As toxinas paralizantes que causan as mareas vermellas produciron o peche das primeiras bateas o pasado febreiro. Tratáse do dinoflaxelado Alexandrium minutum, que se alimenta dos recursos que atopa ao seu paso como os moluscos e os estraga, xa que non se pode comercializar este marisco contaminado ao superar os límites legais establecidos. Un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) acudiu a Campelo, na Ría de Pontevedra, a tomar mostras, despois de coñecer a decisión do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) de pechar algunhas zonas de extracción pola proliferación destes organismos. Efectivamente, alí estaban baixo o microscopio.
O investigador Francisco Rodríguez explica que de momento non se están reproducindo de maneira masiva como para ocasionar unha marea vermella. Nos últimos sete anos é “habitual” atoparse estas toxinas especialmente nas Rías Baixas. Por este motivo un equipo do IEO investiga cales son eses factores que provocan constantes proliferacións. Na opinión de Rodríguez, cre que a “forte” marea vermella de 2018 que tivo lugar en Vigo é un dos motivos que provocan que na actualidade persistan estes organismos e afloren nas costas. Esta época do ano, onde os días son máis longos e empeza a facer calor, favorece as condicións para o seu arraigo.
Os dinoflaxelados medran en zonas onde entra auga doce, polo que as rías son perfectas para eles. Ademais, toleran á perfección os cambios de salinidade. “Tras unha marea vermella, como medran e se estenden polas correntes, fan células de resistencia. Isto é un factor para que sexan recorrentes nunha zona, e cando hai boas condicións, como na actualidade, florecen e inician as poboacións”, sostén o investigador. A falta do vento do nordés que acelera a ría e elimina as toxinas das costas a través das correntes oceánicas as están a beneficiar no litoral de Pontevedra. De momento, os investigadores seguirán de preto a súa evolución.













