en España como a nivel internacional; e a obtención dunha embarcación propia que poida responder as nosas necesidades específicas, saíndo das rías e chegando á plataforma continental sen ter que depender da contratación dun barco”.

Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo (Crédito: UVigo)

A terceira pata que sustenta o labor do centro é a transferencia de tecnoloxía mariña. Unha parte esencial desta actividade realízase a través da prestación de servizos e o acceso a investigadores internacionais a través de Ecimat, que forma parte do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños (European Marine Biological Resource Centre-EMBRC), na que participan outras 81 estacións mariñas de nove países europeos. Daniel Rey lembra que “o CIM está a coliderar o desenvolvemento da economía azul sostible en Galicia, dentro do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia en coordinación con outras cinco CCAA, baixo o paraugas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Igualmente, queremos destacar a nosa participación no programa Ignicia co proxecto MytUniSex, centrado no desenvolvemento e valorización dunha metodoloxía para a produción masiva de liñas de mexillóns unisex, coas características máis atractivas para o mercado. Ademais, estamos implicados noutros proxectos como o MARINNONET, financiado pola convocatoria Interreg Atlantic Area, que busca mellorar as capacidades de innovación e transferencia nas rexións do espazo atlántico no ámbito da biotecnoloxía azul”.

Por último, para o centro a alfabetización oceánica ten tamén un papel importante, tal e como explica o director do CIM: “Os conceptos fundamentais arredor da importancia dos océanos, para o medio ambiente, non están reflectidos nos currículos da educación primaria e secundaria. Isto provoca que haxa unha incomprensión por parte da cidadanía do que implican os océanos para o noso desenvolvemento social e económico. Por iso, queremos xogar un papel nesta educación, proporcionando non só coñecementos científicos sobre os océanos, senón tamén valores, actitudes e habilidades que promovan a conservación e a sostibilidade mariña, ou consello científico a todas as persoas implicadas na política e nas organizacións de conservación e xestión do medio mariño”.

Este labor lévase a cabo a través de accións como o programa Scientists meet artists do Campus do Mar, creado como un lugar de encontro entre a ciencia e a arte; as xornadas de portas abertas do CIM e o traballo do persoal investigador do CIM cos centros educativos, así como a colaboración entre os grupos de investigación e as comunidades costeiras, entre outras.

Retos de futuro

Un dos obxectivos actuais do CIM é converterse nun punto de referencia nacional e internacional no que respecta á investigación mariña. Para isto, o director do centro apunta a continuar impulsando estas vías, mais tamén sinala a necesidade de que o impacto fóra do país sexa aínda máis potente: “Ao longo destes anos fomos definindo aínda máis a nosa identidade e modificando a nosa xestión interna. O noso plan agora é tratar de atraer as mellores científicas e científicos do mundo para que fagan ou contribúan ás aportacións que facemos desde aquí. Tamén estamos desenvolvendo programas de formación para que o noso persoal poida desenvolver as súas carreiras sensibles aos novos avances tecnolóxicos”.

Neste sentido, a cuestión do espazo xoga un papel fundamental, un problema que viñan acusando a raíz da expansión das súas necesidades. Así, a adxudicación do concurso para o novo edificio do CIM nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) supón un gran paso adiante: “Isto vainos permitir xuntar todos os nosos laboratorios, que actualmente están dispersos ao longo do campus, e ademais telos á beira do mar. A idea, unha vez situados alí, é dinamizar a nosa actividade xunto co Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), liderando así un polo de desenvolvemento e de transferencia de coñecemento a nivel internacional”, expresa Rey. A expectativa é que o centro poida ser ocupado en 2025.

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais